cartelromanico19.jpg

Durante os próximos tres días, Negreira trasladarase ó medievo poñendo as súas mellores galas.

 

O mercado cobrará vida hoxe a partir das seis da tarde, cando empezarán os espectáculos de música itinerante a cargo de Gálata, Luís Oviedo e Human no limits. Ademais, ás oito da tarde e ás once da noite, haberá un espectáculo de circo e un gran espectáculo de lume, na praza do cotón, tamén da man de Human no limits.

 

O sábado a feira abrirá ás once da mañá, de novo acompañada de músicos medievais e seres doutras épocas. Ás doce en punto, será a inauguración oficial por parte das autoridades, que dará paso ao Gran Baile Medieval, organizado pola asociación de Carnavaleiros de Liñaio. Á unha e media haberá a primeira das exhibicións de cetrería, na praza do cotón.

 

Pola tarde, ademais dos habituais pasarrúas, teremos a segunda exhibición de cetrería ás seis e media e ás oito en punto, a primeira xusta do torneo medieval, organizado pola empresa Legend especialistas. Ás dez e media terá lugar o espectáculo quimera, na explanada do campo da feira, dando paso a partir das once e media ao gran espectáculo de lume e acrobacias de Human no limits, o espectáculo pirotécnico, e finalmente, a gran queimada popular.

 

O domingo o mercado abrirá de novo ás once da mañá, con pasarúas e a segunda exhibición de cetrería, as once e media, seguida polo espectáculo de circo aéreo de Human no limits na praza do cotón.

 

Á unha da tarde terá lugar a segunda xusta do torneo medieval, e pola tarde, volverán as exhibicións de cetrería ás seis e media, os espectáculos de circo ás sete e media, e a última xusta do torneo ás oito en punto. Finalmente pecharán estes tres días de festa os espectáculos itinerantes e pasarrúas de seres doutra época acompañados de músicos medievais.

 

No seguinte arquivo adxunto pódense consulta os horarios.

Foto-Caseta-turismo-Negreira.JPG

Rematado o mes de agosto, pasaron polo punto de información 1608 persoas. Este é o cuarto mes consecutivo no que se superan as 1000 persoas atendidas, e supón o mes con maior afluencia pola caseta de información turística situada na avenida de Santiago.

 

Polo xeral, a meirande parte das persoas solicitan o selo da credencial e piden información sobre o Camiño e o aloxamento, ademais de que ver en Negreira e determinados servizos da vila. A franxa de idade con maior presenza é entre os 35 e os 60 anos, con case a metade. No que respecta ao sexo, as cifras están equilibradas no 50%. Sobre o 95% das persoas atendidas na caseta veñen por primeira vez a Negreira. En torno a 8 de cada 10 persoas veñen a pé, e o resto repártense entre os que viaxan en coche/autobús e en bicicleta.

 

Os países emisores que máis presenza tiveron en agosto despois de España son, por esta orde, Italia, Portugal, Francia e Alemaña, mentres que as provincias con maior protagonismo son Madrid, Barcelona, Valencia e a propia provincia da Coruña.

 

Por outra banda, o programa de roteiros guiados Verán no Tambre, levado a cabo nos concellos de Negreira, Val do Dubra e A Baña durante o mes de agosto, supuxo a cifra de 130 participantes entre as 3 citas. O vindeiro 7 de setembro, os tres concellos volverán colaborar no ámbito do turismo para realizar a Ruta do Románico, na que as persoas inscritas poderán viaxar no autobús de xeito gratuíto para coñecer catro igrexas do románico rural galego: Santa María de Paramos, Santa Baia de Lañas, Santa María de Portor e San Pedro de Gonte.

sonambulante.jpg

Sonámbulo é unha viaxe onírica, un cabaré portátil, un shou de variedades a bordo dunha cama, onde viviremos o universo do bufón rosmón que non consegue durmir. Un pallaso insomne que conta ovellas. Mais quen está esperto, quen durme e quen soña?

 

Antón Coucheiro presenta un espectáculo de rúa, a través da compañía Pistacatro Produtora de Soños, sen palabras: Clown, teatro físico e efectos máxicos, nunha comedia visual na que a participación do público resulta fundamental.

 

A cita que está dirixida a tódolos públicos é este venres 6 de setembro, a partir das 20.30 horas no Parque do Coto, na que vai ser a última parada do programa de animación de rúa ¨Cultura a pé de rúa¨, incluído no Verán Cultural 2019 do Concello de Negreira.

cartel-dia-da-bici-2019.jpg

O sábado 14 celébrase a décimo terceira edición do Día da bicicleta en Negreira coa habitual concentración dos participantes a partir das 10.00 horas na chaira a carón do instituto Xulián Magariños, e con dous percorridos: O infantil, de 1,2 quilómetros, a partir das 10.30 horas e o de adultos, de 10 quilómetros e dende as 11.00 horas. Ambos percorridos finalizarán no Campo da Feira.

 

Haberá refrixerios e agasallos para tódolos participantes, de tódalas idades e as inscricións hainas que formalizar na Delegación de Cultura e Deportes, na Casa da Cultura, en horario de mañá, ou no número de teléfono 981 885 886.

 

É obrigatorio o uso de casco protector, e ao rematar os percorridos realizarase o sorteo de agasallos como unha mountain bike, xentileza de Comercial Vigo.

torneo-padel.JPG

Do 16 ao 22 de setembro celébrase o primeiro Torneo de Pádel que organiza o Club de Tenis Negreira en colaboración co Concello, de categoría absoluta (masculino, feminino e mixto), a través do pago dunha cota de 12 euros por participante, con independencia do número de probas nas que se inscriba.

 

A inscrición para o torneo pecha este xoves 12 e o sorteo terá lugar o sábado 14 de setembro, ás 20.00 horas. As inscricións poden formalizarse a través da web: ibertenis.com, onde está toda a información e as normas técnicas da competición.

 

A primeira fase realizarase con grupos de 4 parellas onde se clasifican os dous primeiros de cada grupo.

Charanga-Os-Celtas.jpg

A vila de Negreira celebra este domingo e luns, sendas xornadas festivas de setembro na honra á virxe das Dores e Santa Margarida, respectivamente, e nas que colabora activamente o Concello de Negreira promovendo actividades como o tradicional festival de bandas (o domingo ás 18.30 horas) na praza do Concello. Detallamos aquí o programa festivo:

 

 

Domingo 15

Ás 10.00 horas.- No parque do Coto comeza o Torneo de baloncesto 3x3 durante toda a mañá. Categorías: Premini; mini; infantil e cadete.

 

Ás 11.00 horas.- No Comprexo Deportivo de Pedra Mámoa, dispútanse os partidos da final do II Open de Tenis Val de Barcala.

 

Ás 13.00 horas.- Misa na igrexa parroquial na honra á virxe das Dores.

 

Ás 16.30 horas.- Na praza das Brañas teremos unha exhibición de agility a cargo da Escola Canina Mascoguau.

 

Ás 18.30 horas.- Festival de Bandas na praza do Concello. Actúan: Banda de Música de Chantada; Banda Eduardo Pondal, de As Pontes, e Banda Ateneo de Negreira.

 

 

Luns 16

Pasacalles a cargo da charanga Os Celtas

 

Ás 13.00 horas.- Misa cantada na honra á Santa Margarida e posterior procesión na igrexa parroquial.

 

Sesión vermú coa charanga Os Celtas, no campo da feira.

 

Ás 22.30 horas.- Verbena coa orquestra La Ola ADN no campo da feira.

DSC_2622.JPG

O Concello e a veciñanza de Negreira mostrou hoxe martes 17 de setembro, a súa condena e repulsa polo triplo asasinato machista acontecido este luns en Valga, mediante unha concentración de repulsa este mediodía diante da Casa do Concello, onde gardouse un minuto de silencio en memoria das tres últimas vítimas mortais da violencia de xénero, así como por todas as mulleres falecidas.

 

Durante o acto, no que participaron membros da Corporación municipal encabezados polo alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez, deuse lectura a un comunicado de repulsa destes tres últimos asasinatos por parte de María del Mar García Vidal, concelleira da Muller no goberno municipal.

escolas-deportivas.JPG

Ata o día 11 de outubro tedes de prazo para formalizar inscricións e participar na oferta de Escolas Deportivas e Culturais do Concello de Negreira, cuxa actividade comeza no mes de outubro. Para facer efectiva a inscrición deberase cubrir a folla e pagar na conta bancaria do Concello. Unha vez realizado os dous pasos teráse que entregar a documentación na Delegación de Cultura e Deportes, antes do 11 de outubro.

 

Escolas deportivas: Aprender coa actividade física

Máis de 400 nenos de entre 5 e 16 anos, e 120 adultos disfrutaron destas escolas o pasado curso, que contou coas seguintes actividades: Atletismo; aerobic; baloncesto; multideporte; patinaxe; predeporte; tenis; ximnasia rítmica; ximnasia de maiores; ximnasia de mantemento e xadrez.

 

O Concello de Negreira e a Deputación de A Coruña, destinan para este ano unha importante partida económica, co obxectivo de fomentar e desenvolver as actividades deportivas municipais. Dous coordinadores e 12 monitores cualificados compoñen o equipo que se encarga de activar a práctica do deporte entre os escolares e adultos.

 

Ademáis dos adestramentos, algunhas actividades tamén teñen competición que se desenvolverá a partir de xaneiro.

 

Escolas culturais: Fomentando a creatividade

Un dos maiores compromisos nos últimos anos foi o de mellorar as escolas culturais, incrementado a oferta. Na presente tempada a ofertar é a seguinte:

- Obradoiro de danza tradicional

- Escola Municipal de Teatro.

- Informática

- Costura

- Pintura e gravado

- Baile flamenco

 

 

Foto andaina

Celébrase o sábado 28 de setembro, e vai a ter unha camiñada de 25 quilómetros cunha dificultade media-baixa, a través da Ruta dos 3 Pazos (O Cotón, Baladrón e Albariña), duns 16 quilómetros, e co engadido de nove máis unha vez chegados ó punto de partida (Pazo do Cotón), polo Camiño de Fisterra na súa saída de Negreira polo Corpachón ata Zas, e dende alí, por un sendeiro, no que os participantes regresarán a Negreira polo paseo fluvial do río Barcala.


Con esta iniciativa preténdese potenciar e dinamizar o Camiño de Fisterra e Muxía, ao seu paso polo noso concello.


Para facer efectiva a inscrición, podes chamar ao número de teléfono 981 885 886 ou enviar os datos a: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. A inscrición é de balde. Os datos a cumprimentar son os seguintes: nome e apelidos, data nacemento, DNI, localidade e teléfono de contacto.

A data límite para facer efectiva a inscrición é o xoves 26 de setembro as 14:00 horas.

d282c0ae-4e8f-47b8-92dc-adb403733ece.jpg

A gran final do I Torneo de Pádel Concello de Negreira celebrada este martes no Comprexo Deportivo Municipal de Pedra Mámoa, deixounos a vitoria final da parella formada por Oriol e José Esparís, por dous sets a cero (6/2 e 7/5), vencendo á parella formada por Gerardo Vázquez e Santi Mata.

 

En semifinais, a parella gañadora logrou o pase á final vencendo 6/1 e 6/1 á integrada por Iván Pensado e Damián Pérez; e na segunda semifinal foi a composta por Gerardo Vázquez e Santi Mata quenes lograron impoñerse por 6/1 e 6/4 a Enrique Pérez e Constantino Carreiras.

 

Na entrega final de premios participou o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, acompañado polo concelleiro de Deportes, Iván Guardado e maila primeira tenente de alcalde, Mar García Vidal, xunto co presidente do Club de Tenis Negreira, Jesús Mariño.