Así se chama a campaña deste ano 2020 da Asociación de Empresarios de Negreira (ENe), en colaboración co Concello, e que comezará o vindeiro día 1 de decembro ata o 31 de xaneiro de 2021. A campaña foi presentada esta mañá pola presidenta da entidade, Brenda Wilhelm, xunto coa vicepresidenta de Ene, Eva Blanco, e mailo alcalde negreirés, Manuel Ángel Leis Míguez, quen salientou que dende o Concello "colaboramos coa asociación para inxectar unha cantidade económica que vai ser repartida entre todos negocios participantes", animando a autónomos e empresas a facerse socios e ser partícipes desta campaña.

 

A dinámica da campaña é a seguinte, tal e como describiu Brenda Wilhelm: "Cada participante entregará pola compra ou consumición no seu establecemento, un rasca ao seu cliente. A cantidade de rascas entregados por establecemento definirase en función do número de participantes finais na campaña. Entregaranse rascas ata esgotar existencias ou, ata o 5 de xaneiro", indicou.

 

 

Cada rasca premiado estará identificado co nome do establecemento, onde terá que ser canxeado, mailo seu valor, que poderá ser de 10, 5 ou incluso de 2 euros no caso da hostalería e algo moi importante, pois "todos os empresarios terán o mesmo valor económico en rascas", engadeu Brenda.

 

Os rascas premiados poderán ser canxeados ata o 31 de xaneiro, a modo de desconto directo no establecemento indicado no propio boleto. Cada rasca terá que canxearse no establecemento indicado no mesmo, figurando en cada un, o valor e lugar onde se deberá canxear.

 

Rascas non premiados

 

Os rascas sen premio instantáneo, tamén poderán gañar, pois entrarán nun sorteo que se efctuará en directo en Radio Negreira, nas vésperas do día de Reis. O gañador/a recibirá en cheques agasallos, o valor de 200 euros, a canxear nos establecementos afiliados á campaña da nosa vila.

 

A data límite para afiliarse e beneficiarse da campaña é ata o vindeiro día 22 de novembro, a través da web: www.eneasociación.es

powered by social2s