parcelaria180918.jpgA Consellería do Medio Rural vén de aprobar o acordo da concentración parcelaria da zona de Aro-Campelo-Gonte, no concello de Negreira, que supón a determinación dos predios de reemplazo cos novos titulares, coa superficie resultante da reorganización e coa nova clasificación da terra. Trátase da reorganización de 6.252 parcelas que pasan a ser 1.274 predios pertencentes a 812 propietarios.

 

Este anuncio, que se vai publicar en breve no Diario Oficial de Galicia, foi asinado xa polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e permite dar un paso máis na finalización deste proceso que afecta 880 hectáreas e que ten un carácter principalmente forestal.

 

Nesta reorganización territorial lévanse investidos 2,5 millóns de euros destinados na súa meirande parte á execución da rede de camiños e a investimentos en servizos técnicos, como o levantamento topográfico ou a redacción das bases e do acordo, entre outros.

 

Ademais, co obxectivo de darlle un forte impulso a zona, estanse iniciando os traballos de colocación dos marcos dos novos predios. Traballo necesario e imprescindible para que os propietarios da zona podan empezar a traballar e plantar as súas novas parcelas.

 

Para explicar este acordo, e mailo resultado das alegacións presentadas por propietarios, o Concello de Negreira informa que haberá unha xuntanza o xoves 27 de setembro, ás 10.30 horas, no Auditorio do Centro Sociocultural.

 

A entrega da documentación das novas parcelas terá lugar nos seguintes días no Local Social da parroquia de Aro: días 2, 3 e 4 de outubro.

powered by social2s