A marcha «Nunca camiñarás soa», celebrarase o domingo 24 de novembro desde as oito da mañá para cubrir con relevistas ao redor de cen quilómetros, partindo da capital do Xallas por Val do Dubra, A Baña, Negreira, Mazaricos e, con final, na Casa do Concello de Santa Comba, sobre as sete da tarde.

 

Os relevistas portarán un facho de lume para simbolizar o feito de superar a escuridade dá violencia de xénero, segundo sinalan os promotores que pretenden involucrar ao maior número de persoas con relevistas individuais ou en grupo, como colectivos veciñais, de mulleres rurais, deportivas ou culturais.

 

Á chegada a cada concello acenderase un pebeteiro de lume e lerase un manifesto. Todas as persoas que queiran ser relevistas débense anotarse en cada un dos cinco concellos participantes nesta iniciativa pioneira.

 

Percorrido

A marcha, que este ano se iniciará en Santa Comba ás 8 da mañá do domingo 24 e que en futuras edicións arrancará rotativamente en cada concello, sairá da praza do Campo da Feira, e pasará polas parroquias de Montouto, Freixeiro e Vilamaior, antes de dirixirse a Val do Dubra, entrando por Malvárez.

 

En Val do Dubra, discorrerá polas parroquias de Rial, Bembibre e Portomouro, e pasará ao concello da Baña, pouco despois de Paramos. En terras bañesas, visitará Cabanas, Lañas e Seilán, para saltar a Negreira nas inmediacións da Pontemaceira, dende onde collerá a ruta do Camiño de Fisterra que atravesa a capital do Val de Barcala para dirixirse a Mazaricos, intercambiando o relevo na zona das Maroñas, e continuando por boa parte do Camiño ata desviarse cara A Picota.

 

Logo, continuará por Mazaricos, Abeleiras, Abeleiroas, Lago, Niñán, Alborés, San Cosme de Antes para volver a Santa Comba, entrando despois da ponte do río Maroñas pola Pereira, para percorrer as parroquias de San Cristobo de Mallón, Alón e chegar á Casa do Concello, sobre as sete da tarde.

 

 

powered by social2s