Hoxe quedou constituida a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, do Concello de Negreira, a cuxo acto celebrado no Salón de Plenos da Casa do Concello asistiu a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.

Constitúen a Mesa, o alcalde Jorge Tuñas Caamaño como presidente da mesma e, actuando como secretaria, a directora do Centro de Información á Muller, Rosa Fuentes Cambeiro, coas seguintes vogalías: A concelleira de Emprego, Muller, Medio Ambiente e Agricultura, María del Mar García Vidal; persoal do CIM, Natalia Suárez García; persoal dos Servizos Sociais municipais, María Rosario Cajuso Barbazán; representante da Policía Local, Eulogio Cives Martínez; representante da Garda Civil, o sarxento comandante do posto de Negreira, Fernando Otero Calviño; representante do IES Xulián Magariños, o seu director, Adelino Pose Reino, e representante do CEIP O Coto, Marina Natalia Fariñas de Alba.

A Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero reunirase de xeito ordinario con periodicidade semestral, e de xeito extraordinario ou con carácter de urxencia, sempre que a situación o requira.

A Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero é un instrumento operativo no que están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero, co obxecto de procurar unha maior eficiencia da resposta ante a grave vulneración de dereitos que supón a violencia de xénero.

powered by social2s