Os concellos de Negreira, Val do Dubra e A Baña organizan un programa de rutas de sendeirismo arredor do río Tambre, para mergullarse na natureza, a historia e as incontables paisaxes da contorna.
O 3 de agosto, sairemos da praza da feira para percorrer a Ruta dos tres Pazos, con 15,5 Km circulares, pasando polo paseo fluvial do río Barcala, o refuxio de Covas, a eterna Ponte Maceira e os tres grandes pazos que hai no concello: o do Cotón, o de Balandrón e o de Albariña, todos eles a pouca distancia do Tambre.

 

O 10 de agosto presentamos a Ruta do Remuíño, con 13 Km entre ida e volta; partimos do colexio de Portomouro (Val do Dubra), para subir río arriba pasando a ponte de Portomouro, a pequena aldea abandonada de As Novais e a súa vella capela, bosques autóctonos e a histórica fábrica do Remuíño, pioneira da nosa zona na transformación da enerxía hidráulica en electricidade a mediados do S. XX.

 

O 17 de agosto, xuntarémonos na área recreativa de Fiopáns (A Baña) para facer a Ruta da Ribeira do Tambre cos seus 11 Km entre ida e volta. Subindo o río ao deixarmos atrás o Portalaxe coas súas pontellas, percorreremos camiños de pescadores e de labregos, e deixarémonos levar por un inmenso bosque de galería con carballos centenarios e muíños que contribuíron a escribir a nosa historia.

 

As saídas serán ás 09:00 e cómpre inscribirse previamente na caseta de turismo da avenida de Santiago de Negreira, telf.: 650 796 956 (para calquera das tres rutas); no Concello de Val do Dubra, telf.: 981 889 000 (para a ruta do Remuíño); ou no Concello da Baña, telf.: 981 886 777 (para a ruta da Ribeira do Tambre).

powered by social2s