Curso_silvicultura.jpg

A Asociación Forestal de Galicia está levando a cabo un amplo programa formativo en diversas localizacións da comunidade, dirixido a mellorar coñecementos sobre silvicultura, xestión de montes veciñais, a praga do nematodo ou a certificación forestal. Trátase de cursos que contan co financiamento da Axencia Galega da Industria Forestal da Xunta de Galicia e son gratuítos para os participantes.

 

O venres 8 e mailo sábado 9 de novembro, impartirase en Negreira un curso de silvicultura de coníferas para a produción de madeira de alto valor, que terá lugar na Casa da Cultura, o venres 8 de 17,30 a 21,00 horas e, o sábado 9 con prácticas en montes da contorna.

 

As actividades van dirixidas aos propietarios e propietarias forestais (particulares e comunidades de montes veciñais en man común), técnicos e propietarios forestais particulares, así como comuneiros e comuneiras interesados na xestión do monte.

 

A Asociación Forestal de Galicia considera que este labor contribuirá a mellorar a xestión dos nosos montes e a incrementar a prevención dos incendios.

 

A inscrición é gratuíta pero obrigatoria, nos teléfonos 981 564 011 e 618 752 214 ou no enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

Cartel.jpg

 

Cada día os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para realizar o seu intenso labor asistencial. Grazas á colaboración dos doadores e doadoras, é posible realizar unha media de 500 intervencións cirúrxicas, atender unhas 2.700 urxencias e realizar tres transplantes de órganos e tecidos, a diario nos hospitais galegos.

 

En Negreira queremos contribuir coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), a conseguir o maior número de doazóns na visita que este mércores 6 de novembro levará a cabo á nosa vila, unha unidade móbil que permanecerá estacionada diante do Centro de Saúde, na rúa de Castelao, en horario de 16:00 a 21:00 horas.

 

E lembramos que para doar sangue despois de xantar é necesario agardar dúas horas.

Promoción do Camiño de Fisterra-Muxía na World Travel Market de Londres

A Deputación da Coruña promociona en Londres na World Travel Market (WTM), unha das feiras de turismo máis importes de Europa, onde se amosan as novidades e plataformas de promoción do sector turístico, as rutas xacobeas do Camiño de Fisterra-Muxía, e mailo Camiño Inglés.

 

É a primeira vez, que a Deputación da Coruña participa nesta importante feira turística cun stand propio, especialmente dedicado ao Camiño de Santiago, especificamente ao Camiño de Fisterra e Muxía, e mailo Camiño Inglés, ao parecer co obxectivo de fomentar o coñecemento dos mesmos e posibilitar que maior numero de peregrinos e turistas se animen a percorrer estas rutas situadas na provincia da Coruña.

 

O deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, participa estes días na capital británica en diversos actos e reunións incluídas no programa do evento. Este luns mesmo, trala inauguración do stand, a delegación da Coruña recibiu a visita da ministra en funcións de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, que se interesou pola promoción do Camiño Inglés e polo sistema de colaboración articulado por concellos e Deputación.

 

Durante esta semana, os milleiros de visitantes que acolle a WTM de Londres poderán coñecer material promocional da provincia e, en concreto, destes dous itinerarios xacobeos que discorren íntegramente pola provincia da Coruña.

circuito091117.jpg

Este domingo 10 celébrase o maior evento deportivo de Negreira, polo cal precisamos do apoio e a colaboración de toda a veciñanza para que a Carreira Popular poida desenvolverse coas máximas garantías de seguridade dos corredores/as inscritas nas seis probas da gran festa do deporte na rúa.

 

Para iso é necesario respetar as prohibicións de estacionamento e circulación de vehículos nas rúas e estradas polas que transita o circuito homologado pola Federación Española de Atletismo (FGA). Sempre seguindo as indicacións dos corpos de seguridade, dígase Garda Civil de Tráfico, Garda Civil, Policía Local, Protección Civil, así como os voluntarios que colaboran para o normal desenvolvemento do evento.

 

O Concello de Negreira lembra que dende a tarde do sábado quedará restrinxido o estacionamento en toda a rúa do Carme e maila rúa de Castelao, zona onde está situada a liña de saída e meta da Carreira Popular. Prégase aos residentes e visitantes, que retiren os seus vehículos antes da medianoite do domingo, pois avisarase ao guindastre para proceder a súa retirada.

 

 

Horarios e percorridos

1ª Carreira: 5.000 metros (1 volta)

Saída: 10:00 horas

Percorrido: Rúa de Castelao; Teresa Fabeiro; Rosalía de Castro; avenida das Brañas; Xanín; rotonda de Ceilán; Comprexo deportivo de Pedra Mámoa; Parque Empresarial; avenida de Barcala; rúa da Cachurra; rúa do Carme e META na rúa Castelao.

Peche de control: 10:50 horas

 

2ª Carreira: 10.000 metros (2 voltas)

Saída: 10:50 horas

Percorrido: Rúa de Castelao; Teresa Fabeiro; Rosalía de Castro; avenida das Brañas; Xanín; rotonda de Ceilán; comprexo deportivo de Pedra Mámoa; Parque Empresarial; avenida de Barcala; rúa da Cachurra; rúa do Carme e META na rúa Castelao.

Peche de control: 12:05 horas

 

3ª Carreira: 1.200 metros. Categorías: Alevín e Infantil

Saída: 12:05 horas

Percorrido: Rúa de Castelao; Teresa Fabeiro; Rosalía de Castro, avda das Brañas; rúa da Cachurra; rúa do Carme e META na rúa Castelao.

 

4ª Carreira: 1.200 metros. Categoría Benxamín

Saída: 12:25 horas

Percorrido: Rúa de Castelao; Teresa Fabeiro; Rosalía de Castro, avda das Brañas; rúa da Cachurra; rúa do Carme e META na rúa Castelao.

 

5ª Carreira: 250 metros. Categoría Prebenxamín

Saída: 12:35 horas

Percorrido: Rúa do Carme e META rúa Castelao.

 

6ª Carreira 200 metros. Categoría Chupetes

Saída: 13:00 horas

Percorrido: Rúa de Castelao e META.

 

Foto-Centro.jpg

Este domingo celébranse as segundas Eleccións Xerais deste ano 2019 en que a cidadanía de Negreira poderá exercer o seu dereito ao voto nun total de doce mesas distribuidas en nove locais electorais, e que albergarán as urnas para depositar o seu voto, de cara á elección dos representantes ao Congreso dos Deputados e mailo Senado, entre as 9:00 e as 20:00 horas.

 

A cidadanía do centro urbano, así como Campos, Vilachán, O Corpachón, Ponte Negreira, Patrocinio, Negreira (igrexa), e Negreiroa, votarán por terceira vez no Centro Sociocultural, dotado de maior espazo e máis accesible para que a veciñanza poida exercer o seu dereito ao voto, ademáis dun maior estacionamento para turismos.

 

E ao igual que nas Eleccións Xerais do mes de abril e as Eleccións Municipais do mes de maio, a supresión dos locais electorais das parroquias de Broño e de Bugallido, fan que os seus veciños exerzan o seu voto nos locais de Aro e Alvite, respectivamente.

 

Locais electorais

Centro Sociocultural (4 mesas)

Teleclub da Chancela (Logrosa)

Local social de Portor (Portor)

Local social de Aro (Aro e Broño)

Local social de Gonte (Gonte, Zas e Cobas)

Teleclub de Landeira (Landeira e A Pena)

Local social de Romarís (Arzón, Lueiro e Xallas)

Teleclub de Liñaio (Liñaio)

Escola de Pesadoira (Alvite, Campolongo e Bugallido)

 

 

CARTEL-CONCURSO-FOTOGRAFICO-CIM-DE-NEGREIRA.jpg

O Concello de Negreira, a través do Centro de Información á Muller (CIM), promove o seu primeiro Concurso Fotográfico, que pretende reivindicar o papel da muller. Así, o obxectivo é facer partícipes ás persoas que fagan chegar as súas instantáneas, nas que as mulleres deben ter un papel protagonista.

Informámos que hai de prazo ata o día 20 de novembro do 2019 (ata as 23.59 horas) para a entrega de imaxes. A publicación do fallo do xurado será o 22 de novembro e, a notificación dos resultados farase pública na web: www.concellodenegreira.gal.

 

Premios

- Primeiro premio para a categoría de Maiores (de 18 anos en diante): Cámara de fotografía instantánea.

- Primeiro premio para a categoría de Rapazada (menos de 18 anos): Cámara deportiva.

 

Consulta aquí as bases do I Concurso Fotográfico Concello de Negreira e descarga a autorización para menores e maila ficha de inscrición, na web municipal.

 

Datos adxuntos

O Concello de Negreira convoca a todos os comerciantes, hosteleiros e empresarios, a asistir e participar activamente nunha xuntanza-coloquio, para tratar cuestións de especial relevancia para o municipio en xeral, e para os sectores comercial, de hostelería e turismo en particular.

 

O equipo de Goberno municipal pretende impulsar estes sectores, confiando en que é posible o cambio e un novo impulso, para o cal consideran necesaria e imprescindible, a colaboración de todos os sectores para encamiñar ese novo rumbo.

 

A devandita xuntanza-coloquio terá lugar no Auditorio da Casa da Cultura, con acceso pola Carreira de San Mauro, o xoves día 21 de novembro, ás 21:00 horas, para o que agardan contar coa presenza do maior número de profesionais do comercio, hostelería e empresas do noso concello.

 

Cartaz-marcha.jpg

A marcha «Nunca camiñarás soa», celebrarase o domingo 24 de novembro desde as oito da mañá para cubrir con relevistas ao redor de cen quilómetros, partindo da capital do Xallas por Val do Dubra, A Baña, Negreira, Mazaricos e, con final, na Casa do Concello de Santa Comba, sobre as sete da tarde.

 

Os relevistas portarán un facho de lume para simbolizar o feito de superar a escuridade dá violencia de xénero, segundo sinalan os promotores que pretenden involucrar ao maior número de persoas con relevistas individuais ou en grupo, como colectivos veciñais, de mulleres rurais, deportivas ou culturais.

 

Á chegada a cada concello acenderase un pebeteiro de lume e lerase un manifesto. Todas as persoas que queiran ser relevistas débense anotarse en cada un dos cinco concellos participantes nesta iniciativa pioneira.

 

Percorrido

A marcha, que este ano se iniciará en Santa Comba ás 8 da mañá do domingo 24 e que en futuras edicións arrancará rotativamente en cada concello, sairá da praza do Campo da Feira, e pasará polas parroquias de Montouto, Freixeiro e Vilamaior, antes de dirixirse a Val do Dubra, entrando por Malvárez.

 

En Val do Dubra, discorrerá polas parroquias de Rial, Bembibre e Portomouro, e pasará ao concello da Baña, pouco despois de Paramos. En terras bañesas, visitará Cabanas, Lañas e Seilán, para saltar a Negreira nas inmediacións da Pontemaceira, dende onde collerá a ruta do Camiño de Fisterra que atravesa a capital do Val de Barcala para dirixirse a Mazaricos, intercambiando o relevo na zona das Maroñas, e continuando por boa parte do Camiño ata desviarse cara A Picota.

 

Logo, continuará por Mazaricos, Abeleiras, Abeleiroas, Lago, Niñán, Alborés, San Cosme de Antes para volver a Santa Comba, entrando despois da ponte do río Maroñas pola Pereira, para percorrer as parroquias de San Cristobo de Mallón, Alón e chegar á Casa do Concello, sobre as sete da tarde.

 

 

Foto1.jpg

Este sábado 16 de novembro, ás 21:00 horas e con entrada de balde, dentro da programación do Outono Cultural 2019 chega unha nova montaxe teatral, a cal conta a historia de Berto e Mónica, veciños ambos dunha vila da Costa da Morte con percorridos vitais moi diferentes que son como dúas caras da mesma moeda. Mónica encarna o entusiasmo de quen devece por retornar á súa terra, mentres Berto representa a apatía de quen tivo que ficar obrigado.

 

A acción da obra transcorre nun vello ultramarinos: o Finisterrae, un negocio familiar do que se fixo cargo Berto e que está condenado ao peche. Pero o Finisterrae é un local cheo de historia, con vellos estantes onde dormen reliquias de todos os tempos que pasaron polo negocio dende que foi aberto nos anos 50. E alí, segue acodendo cada mañá Berto, sen ser quen de tirar nin un só daqueles obxectos. E alí é tamén, onde o visita Mónica.

 

Foto-2.jpg

 

Valores da producción

Trátase dunha obra escrita por María Lado -Premio María Casares 2019 ao mellor texto orixinal por Anatomía dunha serea- que é un atractiva proposta estética coa incorporación de títeres e que pon en valor o local e ao pequeno comercio.

 

Unha homenaxe ás vilas afastadas das grandes cidades que sofren despoboación progresiva, pero que agochan diversas oportunidades. Tamén é unha oda ás raíces, que expresa o amor pola terra e o pulo das novas xeracións por retornar ás súas vilas de orixe.

 

Ficha técnica

Xénero: Teatro de actor e manipulación de títeres

Público: Adulto, a partir de 12 anos

Duración: 80 minutos

Intérpretes: Borja Insua, Celtia Figueiras e Topo Vidal

Dirección e dramaturxia: Topo Vidal

Escenografía e monicreques: Borja Insua

 

Recollida-alimentos-1.jpg

A Asociación de Amas de Casa de Negreira en colaboración cos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Negreira, emprende un ano máis a súa Campaña de Nadal de recollida de alimentos e xoguetes, destinada ás familias máis necesitadas do municipio.

 

A campaña comeza hoxe día 15 de novembro e exténdese ata o día 8 de xaneiro de 2020. A veciñanza pode facer as súas aportacións voluntarias de alimentos non perecedeiros como conservas, legumes, aceites, patacas, cacao, cebolas e incluso produtos de hixiene persoal nos lugares habilitados nos seguintes establecementos: Casa Lula; Gadis; Eroski; MercaMás Froiz e Día.

 

Para contacto coa campaña: Teléfono 659 180 323.

 

Paralelamente, a Asociación de Amas de Casa tamén emprende unha recollida de xoguetes en bo estado que poden entregarse todos os martes e os xoves, en horario de tarde, no local da entidade no edificio do antigo instituto, na rúa de Castelao.

 

De antemán, agradecen a colaboración de particulares e firmas comerciais que queiran sumarse a esta campaña solidaria.