Rematado o mes de agosto, pasaron polo punto de información 1608 persoas. Este é o cuarto mes consecutivo no que se superan as 1000 persoas atendidas, e supón o mes con maior afluencia pola caseta de información turística situada na avenida de Santiago.

 

Polo xeral, a meirande parte das persoas solicitan o selo da credencial e piden información sobre o Camiño e o aloxamento, ademais de que ver en Negreira e determinados servizos da vila. A franxa de idade con maior presenza é entre os 35 e os 60 anos, con case a metade. No que respecta ao sexo, as cifras están equilibradas no 50%. Sobre o 95% das persoas atendidas na caseta veñen por primeira vez a Negreira. En torno a 8 de cada 10 persoas veñen a pé, e o resto repártense entre os que viaxan en coche/autobús e en bicicleta.

 

Os países emisores que máis presenza tiveron en agosto despois de España son, por esta orde, Italia, Portugal, Francia e Alemaña, mentres que as provincias con maior protagonismo son Madrid, Barcelona, Valencia e a propia provincia da Coruña.

 

Por outra banda, o programa de roteiros guiados Verán no Tambre, levado a cabo nos concellos de Negreira, Val do Dubra e A Baña durante o mes de agosto, supuxo a cifra de 130 participantes entre as 3 citas. O vindeiro 7 de setembro, os tres concellos volverán colaborar no ámbito do turismo para realizar a Ruta do Románico, na que as persoas inscritas poderán viaxar no autobús de xeito gratuíto para coñecer catro igrexas do románico rural galego: Santa María de Paramos, Santa Baia de Lañas, Santa María de Portor e San Pedro de Gonte.

powered by social2s