20190803131211 IMG 0428 Negreira

O sábado 3 de agosto de 2019 tivo lugar a primeira das rutas programadas no Verán no Tambre 2019, que organizan os concellos de Negreira, Val do Dubra e A Baña.

 

Un total de 53 persoas gozaron da paisaxe e do patrimonio natural, arquitectónico e etnográfico de Negreira nos 15,5 Km de ruta guiadas polo persoal da área de turismo. Ás 09:00 horas partimos do campo da feira, onde atopamos o Pazo do Cotón e a Capela de San Amaro, divididos pola carreira de San Amaro, antigo Camiño real, e ao mesmo tempo unidos pola tripla arcada que sostén a galería superior.

 

O camiño lévanos polo paseo fluvial do río Barcala, variante alternativa moi recomendable para os peregrinos que saen de Negreira cara Fisterra e Muxía. O Barcala, un dos principais afluentes do río Tambre, condúcenos ao refuxio de Covas, histórico lugar de refuxio para os pescadores que se achegaban ao lugar, e hoxe convertido nunha paraxe única para desconectar do mundo urbano. Saímos do río Barcala para achegarnos ao Albariña e pasar polo complexo lúdico-deportivo de Pedra Mámoa, bordeamos os límites entre A Baña e Negreira e entramos na subida ao monte Bergando, principal desnivel de toda a ruta.

 

Despois de chegar á zona máis elevada do traxecto, comezamos a descender cara a pequena aldea de Fontemirón, ollamos ao lonxe Portor e continuamos a baixar por unha carballeira de lendas e historias ata chegar a Ponte Maceira. O Pazo de Balandrón, a Ponte Vella, a capela de San Brais, os muíños, cruceiros, hórreos e pombais e, en xeral, todo o conxunto histórico artístico que forma este núcleo namora aos visitantes de por vida.

 

A continuación, seguimos o Camiño ao paso dos peregrinos que nos leva cara a Barca e Chancela para atopar o Pazo de Albariña co seu impoñente recinto; entremos na vila de Negreira e rematamos a xornada coa sombra das árbores do paseo da Restreva ata o lugar de inicio.

 

O programa Verán no Tambre 2019 completarase coas rutas do Remuíño, o 10 de agosto dende Portomouro (Val do Dubra), e da Ribeira do Tambre, o 17 de agosto dende a área recreativa de Fiopáns (A Baña).

cartel
gdr.jpg

A Asociación Terras de Compostela, está a organizar un Plan de formación de “Transformación e Conservación de Produtos Agrarios” dirixido principalmente a  persoas mozas que inicien  novos  proxectos agrarios e  persoas vinculadas  ó rural que  queiran diversificar a  súa  actividade.

 

Os interesados e interesadas do noso concello poden reservar praza a través do teléfono 981 81 53 57 ou a través do mail: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

 

·Lugar: Centro Socio Cultural do Castiñeiriño (Santiago)
·Días: 3, 5, 10, 12, 17, 19, 24, 26 de setembro
·Horario: 16:30 – 20:30

 

cartel
noitefolk.jpg

Empezará ás dez da noite Xabier Diaz, cantante, compositor, investigador e compilador de música tradicional, que formou parte de grupos coma Rumbadeira, Nova Galega de Danza e Berrogüetto.

 

A continuación, a partir das once e media chegaralle o turno a Leilía, coñecidísimo grupo de cantareiras e pandereiteiras que está a celebrar o seu trinta aniversario.

 

Para pechar esta noite máxica, a partir da unha da mañá estará outro clásico como A Roda, grupo formado en 1976 por un grupo de amigos vigueses que adoitaban cantar músicas populares polas tabernas.

 

Este sábado día 17, a partir das dez da noite, no Refuxio dos pescadores de Covas, volve a Noitefolk.

 

XOVENES

 

A partir de setembro comezará o novo Obradoiro de Emprego "Xóvenes2019" coa participación dos concellos da Baña, Negreira, Santa Comba e Val do Dubra.

 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia concedeulles unha subvención aos concellos da Baña, Negreira, Santa Comba e Val do Dubra para a posta en marcha do Obradoiro de emprego “XÓVENES2019” para formar a 16 persoas durante seis meses en dous módulos formativos sobre Agricultura ecolóxica de nivel  2 e Animación físico-deportiva e recreativa de nivel 3.

 

As persoas beneficiarias son xente nova de entre dezaoito e trinta anos inscritas e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da CC.AA. de Galicia.

 

O programa empezaría a mediados de setembro e a sede do obradoiro estará no Concello de Val do Dubra, que actúa como concello promotor. Pódese obter máis información na Oficina de Emprego Santiago-Norte.

 

eolicos.jpg

O Concello Negreira celebrará unha reunión informativa á que se convocou a todos os afectados pola posta en marcha do novo parque eólico de Banzas.

 

A xuntanza será o vindeiro xoves 29 de agosto ás oito e media da tarde no Local Social de Campolongo.

 

A instalación dos aereoxeneradores afectará a os propietarios de terreos nos concellos de Negreira, Outes e Mazaricos, e agardase que saia a exposición pública a finais deste ano.

romanico270819

Do venres 30 de agosto ao 1 de setembro, Negreira volve ó medievo coa celebración da decimo terceira Feira do Románico que nesta ocasión contará con diferentes iniciativas por parte do concello e dos colectivos participantes.

 

Entre as novidades deste ano o Centro de Información a Muller de Negreira (CIM) vai a habilitar un “Punto Lila Informativo” e de acompañamento a mulleres víctimas de agresións machistas. Estará activo o sábado pola tarde e contará con monitoras especializadas que repartirán folletos informativos e material da campaña “Non a Violencia de Xénero”.

 

Doutra parte a Asociación de Amas de Casa de Negreira decidiu organizar un rastrillo solidario aproveitando estes días de festa para recadar aportacións de cara axudar ás familias máis necesitadas da vila.

 

Tamén este ano a Banda Ateneo de Negreira, participará na feira coa intención obter fondos para o intercambio musical que realizarán o curso que ven coa Banda de Astorga.

 

Reunión informativa.

 

Por parte do concello, informan de que o mércores día 28 ás nove da noite terá lugar no vello auditorio da Casa da Cultura unha reunión dirixida aos comerciantes e personas da vila que busquen acceder a postos na feira. A intención é a de indicarlle a normativa que deberán seguir para o correcto funcionamento dos postos.

 

Está confirmada tamén a ampliación dos horarios dos servizos de hostalería da vila nunha hora máis do que as súas licenzas permiten, para así fomentar o ambiente festivo.

 

 

Cartaz-RR.jpg

Os concellos de Negreira, A Baña e Val do Dubra organizan, coa colaboración da Deputación da Coruña, a Ruta do Románico de Barcala e Dubra.

 

A visita guiada terá lugar na mañá do sábado, 7 de setembro, podendo desprazarnos no autobús ou en vehículo privado. Visitaremos catro exemplos do románico rural galego presentes nos nosos concellos, como son as igrexas de Santa María de Paramos, Santa Baia de Lañas, Santa María de Portor e San Pedro de Gonte.

 

O horario de saídas do autobús será o seguinte:

-          Centro de saúde de Negreira: 09:30 h

-          Parada de autobús de Ceilán (A Baña): 09:45 h

-          Igrexa parroquial de Paramos (Val do Dubra): 10:00 h

 

Ao finalizar a ruta, o autobús repetirá o percorrido para deixar as persoas participantes no seu lugar de saída.

 

As persoas interesadas poden inscribirse de xeito gratuíto ata o venres 6 de setembro ás 14 h chamando ao teléfono 650 79 69 56 ou na caseta de turismo de Negreira, sita na avenida de Santiago, no horario de 11 a 14 h e de 16 a 19 h.

 

As prazas para asistir á ruta no autobús son limitadas.

 

aviso.png

A celebración esta fin de semana Feira do Románico de Negreira obriga a cortar o tráfico desde a tarde de hoxe xoves na Carreira de San Mauro.

 

O principal desvío alternativo será pola zona de Abeanca e A Chancela para os vehículos que procedan das estradas de Outes, Pontenafonso e Urdilde, así como á inversa en sentido saída do centro urbano negreirés.

 

O segundo desvío alternativo será a través do núcleo de Vilachán de Abaixo, pero unicamente en sentido de baixada cara ao campo da feira.

 

Ademáis este ano o concello ten a intención de pechar ó trafico a Rúa do Carmen dando espazo o maior número de postos dos comerciantes.

 

En previsión de informar á veciñanza e visitantes, o Concello xa instalou carteis informativos nas zonas onde estará prohibido aparcar. Habrá varias zonas na contorna da feira, e este ano como novidade tamén no tramo final da Rúa Cidade Vicente López.

 

O corte na circulación da Carreira de San Mauro será efectivo ata o vindeiro luns ao mediodía, unha vez conclúan os traballos de limpeza viaria da contorna do pazo do Cotón.