Concello

Infórmase da convocatoria de Pleno da Corporación Municipal de Negreira, en sesión ordinaria, o luns día 9 de setembro, ás 21:00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello.

 

Orde do día

Primeiro.- Toma de posesión do concelleiro electo, Mario Barreiro Barreiro.

Segundo.- Dar conta dos Decretos de Alcaldía emitidos dende o último Pleno Ordinario: do nº 224/2024 ó nº 316/2024, ambos inclusive.

Terceiro.- Festivos locais 2025.

Cuarto.- Ratificación do Decreto 1ª emenda do proxecto: “ Red de saneamento e estación de bombeo de augas residuais no lugar de Abeanca”, POS + 2024.- Expediente de Decreto 2024/G003/000222.

Quinto.- Ratificación do Decreto 1ª emenda do proxecto: “ Humanización da rúa do Carme”, POS + 2024.- Expediente de Decreto 2024/G003/000223.

Sexto.- Ratificación do Decreto 1ª emenda do proxecto: “Rede de saneamento no lugar de Cobas”, POS +2024.- Expediente de Decreto 2024/G003/000224.

Sétimo.- Representantes na Mancomunidade Xallas-Tines-Tambre

Oitavo.- Rogos e preguntas.

 

DSC_0644.JPG

Existen tres lugares en Galicia que comparten o nome de Negreira, tal e como corroboran os especialistas en toponimia e segundo desvélanos o historiador e escritor barcalés, X. Amancio Liñares Giraut, de quen partiu a iniciativa de convocar un acto institucional, o sábado día 14 de setembro ás 18:30 horas, a representantes veciñais destas outras dúas Negreira, unha no municipio de Santa Comba e outra, no concello pontevedrés de A Estrada, a unha recepción oficial na Casa do Concello, cos seus respectivos alcaldes, e darlles un agasallo e establecer un «simpático» vínculo de irmadande, segundo sinala Amancio «porque só existen estas tres Negreira en Galicia», coma él mesmo recolleu despois de visitar e fotografar as outras dúas poboacións que comparten nome co noso concello.

 

A máis coñecida é a capital do Val de Barcala, cuxo topónimo define o concello (Negreira), e mais unha parroquia, a de San Xián de Negreira, que como ben di Amancio «tamén integra entroutros núcleos, a propia vila e máis unha aldea con este nome». A seguinte sería o lugar de Negreira, na parroquia de Santa María de Vilamaior, no concello veciño de Santa Comba, a cal lembra Liñares Giraut «conta cun célebre santuario». A terceira é última Negreira existente, atopámola na parroquia de San Miguel de Barcala, no concello pontevedrés de A Estrada «pero neste caso din A Negreira -con ese A diante-, que non usamos no topónimo propio, nin os barcaleses nin os xalleiros», segundo subraia Amancio Liñares, que tivo a ocasión de achegarse e fotografar as outras dúas Negreira, aínda que no caso da estradense defíneo como «un lugar con só tres ou catro casas, parras e campos de cultivo. Non ten letreiros que a identifiquen. Tivemos que preguntarlle á veciñanza, en terras que miran ó río Ulla, como na nosa Negreira barcalesa ollamos ó río Tambre e a Negreira de Vilamaior, está na contorna do río Xallas».

 

Programa

A convocatoria está fixada para as 18:30 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello e inclúe, unha acollida musical que vai seguida da propia presentación por parte de Xosé Amancio Liñares Giraut. A continuación haberá unha charla coloquio impartida por Fernando Cabeza Quiles, filólogo e especialista en toponimia. Séguelle a intervención do secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, pechándose o acto coas intervencións dos tres alcaldes: Alberto Romar Landeira, por Santa Comba; Gonzalo Louzao Dono, por A Estrada, e finalmente, o rexedor municipal negreirés, Manuel Ángel Leis Míguez.

O acto institucional rematará coa actuación do grupo de música tradicional Os Garuleiros, na rúa do Carme.

 

 

obradoiro.jpg

Ata este martes 10 de setembro aínda estás en tempo de inscribirte no Obradoiro de emprego xuvenil 2024 do que é promotor o concello de Santa Comba, e os concellos de Negreira, Val do Dubra e A Baña como entidades colaboradoras. A duración será 12 meses para moz@s menores de 30 anos dos catro concellos para a formación dun total de 16 alumn@s traballadores/as nas seguintes accións formativas:

 

✅ Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Nivel 1

✅ Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardínería. Nivel 1

 

A preselección de alumnos/as traballadores/as farase na Oficina de Emprego Santiago Norte, onde serán preseleccionadas as persoas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia coma demandantes de emprego, e teñan solicitado algún dos seguintes servizos: Escolas Taller (320); Casa de Oficios (330); Taller de Emprego (340); Outros programas de emprego en formación dual (370).

 

Aquelas persoas interesadas en participar neste programa como alumnado e que aínda non estean inscritas nos devanditos códigos poderán facelo dirixíndose á citada oficina de maneira presencial ata o martes 10 de setembro ás 14:00h ou a través da Oficina virtual do SPEG.

 

Para máis información ou se precisas axuda na inscrición podes dirixirte ao Servizo Local de Emprego do Concello de Negreira (1° pranta).

carreira san mauro (73).JPG

A Corporación municipal de Negreira reúnese este venres, día 27 de setembro, a partir das 09:00 horas en sesión extraordinaria do Pleno municipal, no Salón de Plenos da Casa do Concello, coa seguinte orde do día:

Único.- Conta Xeral correspondente ao exercicio 2023.

 

cartaz_concurso.jpg

O Concello de Negreira promove o III Concurso fotográfico “Día da Muller rural de Negreira”, co gallo da celebración o vindeiro día 15 de outubro (martes) do día internacional da muller rural. A finalidade do certame é reivindicar o papel da muller, recoñecéndose o seu papel e contribución na promoción do desenvolvemento agrícola e rural, mellora da seguridade alimentaria e a erradicación da pobreza no rural.

O obxectivo é facer partícipes ás persoas para que fagan chegar as súas instantáneas, nas que as mulleres deben ter un papel protagonista.

A continuación, expóñense as bases do III Concurso fotográfico “Muller rural” do Concello de Negreira. A temática principal é a reivindicación do papel das mulleres no mundo rural, buscándose fotografías que incidan no concepto de orgullo da realidade rural das mulleres de Negreira.

O presente concurso réxese polos seguintes prazos: para a presentación de fotografías, o prazo vai dende o 1 ó 10 de outubro de 2024 (ata as 23.59 horas).

eolico.JPG

 

Mediante resolución do 16 de setembro de 2024, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (Xunta de Galicia), arquívase o expediente do parque eólico Alvite (IN408A/2018/032), e cancélase unha garantía económica de 414.150€ depositada por Green Capital Power, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte.

Este anuncio vén recollido hoxe mércores 2 de outubro, no Diario Oficial de Galicia.

Devandito proxecto afectába aos concellos de Negreira, Mazaricos e Santa Comba, e foi solicitado o 27 de xullo de 2018 pola empresa Green Capital Power, S.L., ao abeiro do procedemento IN408A. O 19 de xaneiro de 2021, o promotor solicitou unha modificación substancial para a autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestructuras de evacuación, sendo admitida con data do 1 de xullo de 2021.

Anuncio Diario Oficial de Galicia:

https://acortar.link/lMAdOw

Doutra banda, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), ten acordado a suspensión cautelar do proxecto do parque eólico Alvite II, tamén promovido por Green Capital Power, S.L., de afectación aos territorios de Negreira, Mazaricos e Santa Comba, segundo o acordo de xuño de 2024 da Sala Terceira do Contencioso-administrativo, quen advirte que “a prevalencia da protección ambiental non significa que si a actuación incide no medio ambiente teña que ser suspendida de forma automática”.

 
Imaxe-ciber.png

A ciberseguridade e a confianza dixital son hoxe en día, dous dos retos máis importantes aos que se enfrontan gobernos, empresas e cidadáns. Trátase de aspectos de crucial importancia nun contexto global, interconectado e dependente da tecnoloxía como é o actual, e imprescindible para alcanzar a necesaria confianza no ámbito dixital.

 

Por todo iso, o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), en colaboración co Concello de Negreira, pon en marcha durante o luns 7 e mailo martes 8 de outubro, un conxunto de accións de sensibilización, concienciación, educación, promoción e divulgación en ciberseguridade para favorecer a confianza na adopción das tecnoloxías dixitais de cidadáns, pemes, profesionais e fortalecer as capacidades da sociedade (cidadáns, menores, pemes, profesionais e autónomos).

 

#Experiencia INCIBE é un conxunto de experiencias itinerantes que percorre toda España e permanecerá instalada na entrada do Centro Sociocultural da vila nos seguintes horarios:

 

 - De 09:00 a 14:00 horas reservado para o CEIP O Coto, o IES Xulián Magariños e asociacións do concello de Negreira.

 - De 16:30 a 19:30 horas, entrada libre.

 

DSC_0319.JPG

María Rivas López visitou hoxe o stan de Experiencia INCIBE que foi instalado no Centro Sociocultural, onde estivo acompañada polo alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez e membros do goberno local como a primeira tenente de alcaldesa, Teresa Duro Leis.

Este espazo interactivo do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), recalou este luns e martes en Negreira para estenderse nas vindeiros semanas aos municipios de Padrón (15 e 16 de outubro), Boiro (18 e 19), Vimianzo (22 e 23), Serra de Outes (29 e 30) e Santiago de Compostela, os días 6 e 7 de novembro.

A través de demostracións prácticas e talleres para aprender a protexerse no mundo dixital; tamén inclúe actividades lúdicas e xogos interactivos. Maiormente, foron grupos de escolares do colexio O Coto e do instituto Xulián Magariños quenes visitaron o stan.

María Rivas subliñou a importancia de “formar e informar sobre a seguridade no manexo de internet”, e é necesario adquirir novas competencias para facer un uso máis seguro dos servizos da internet. A de Negreira foi a primeira dunha serie de actividades, sinalou María Rivas, que se van a desenvolver na provincia desde o Instituto Nacional de Ciberseguridade. De feito, está prevista a visita a Santiago do camión Road Show entre o 6 e mailo 8 de novembro.

CICLO DE TEATRO
Organiser
default

Durante un mes diversas compañias afeccioadas e profesionais presenta as súas propostas teatrais. A Escola municipal de Teatro ten un lugar destacado neste ciclo.