O pasado venres celebrouse no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), en Compostela, unha cita con todos os beneficiarios do programa Galeuropa 2015, e tamén cos coordinadores de dito programa, onde se falou da experiencia persoal de cada un dos participantes, así como da experiencia das asociacións e dos Concellos participantes, entre eles o noso.

 

Entre os asistentes participaron os beneficiarios dos programas que viñan mediante entidades sen ánimo de lucro, os que viñan mediante os Concellos e, tamén os beneficiarios de beca individual onde cada un deles comentou a súa experiencia.

Neste acto, presentado pola directora  xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, xunto con Rubén Urosa Sánchez, director do Instituto da Xuventude de España, falouse da importancia destes programas de emprego e da elevada inserción que se acada con estas mobilidades.

Polo Concello de Negreira participou Sonia Ponte Esturao, coordinadora de Galeuropa 2015 quen falou da importancia que teñen estas convocatorias para os rapaces inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, xa que a experiencia persoal é moi enriquecedora. Como novidade, este ano 2016  incrementase a idade de participación ata mozos/as de 30 anos co que supón unha vantaxe enorme para os que remataron os seus estudos, xa que antes a idade era un problema para poder participar.

Tamén asistiron a este acto os beneficiarios do programa Galeuropa do Concello de Negreira, onde explicaron as súas vivencias e que volverían a facelo sen ningunha dúbida.

powered by social2s

O Concello de Negreira presenta os actos co gallo do Día da Muller Traballadora (8 de marzo), os cales van ter lugar o venres 11 coa obra teatral ¨As fillas bravas¨, de Chévere, ás 21:00 horas e, mailo sábado 12 de marzo ás 20:00 horas co concerto do grupo Queicoa e maila presentación da Escola municipal de gaita, no Auditorio municipal. As entradas para ¨As fillas bravas¨, pódense retirar na Delegación de Cultura (primeiro andar Casa da Cultura), en horario de mañá. O prezo é de 2 euros.

 

As fillas bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos.

Perspectiva de xénero

En escena: Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar. Dramaturxia e dirección: Xron. Escrita por Manuel Cortés é unha producción Chévere e coa que segue a explorar as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero, dando continuidade a traballos que cuestionaron a rixidez dos xéneros (Testosterona), que reivindicaron as voces silenciadas dunha forza de traballo feminina que segue levantando imperios económicos na era da globalización (Citizen), que promoveron unha lectura crítica dos valores machistas que transmiten as cancións románticas (I’ll be watching you). Nesa liña de traballo, ¨As fillas bravas¨ veñen para reafirmar modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados.

As fillas bravas é tamén un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflexados nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que se fixo un traballo de procura, escolma e adaptación de textos de transmisión oral publicados desde a segunda metade do século XIX.

As fillas bravas é un espectáculo para todos os públicos, pero xa temos comprobado que ofrece un aproveitamento lúdico e pedagóxico especialmente axeitado para dous segmentos de público moi interesantes á hora de crear e formar novos espectadores: Rapazas e rapaces de entre 14 e 18 anos, e maiores de 65 anos.

Músicas

As músicas usadas no espectáculo están inspiradas en cantos tradicionais recollidos en diferentes lugares de Galicia. Entre eles, "Pandeiretada" gravada no primeiro disco de Radio Cos e "Danza de Cerdeira", gravada no primeiro disco de Leilía.

powered by social2s

Negreira acolleu este Luns de Entroido, o seu tradicional concurso de disfraces infantil, celebrado no Auditorio municipal cunha participación dun cento de nenos e nenas que fixeron as delicias dos alí presentes. E dende a Delegación de Cultura lémbrase que segue aberta até o xoves 18 de febreiro, a inscrición para participar no Gran desfile de carrozas e comparsas do Entroido barcalés, ca celebrarase o sábado 20 de febreiro, a partir das cinco da tarde, partindo o desfile dende o campo dá feira.

Este foi o resultado final do xurado para as dúas categorías segundo idades, cuxos premios foron entregados polo alcalde, Jorge Tuñas Caamaño; a concelleira de Educación e Servizos Sociais, María Jesús Veiga Hortas, e mailo concelleiro de Obras, Urbanismo e Parques e xardíns, Manuel Ángel Leis Míguez.

 

De 1 a 6 anos

1º premio – Xulián Díaz Suárez, polo seu disfraz de «Elvis Presley». Cheque agasallo valorado en 100 euros.

2º premio – Zaira Barreiro Lodeiro, polo seu disfraz de «Mary Poppins». Lote de xogos didácticos.

3º premio – Nicólas Carnota Fernández, polo disfraz de «Cabaleiro de tapón». Lote de libros.

 

De 7 a 16 anos

1º premio – Catuxa Sampedro Pereira, polo seu disfraz de «A dama de cristal». Cheque agasallo de 150 euros.

2º premio – Martín Peteiro, polo disfraz «Predrosa desde Malasia a Negreira». Unha tablet.

3º premio – Noelia Carnota Fernández, por «Reciclaxe de primavera». Cámara de fotos dixital.

 

IMAXE: ABRAHAM FOTÓGRAFO

powered by social2s

O departamento municipal de Servizos Sociais informa da apertura do prazo para solicitar a participación na convocatoria de 607 prazas para as estadías e tratamento termal dentro do programa de Benestar en balnearios 2016 segundo a Orde do 10 de febreiro que publicou o Diario Oficial de Galicia número 77 do 16/02/2016.

Os establecementos termais nos que se ofertan prazas son os que a continuación se relacionan:

- Balneario de Acuña - Caldas de Reis (Pontevedra)
- Balneario de Arnoia (Ourense)
- Balneario de Augas Santas - Ferreira de Pantón (Lugo)
- Balneario de Baños de Brea - Vila de Cruces (Pontevedra)
- Balneario de Baños de Molgas (Ourense)
- Balneario de Caldelas de Tui - Tui (Pontevedra)
- Gran Balneario de O Carballiño (Ourense)
- Balneario de Carballo (A Coruña)
- Termas de Cuntis (Pontevedra)
- Balneario de Laias - Cenlle (Ourense)
- Balneario de Lobios - Lobios (Ourense)
- Balneario do Río Pambre - Palas de Rei (Lugo)
- Balneario Termas Romanas - Lugo 
- Balneario de Guitiriz (Lugo)
- Balneario A Toxa (O Grove -Pontevedra)
En cada solicitude só se poderá relacionar un máximo de 3 destinos por orde de prioridade.

-Persoas beneficiarias

Para beneficiarse deste programa haberá que reunir os seguintes requisitos:
a. Ser maior de 60 anos, ou de 55 e reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.
b. Estar empadroado e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
c. Valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa, agás no caso de fillos/as ou persoas tuteladas que acudan en calidade de acompañantes.
d. Non padecer enfermidade infecto-contaxiosa, en fase activa, nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que poidan alterar a normal convivencia durante o transcurso da quenda.
e. Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.
A persoa solicitante poderá ir acompañada do seu ou da súa cónxuxe ou persoa con análoga relación de convivencia, sempre que cumpra os requisitos citados anteriormente, excepto o sinalado na letra a).
Tamén poderán participar os/as fillos/as ou persoas tuteladas polas persoas solicitantes que teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando o poidan facer sen necesidade de apoio de terceira persoa e se poidan desprazar con autonomía, compartan o cuarto coas persoas proxenitoras e cumpran os requisitos citados anteriormente, excepto o da letra a). Neste suposto, terán que cubrir os seus datos na epígrafe correspondente da solicitude presentada polas persoas proxenitoras ou titoras.
As persoas solicitantes deberán cumprir os requisitos na data en que remate da data de presentación.

-Servizos incluídos

As quendas teñen una duración de 10 días (nove noites) cada unha, realizaranse en réxime de pensión completa e comprenderán desde as doce horas do día de chegada ata as doce horas do día de saída.
O desenvolvemento destas quendas terá lugar durante o período comprendido entre o mes de xuño e outubro de 2016.
Nos prezos inclúen os seguintes servizos:
a. Aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres de uso compartido.
b. Tratamentos termais, coas indicacións terapéuticas que figuran para cada balneario no anexo III, que comprenderán: 
o Recoñecemento médico, ao ingresar no balneario, para a prescrición do tratamento.
o Tratamento termal básico que, en cada caso, prescriba o persoal médico do balneario.
o Seguimento médico do tratamento.
c. Programa de actividades de animación sociocultural que se leve a cabo no establecemento hoteleiro ou termal.
d. Póliza colectiva de seguro turístico.
As persoas beneficiarias que estean interesadas en aloxarse en cuarto individual, no caso de que houbese dispoñibilidade, teranse que facer cargo da diferenza do custo que supoña, e as que precisen dalgún tipo de apoio ou dieta especial terano que indicar no momento de presentar a solicitude e acreditalo ao incorporarase á quenda.
A participación nas excursións ou actividades con custo adicional que organice o establecemento termal ou hoteleiro deberano facer as persoas beneficiarias polos seus propios medios e ao seu cargo, así como o desprazamento desde o domicilio ata o establecemento termal e o de regreso, sen prexuízo de que se poidan acoller ás facilidades para o transporte que ofertase o balneario, se for o caso.

-Documentación

Solicitude, na que se cubrirán todos os datos requiridos, tanto da persoa solicitante como de quen a acompañe (cónxuxe, acompañante, fillo/a, tutelado/a).
Cada solicitude, no caso de  non dar autorización expresa á Consellería de Política Social para acceder aos datos persoais que figuran nos ficheiros pertencentes á dita Consellería ou a outras Administracións Públicas, estará acompañada de:
• Copia compulsada do documento nacional de identidade (DNI), ou ben do pasaporte ou do número de identificación do estranxeiro (NIE), segundo proceda.
• Certificado de empadroamento, emitido polo concello correspondente que acredite a residencia nun municipio da comunidade autónoma no momento de presentar a solicitude.
• Copia da declaración do imposto da renda das persoas físicas correspondente ao último período en que se presente a solicitude, certificado de toda clase de pensións percibidas pola persoa solicitante e acompañante, se fora o caso, ou declaración xurada de non percibilas.
• Certificado do grao de discapacidade do/a fillo/a ou tutelado/a pola persoa solicitante, no caso de non ser expedido na nosa Comunidade Autónoma.
Prazo presentación de solicitudes
O prazo é de 20 días naturais dende o día seguinte á publicación da orde no DOG. Ata o 7 de marzo de 2016.

-Lugar de presentación

• Preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es/, para o que é preciso o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
• En soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
• Por correo postal mediante envío certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Máis información Servizos Sociais do Concello de Negreira.

powered by social2s

O Concello de Negreira informa que por Decretos de Alcaldía nº 37/2016 e nº 38/2016, de data, ámbolos dous, do día 2 de febreiro de 2016, aprobáronse as Bases para a formación de listaxes de agarda para a sustitución do persoal laboral temporal seguinte:

- Traballador/a social

- Auxiliar de fogar

O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días hábiles, a contar desde o mércores 10 de febreiro, no Rexistro Xeral da Casa do Concello, na rúa do Carme 3.

O contido íntegro das referidas Bases atópase a disposición dos interesados/as na Secretaría municipal.

powered by social2s