Dous equipos do IES Xulián Magariños asisten hoxe á xornada de formación do Club de Debate 2017 no Pazo da Cultura de Pontevedra, de cara a afondar nas habilidades comunicativas para a nova edición do Club de Debate, unha actividade financiada polos nove concellos participantes, entre eles Negreira.

 

Na xornada de formación participan sete equipos, en total 65 estudantes de 3º e 4º de ESO e 1º de Bacharelato, de IES de Pontevedra e Negreira. Son o IES Luís Seoane, o Torrente Ballester, o Sánchez Cantón, o IES de Ponte Caldelas e mailo colexio San Narciso, de Marín, quenes participan con cadanseu equipo, mentres que o Xulián Magariños faino con dous equipos.

 

O curso de comunicación para os equipos do Club de Debate estará impartido por Tagen Ata, Lingua e Comunicación, no salón de actos do Pazo da Cultura, para que as mozas e os mozos que van debater o vindeiro 4 de marzo na Fase Zonal de Pontevedra vaian afacéndose ao espazo.

 

Durante tres horas traballarán contidos teóricos e prácticos centrados na comunicación como proceso grupal e social; o papel da voz na comunicación: ton, intensidade, ritmo; a ordenación do discurso oral; a importancia da escoita e os factores que a condicionan; a comunicación non verbal: a mirada e a xestualidade; e outros recursos que axudan a mellorar a comunicación grupal para preparar os debates.

 

Tres fases de zona

 

Na organización e celebración do Club de Debate para este curso colaboran nove concellos: Negreira; Ames; Santiago; Pontevedra; Oleiros; Ferrol; Rois; Teo e Carballo, a través do Servizos de Normalización Lingüística, e que se dividen en tres zonas con fases previas á final. Na fase da zona de Pontevedra este ano colaboran co Concello de Pontevedra, os concellos de Negreira e o de Rois, con dous equipos cada un que debaterán en Pontevedra, o sábado día 4 de marzo.

 

Os obxectivos do Club de Debate son: favorecer o emprego da lingua galega entre a mocidade, especialmente o uso oral en contextos formais e informais; potenciar a fluidez comunicativa ligada á oratoria; promover o pensamento crítico e analítico sobre temas de actualidade, deixando de lado os estereotipos da mocidade en canto intereses e preferencias e fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia fronte a diferentes cuestións e o traballo en equipo.

 

A gran final do Club de Debate terá lugar este ano en Compostela, o vindeiro 6 de maio.

 

powered by social2s