pleno_portada140519.jpgA Corporación Municipal de Negreira aprobou os orzamentos municipais para o exercicio 2019 na última sesión ordinaria do pleno celebrada este luns 13 de maio. Fíxoo cos seis votos dos concelleiros do equipo de goberno do PSOE e mailo voto de calidade do alcalde, desfacendo o empate tras dúas votacións, logo do voto en contra dos cinco concelleiros do Partido Popular e mailo da concelleira de Ciudadanos, e coa ausencia do edil non adscrito, José Manuel López Lago.

 

Os orzamentos xerais do Concello de Negreira ascenden a 5.040.718,35 euros, tanto no capítulo de ingresos como no de gastos. No primeiro capítulo, o Concello prevé un total de ingresos correntes de 4.693.747 euros e de 346.970 euros de ingresos de capital. As maiores partidas de ingresos corresponden a transferencias correntes (2.412.197); impostos directos (1.628.500), e taxas, prezos públicos e outros ingresos por 614.090 euros.

 

No capítulo de gastos resérvase para gastos correntes a cantidade de 4.552.347 euros, dos que a maior cuantía é para persoal (2.258.000); gastos correntes e servizos (2.000.908), e investimentos reais con 339.825 euros.

 

Tanto o Partido Popular como Ciudadanos expresaron o seu rexeitamento aos orzamentos no seu desacordo por ter sido levados a pleno faltando tan pouco para rematar a lexislatura. O PP criticou o feito de que coa previsión de máis ingresos por impostos directos, baixen un 10% os investimentos reais. Ciudadanos mostrou a súa disconformidade por non terse abordado no pleno municipal o gasto do Fondo de Cohesión Social e porque rómpense a estabilidade orzamentaria.

 

A Corporación Municipal tamén aprobou, por unanimidade, a adhesión do Concello de Negreira, á Asociación ¨Los pueblos más bonitos de España¨, quen propuso incorporar ao núcleo de A Ponte Maceira, a súa listaxe de pobos con esta distinción.

powered by social2s