Cartaz.jpg

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade organiza este programa de promoción do envellecemento activo e convivencia, destinado ás persoas maiores que se atopen soas nestas datas, xa sexa por carencia de familiares ou amigos, perda do seu cónxuxe ou por outras circunstancias.

 

Prazas e destinos

Ofértanse un total de 260 prazas distribuídas do seguinte xeito:

 

•    105 na Residencia de Tempo Libre do Carballiño (Ourense), para as persoas solicitantes das provincias de Lugo e Pontevedra.
•    105 na Residencia de Tempo Libre de Panxón, en Nigrán (Pontevedra), para as persoas solicitantes das provincias de A Coruña e Ourense.
•    50 no Complexo Residencial Xuvenil Lug II (Lugo), para as persoas solicitantes da provincia de Lugo.

 

Datas e servizos

Este programa levarase a cabo entre o día 23 de decembro de 2019 e o día 7 de xaneiro de 2020 e comprende os seguintes servizos:


•    Estadía na residencia durante 16 días (15 noites).
•    Aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa.
•    Desprazamento en autobús desde os lugares que se establezan nas localidades que corresponda (Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo ou Ourense) ata a residencia de tempo libre que se lle adxudique e viceversa.
•    Actividades de animación sociocultural.


A recollida das persoas participantes efectuarase o día 23 de decembro pola tarde e a volta o día 7 de xaneiro despois do almorzo.

 

Persoas beneficiarias

a.    Ter 60 anos, cumpridos no momento en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
b.    Estar empadroado nalgún concello galego.
c.    Vivir so no seu domicilio e ter que pasar só/a as datas do Nadal.
d.    Valerse por si mesmo e non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio, nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da estadía.

 

Para a selección dos participantes daráselle preferencia ás persoas que:


•    Perderan ao seu cónxuxe ou persoa coa que convivisen nos últimos anos.
•    Teñan máis idade
•    Teñan un menor nivel de ingresos económicos.
•    Non participaran no Programa Xuntos polo Nadal en pasadas edicións.

 

Solicitudes

O prazo de presentación será ata o día 15 de novembro incluído, nos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Negreira.

 

Prezos

As persoas participantes que teñan uns ingresos inferiores ao IPREM (537,84€/mes), asistirán de forma gratuíta ao programa, mentres que aquelas cuns ingresos superiores a dito importe contribuirán ao pago da estancia coa achega de 50€.

 

federico_perez-1.jpg

Continúa a programación do Outono Cultural do Concello de Negreira, e este venres 25 de outubro faino coa última sesión do Ciclo de monólogos, a partir das 21.00 horas, co actor Federico Pérez, polo que as risas están máis que garantidas. As entradas a un prezo de 6 € pódense retirar na Delegación de Cultura.

 

Cousas miñas

É o título do monólogo que pon colofón este 2019 ao exitoso ciclo de Negreira co actor Federico Pérez, moi querido por terras de Barcala e Xallas, cuxa familia é oriunda de Mazaricos. Coñecidas son as súas participacións en series de éxito da TVG como Padre Casares e o seu papel de Moncho, en Era visto; ademáis de en Libro de familia, Mareas Vivas ou Air Galicia, pero Federico é tamén un artista inquedo por natureza, que fai teatro, ou humor negro con Curtis e Teixeiro e ata ten un dúo musical con Marcos Pereiro.

 

DSC_0012.JPG

O Concello está a executar o proxecto do Fondo de Compensación Ambiental para a mellora da eficiencia enerxética que financia a Consellería de Industria. Cun importe de 59.897 euros foi adxudicado á firma Grupo Mariño e, beneficiará á contorna da praza do Concello e maila rúa do Carme.

 

 

De feito, as obras comezaron este luns coa apertura de zanxas para as conduccións eléctricas na praza: Vanse a instalar tres columnas con varios focos cada unha para mellorar a iluminación en todo o recinto.

 

A actuación inclúe ademáis, a colocación de trece novas columnas de báculos en toda a rúa do Carme e mailas entradas á praza, potenciando a iluminación nocturna nunha das zonas máis transitadas. Unha das características máis chamativas do proxecto é que se instalarán cinco proxectores para o realce da Casa do Concello que, segundo informa o goberno local, permitirán cambiar a cor da iluminación para eventos conmemorativos.

Logo-Industria.png

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, e maila Asociación Galega de Organismos de Control Autorizados (ASCOGA), informan que están a desenvolver unha campaña de difusión para lembrar aos locais de pública concorrencia, da obrigatoriedade de realizar inspeccións das instalacións eléctricas de baixa tensión cada 5 anos.

 

A seguridade industrial é unha das pancas de mellora do noso tecido empresarial. Por iso, recoméndase contactar cun organismo de control autorizado para efectuar a inspección, se non a ten feito xa.

 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, lembra que a falta de revisión das instalacións eléctricas de baixa tensión pode poñer en perigo a seguridade das persoas, e ademais, supón unha infracción grave e sancionable.

 

fonteomaltrato.jpg

A presente convocatoria ten por obxecto a concesión dos premios do IX Concurso de relatos curtos e cartaces gráficos ¨Loita contra a violencia de xénero¨, promovido dende o Concello de Negreira, a través do Centro de Información ás Mulleres (C.I.M.), co fin de sensibilizar á veciñanza sobor desta lacra social.

 

O prazo de presentación de traballos é o comprendido dende o 21 de outubro até o 21 de novembro, e no certame poden participar tódalas persoas menores de 18 anos, e os traballos presentados deberán entregarse no Centro de Información ás Mulleres, nun sobre pechado, facendo constar un número de teléfono de contacto e en ningún caso deberá aparecer o nome da persoa participante. A identificación do autor/a levarase a cabo mediante o uso dun pseudónimo.

 

Entre tódolos traballos recibidos, un xurado independente seleccionará os gañadores de cada modalidade e concederá os seguintes premios:

 

- Premio ó mellor relato curto: Vale agasallo por importe de 100 euros a utilizar nunha tenda de Negreira.

- Premio ó mellor cartaz gráfico: Vale agasallo por importe de 100 euros a utilizar nunha tenda de Negreira.

 

Entrega de premios

O sábado día 23 de novembro ao remate da oitava Andaina ¨Negreira camiña contra a violencia de xénero¨, no Centro Sociocultural.

 

A organización contactará previamente cos premiados/as por teléfono para que asistan ó acto de entrega e recollan o seu agasallo persoalmente.

 

Pódense consultar as bases do concurso premando aquí:

 

2510-2019-0102716198607185703670.jpeg

O pleno da Deputación da Coruña aprobou, cos votos favorables de PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e abstención do PP, as bases reguladoras do Plan Único do vindeiro ano (POS+2020), que distribuirá inicialmente 47,2 millóns de euros entre os concellos da provincia.

 

Ao concello de Negreira correspóndenlle inicialmente, unha cantidade de 594.624 euros, pois trátase da achega inicial do Plan Único 2020, que como todos os anos irá incrementándose progresivamente ao longo do exercicio coa incorporación de remanentes, pero que permite aos 93 concellos da provincia planificar os seus orzamentos municipais e investimentos de cara ao vindeiro ano, ao contar dende xa cunha previsión mínima de ingresos por parte da Deputación que poderán destinar, en función das súas necesidades, á execución de obras, ao financiamento de parte do gasto corrente dos seus servizos básicos, ou a sanear as economías municipais amortizando débeda con provedores ou entidades bancarias.

 

cartel2.jpg

Dentro da programación de Dinamización Lingüística do programa "Falaredes", da Xunta de Galicia, este domingo 3 de novembro, ás 13:00 horas, o Auditorio do Centro Sociocultural acolle a representación da obra: Rosa caramelo e outras historias, a cargo da compañía Talía Teatro. Trátase dun espectáculo para nenas e nenos onde se lle dá a volta a roles e estereotipos de xénero.

 

Sinopse

Illada nun xardín, Margarita é a única elefanta do grupo que non consigue que a súa pel sexa de color rosa caramelo. Cando os seus pais desisten desa idea descubrirá o significado da liberdade, e abrirá o camiño da igualdade para as súas compañeiras.

 

Nesta montaxe composta de catro historias nas que combínase a palabra e a música en directo, créase unha atmosfera adecuada para desmontar unha serie de ideas impostas e simplificadas, pero fortemente asumidas, sobre actitudes e aptitudes das mulleres e dos homes.

 

Ficha artística

Autora: Adela Turín

Dirección: Paula Carballeira

Elenco: Artur Trillo e Fernando Fraga

Idioma: Galego

Duración: 45 minutos

Xénero: Comedia infantil

 

Foto-doazon.jpg

O director técnico da empresa Inforhouse, Luís Barreiro González, fixo entrega de oito equipos informáticos, ademáis dunha impresora e unha fotocopiadora, un equipamento destinado á aula de informática do centro ocupacional das Brañas que xestiona a Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos da Comarca de Barcala.

 

Ao acto de entrega asistiron o presidente da Fundación e alcalde do Concello de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, e mailo vicepresidente e alcalde do Concello da Baña, José Antonio Pereira Gil, e dous membros do padroado e concelleiros de Compromiso por Galicia da Baña, David Gontán Varela e César Ramos Domínguez, a quenes a Fundación agradeceu a súa disposición para poñerse en contacto coa firma Inforhouse.

 

 

Ademáis, este xoves vaise a asinar o convenio de colaboración anual coa Fundación María Esperanza Rubido Romero para a posta en marcha do programa de benestar persoal e social dirixido aos usuarios e usuarias da Fundación, e que concede unha achega económica de 6.000 euros.

 

Difuntos-19-redes.jpg

A Escola Municipal de Teatro convídanos este venres 1 de novembro, a disfrutar dunha noite terrorífica coa representación teatralizada: ¨Cea de defuntos¨, no Auditorio do Centro Sociocultural, a través de seis funcións de microteatro para grupos de non máis de 20 persoas, e maiores de 12 anos.

 

Os pases de cada sesión serán nos seguintes horarios: 20:00; 20:20; 20:40; 21:00; 21:20 e 21:40 horas.

 

Sandra Lesta, a directora da Escola, avanza que o fío condutor da terceira proposta sobre esta temática terrorífica na que participan 27 actores e actrices da escola, xira arredor dunha antiga mansión onde sucederon «cousas» que é adquirida por unha rica familia «e onde o público asistirá a unha cea no día de defuntos e veremos que cousas se lle presentan a través dunha medium que contrata a familia», sinalou.

DSC_0123.JPG

A Fundación María Esperanza Rubido Romero vén de conceder unha subvención de 6.000 euros á Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos Comarca de Barcala para levar a cabo o programa Mellora do benestar persoal e social dos usuarios/as da Fundación. Un programa que leva funcionando dende o pasado mes xuño ata o mes de decembro de 2019.

 

A sinatura do convenio tivo lugar hoxe xoves 31 de outubro, no Salón de Plenos do Concello de Negreira, por parte do presidente do padroado da Fundación para a Protección, e alcalde do Concello de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, e maila presidenta da Fundación Mª Esperanza Rubido Romero, María Jesús Forján Vieito, acompañados polo secretario, José Manuel Forján Vieito, xunto co vicepresidente da Fundación de Discapacitados, José Antonio Pereira Gil, alcalde do Concello da Baña, e de César Ramos Domínguez, actuando de vogal.

 

A Fundación Mª Esperanza Rubido Romero vén axudando no desenvolvemento de dito programa dende o ano 2010 coas súas aportacións anuais para levar a cabo os programas de autonomía persoal e de mellora do benestar persoal e social, de aí, o agradecemento.

 

Os obxectivos xerais do programa:

Desenvolver as habilidades emocionais

Mellorar as relación interpersoais

Aumentar a autonomía persoal dos/as usuarios/as da Fundación

 

As áreas que se traballan no programa:

Área de vida no fogar Area de educación emocional,

Área de vida na comunidade

Integración na comunidade.

Área de formación laboral