nadal2018.jpgUnha vintena de actividades conforman un ambicioso programa cultural e deportivo do Nadal 2018 en Negreira, ao longo de catro semanas, entre o 10 de decembro e mailo 5 de xaneiro de 2019.

 

Teatro, música, festivais, torneos deportivos, e mailos tradicionais obradoiros DiverNadal, ou a gran Cabalgada de Reis, integran unha programación cultural para tódalas idades, aínda que máis centrada no público infantil.

 

No mes de decembro, destaca o musical da asociación Aspas: ¡Peter. Volamos! o venres 14, ás nove da noite no Auditorio; ou o fallo do VII Premio de Poesía Xosé M. López Ardeiro, o xoves 20 ás 19.30 horas, coa actuación do Coro Sénior da Universidade de Ferrol; o Gran Festival de Nadal, o sábado 22 ás seis da tarde; e mailo Festival de Nadal da Escola de Teatro, o xoves 27 ás seis da tarde.

 

I Carreira do Turrón

 

No eido deportivo, en decembro vánse celebrar o Torneo de Xadrez (domingo 23), de 11 a 13 horas, na Casa da Cultura, e mailo Torneo de Baloncesto Escolar (sábado 29), a partir das nove da mañá, no Pavillón de Pedra Mámoa. O último sábado do 2018 celebrarase ademáis, a primeira Carreira do Turrón -dunha distancia de 4 quilómetros-, con saída ás 16:30 horas dende o CEIP O Coto.

 

A programación de Nadal estrea o 2019 con teatro. O xoves 3 de xaneiro actuará a compañía Malasombra Teatro, coa súa montaxe: The Fantastic Cleanner´s, ás seis da tarde, no Auditorio.

 

E o sábado 5 terá lugar a Gran Cabalgada de Reis, que partirá ás 17:00 horas do Campo da Feira, e a recepción á comitiva real dende o balcón da Casa do Concello, unha hora despois, para rematalo percorrido no Pavillón Escolar do Coto, coa entrega de agasallos.

 

DiverNadal

 

Os Obradoiros de manualidades para idades infantís terán lugar nas seguintes datas: 22, 24, 26, 27, 28, 29 e 31 de decembro e, o 2, 3 e 4 de xaneiro, no Centro Sociocultural. Hai que anotarse na Delegación de Cultura, en horario de mañá.

 

Programación de Nadal en Negreira.

 

powered by social2s