Hoxe comeza en Negreira o 29 Congreso de Enciga, a Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia, polo cal suspenderanse as actividades lectivas as dúas últimas horas do xoves 17 e toda a mañá do venres 18 de novembro.

 

O IES Xulián Magariños acolle ata o sábado aos máis de 250 participantes no XXIX Congreso de Enciga, coordinado polos profesores do centro, Adelino Pose Reino e Francisco Rañal Loureiro, e que conta coa colaboración do Concello de Negreira.

 

O Congreso de Enciga vai ser inaugurado ás 19:45 horas nun acto de benvida aos máis de 250 participantes, a desenvolverse no Auditorio do Centro Sociocultural, e tralo cal terá lugar a conferencia inaugural impartida polo doutor José Benlliure Anaya, catedrático da área de Física Atómica, Molecular e Nuclear da Universidade de Santiago de Compostela baixo o título de: Dos núcleos ás estrelas e o seu impacto social.

 

Pódese consultar aquí todo o programa do XXIX Congreso de Enciga que este venres inclúe visitas a distintos lugares de interese da nosa área de influencia como son: O comprexo industrial de Feiraco; unha explotación gandeira de Mazaricos; Central Hidroeléctrica do Tambre; Pranta de Tratamento de Residuos de Lousame; Central Loxística do Sergas; paraxe natural de Pontemaceira; Pazo do Cotón; Paseo fluvial do Barcala e Torres de Altamira.

 

powered by social2s