Monumento a Xulián Magariños

O monumento ao escritor Xulián Magariños atópase próximo á galería que une o Pazo de Cotón coa Capela de San Mauro.

Componse un de monolito cunha placa na que se relata: “A Xulián Magariños Negreira, escritor galeguista (1904 – 1934). Asociación Cultural “Alfonso Eanes” no centenario do seu nacemento – 2004”

Monumento ao emigrante

Esta obra de Fernando García Branco de 1997 composta por pedra e bronce, sitúase na praza contigua á Capela de San Mauro, próximo ao Pazo de Cotón, antes de cruzar os seus arcos saíndo do centro de Negreira.

Con el, homenaxéase aos moitos emigrantes que tiveron que saír da zona en busca dunha mellor vida para eles e os seus.

Este monumento componse de tres personaxes que representan un feito. Un home coa súa pequena equipaxe e rostro serio e decidido camiña lonxe do seu fogar, deixando atrás á súa familia. Desde o outro lado da parede de pedra, un neno chorando, o seu fillo, aínda lle agarra do pantalón dende a xanela para retelo e que non se vaia.

Alén da parede que representa o fogar e do Planeta Terra atópase a outra escena da representación: a muller e nai, mantén en brazos un neno máis pequeno ao que consola e acariña.

Homenaxe ao Peregrino

Na Avenida de Santiago atopamos a estatua que rende homenaxe ao peregrino.  

Desta forma, resáltase a imaxe dos peregrinos que deciden continuar o camiño cara Fisterra e teñen paso por Negreira.

Hórreos, muíños e pombais

A maior parte dos muíños pertencentes a Negreira atópanse en ruínas exceptuándose os situados en Ponte Maceira os cales se atopan perfectamente restaurados.

Estes muíños pertencentes á zona de Negreira posúen unha planta cadrada e son de pequeno tamaño. Están clasificados como muíños de parcería ou de partes posto que, neles, cada familia tiña unha quenda de utilización durante un tempo determinado.

Os hórreos que se atopan en Negreira son de tipo maián ou barcalés: hórreos esveltos que combinan pedra e madeira. Doutra banda, tamén existen outros tipos como o “Xalleiro” situados nas parroquias altas do concello. Este tipo de hórreo fórmase unicamente por pedra e empregando perpiaños e cachotería.

Os pombais da zona son de planta circular e atópanse espallados en diferentes puntos. Caben destacar os situados no Pazo de Albariña e o Pazo de Baladrón.

Arquitectura caribeña

A mostra máis significativa de arquitectura caribeña en Negreira é a casa de Manuel Negreira, localizada no centro da vila, aínda que tamén caben destacar a casa de Cipriano González (xa derrubada), Andrés Freire, Capeáns, etc. Todas elas datadas no primeiro terzo do século XX.

Este tipo de arquitectura goza de grandes características. Os ambientes sofisticados e cargados da arquitectura europea ábrense a espazos abertos, galerías, celosías por onde se comunica coa natureza. Empréganse ángulos rectos para a súa construción e simplifícanse as fachadas.

Escolas de Americanos

Os emigrantes que chegaron a Negreira, ergueron varias escolas de americanos.

Estas escolas foron deseñadas buscando criterios de funcionalidade e hixiene, procurando a calidade dos materiais e tratando de responder ás necesidades pedagóxicas. As escolas contaban con espazos para o recreo, práctica de deportes ou campos de experimentación agrícola. Moitas delas dispoñían de vivendas para os mestres. En Negreira, a escola máis artística é o Colexio de Covas, formado por unha escola, un patio exterior, unha entrada e unha segunda vivenda na parte de detrás que actualmente se atopa en deterioro.

A Escola de Covas xunto ca de Aro foron construcións pertencentes á iniciativa da Unión Barcalesa de La Habana, a escola de Liñaio, ergueita pola Sociedade La Moderna de Barcala, Cuba, a Escola de Portor, prestada á parroquia pola familia Balandrón e a Escola de Broño, construída tamén con diñeiro da emigración americana.

Pazo de Xallas, en Suatorre

Este pazo pode estar relacionado coa Torre de Xallas da Mitra Compostelá derrubada polos Irmandiños (XV). En documentos medievais aparecía o Castelo de Xallas. Ten unha capela que garda unha singular talla da Sagrada Familia.

A Casa da Torre de Bugallido

Na parroquia de Bugallido, moi próxima á igrexa atópase a Casa da Torre, construción do século XVIII aproximadamente.

Esta casa pertenceu á Orde Hospitalaria de Xerusalén. Na súa fachada cabe destacar a gran pedra armeira situada no centro da mesma e a pía bautismal situada no xardín que posúe unha representación da Cruz de Malta.

Atópase rodeada dun muro de pedra con adornos nos seus pilares.

Na actualidade é una propiedade privada.

Pazo de Balandrón

Na marxe de Ponte Maceira, na parroquia de Portor atópase este pazo construído entre 1945 e 1955, con solucións modernistas e históricas, intentando aproximarse ao resto de elementos históricos da zona. Posúe un gran xardín no que se pode ver un pombal e varios hórreos e está rodeado dun baixo muro de pedra.

Ésta propiedade e privada.

Casa de Antelo en Broño

Na parroquia de Broño pódese destacar a Casa de Antelo datada no ano 1.600. Este Pazo conta con unha pequena e bela capela anexa. Foi fundado por Martín Antelo, de ascencencia noiesa.

Na actualidade é unha propiedade privada que se mantén en moi bo estado.