auditorio

 

A Corporación Municipal de Negreira, por unanimidade dos seus membros, acordou no pleno ordinario celebrado este luns, 12 de setembro, designar co nome de: Afonso Eanes do Cotón, ao auditorio do Centro Sociocultural.


Segundo recolle a proposta da Alcaldía, trátase dunha medida encamiñada a “distinguir este auditorio do outro existente na Casa da Cultura”.


Afonso Eanes do Cotón é o persoeiro máis relevante na historia de Negreira. Foi un trobador e noble, nado en Negreira no século XII e activo nas cortes de Fernando III e Alfonso X. Finou en 1266 acoitelado por outro trobador, Pere da Ponte, en Ciudad Real, onde ten unha rúa co seu nome.


Da súa obra consérvanse arredor dunha vintena de textos, entre eles, quince cantigas de escarnio e maldicir, e dúas de amigo. Foi a súa, unha obra esencialmente satírica.
En Negreira posúe unha rúa co seu nome, e unha asociación cultural leva o nome do insigne trobador das terras barcalesas. O Concello empregou a súa figura en cerámica de Sargadelos para obsequiar aos seus visitantes máis ilustres.

 

powered by social2s