foto130318.jpgO Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a aprobación do proxecto para construír sendas peonís na estrada DP 5603, de Negreira a Marco do Cornado, pola que discorre o Camiño de Fisterra e Muxía. A Deputación da Coruña destina 1.012.495 euros a este proxecto, dos cales 893.378 corresponden ao orzamento das obras e outros 119.116 euros á expropiación dos predios necesarios para executar os traballos.

 

Este investimento realízase dentro do Plan de Sendas Peonís, que pretende mellorar a seguridade viaria dos peóns en todas as vías de titularidade provincial. Así mesmo, a Deputación realiza este tipo de actuacións especialmente naqueles tramos polos que discorren as sendas xacobeas, co obxectivo de mellorar as dotacións para os peregrinos e evitar que teñan que transitar pola calzada ou as beiravías, co consecuente perigo.

 

As obras na DP 5603 de Negreira a Marco do Cornado realizaranse en catro tramos situados entre os puntos quilométricos 1+430 e 2+170, 7+300 e 7+820, 8+750 e 10+770 e do 11+110 ao 12+900.

 

As novas sendas terán dous metros de ancho e realizaranse en zahorra artificial estabilizada con cemento, o que proporciona un firme brando e cómodo para camiñar longas distancias.

powered by social2s