Eroski

Con guión de Manuel Cortés, Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e o propio Xesús Ron, a película utiliza a pantalla para introducir aos seus protagonistas: unha moza directora de cinema e a súa familia, á que recorre para rodar un filme.

 

Trátase pois de cinema dentro do cinema que fala de memoria, historia local e resquebraxamento de relacións botando man á nostalxia, a crítica social sutil e a metalinguaxe cinematográfica, e onde non faltan, cara ao final da súa metraxe, recursos de animación e unha única saída ao exterior para rubricar esta traxicomedia da vida, que reflicte como os edéns do pasado deron paso ao consumismo hedonista actual. Porque o título fai referencia ao supermercado construído onde estaba situada a popular sala de festa rural na que se coñeceron Eva e Antonio, os pais de Álex. Por indicacións da moza, os proxenitores –separados desde hai tempo– deberán recrear ante a súa cámara, a súa primeira cita, a súa consecuente noite de paixón e o seu reencontro 25 anos despois, cando o tempo e os seus estragos fixeron efecto. Durante esta representación sairán á luz algúns segredos non precisamente amables.



Poderemos vela no Auditorio do Centro Sociocultural da vila, este venres 27 de novembro, nun único pase, a partir das 20:30 horas, con entrada de balde ata completar a capacidade.

 

Esta proxección pecha o programa do Outono Cultural 2020 do Concello de Negreira.

powered by social2s