DSC 1850

Manuel Ángel Leis: «Debemos priorizar as actuacións dentro da guía de traballo do goberno»

 

O Alcalde-Presidente do Concello de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, avanzou hoxe na emisora municipal Radio Negreira, cómo será o organigrama do Goberno Municipal 2019-2023 co reparto das diferentes áreas de xestión:

 

1 - Manuel Ángel Leis Míguez. Alcalde e responsable dás áreas de Urbanismo e Persoal.

2 - María del Mar García Vidal. Primeira tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade.

3 - Iván Guardado Porto. Segundo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Novas Tecnoloxías e Participación Cidadá.

4 - Flora Grille Novío. Concelleira de Cultura e Festexos.

5 - Juan Plata Barbazán. Concelleiro de Comercio, Turismo e Industria.

6 - María Josefa Vázquez Alende. Concelleira de Educación e Sanidade.

7 - Adolfo Manuel Barbosa Pérez. Concelleiro de Agricultura, Medio Ambiente, Parques e Xardíns.

 

Pendentes da conformación da Xunta de Goberno Local e a composición das distintas Comisións Informativas e o nomeamento de representantes en órganos como a Mancomunidade de Concellos do Tambre ou os consellos escolares, que deberá ratificarse e aprobarse no primeiro pleno da lexislatura, o de organización, o alcalde fixo especial fincapé en que o novo goberno «ten moitas ganas de traballar e facer cousas polo noso concello», con moitas «ideas», e estudando todas as propostas en beneficio da veciñanza.

 

«Levamos un programa de actuacións consensuado cos veciños e veciñas das distintas parroquias, e aínda que sexa unha guía de traballo para estes catro anos, sempre se dixo que debemos priorizar as actuacións», subraiou o rexedor, quen aludiu a que están traballando para conformar a Xunta de Goberno Local e sacar a licitación e adxudicación os proxectos que xa estaban aprobados do Plan POS +2019 que financia a Deputación da Coruña con proxectos como a instalación dunha pista multideporte na praza das Brañas, a adquisición dunha nova excavadora, ou a mellora do firme nas avenidas das Brañas e de Barcala, ademáis do Fondo de Compensión Medio ambiental, ou unha subvención da Consellería de Vicepresidencia para construir unha sede estable para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, no parque empresarial.

 

 

Escoita aquí a entrevista co alcalde:

Ligazón: Entrevista a Manuel Ángel Leis Míguez

 

OhOlimpiadas.jpg

A primeira cita de Cultura a pé de rúa do presente verán en Negreira chega este venres 5 de xullo co espectáculo de clow: OhOlimpiadas!, da Compañía Sincronizadas, ás 21.00 horas no Parque do Coto. Trátase dun espectáculo que recibiu o premio ao mellor de rúa no certame Fetén 2019, e que combina danza cos portés acrobáticos, de 50 minutos de duración e dirixido a tódolos públicos, dentro da programación do Verán Cultural 2019.

 

Sinopse: Qué pasaria se a nosa vida fose retransmitida como o Tour de Francia ou como os saltos sincronizados...? E se nos comportásemos como certos deportistas na nosa rutina diaria? Este espectáculo baséase na cotidianidad da vida retransmitida como un deporte en directo para crear un mundo rexido polo absurdo, onde o xesto deportivo e o mundo real mestúranse nunha quimera de disparate continuo.

 

Estas situacións cobran vida grazas á combinación de técnicas como a danza e os portés acrobáticos. E por suposto, todo bañado cunha boa dose de humor que dá soporte a este mundo de disparate que construímos para o deleite de tódolos públicos.

 

Espectáculo en residencia dentro do Festival CIrcada 2018 e premio ao mellor espectáculo de rúa no Certame Fetén 2019.

DSC_1928.JPG

A Fundación do Real Club Celta de Vigo en colaboración co  Concello de Negreira e maila Asociación Deportiva Nicrariense (ADN), presentaron o seu campus de verán a realizar en Negreira, dende o luns 15 ao venres 19 de xullo, no campo municipal de  Cepelo, en horario de dez da mañá ás dúas da tarde, e para idades de 4 a 16 anos.

 

O campus conta coa participación de adestradores do Celta e cada xogador e xogadora participante recibirá un diploma acreditativo. No acto de presentación participaron o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, acompañado por Germán Arteta, director da Fundación Celta, e do presidente de ADN, Luís  Arán.

Cartaz-Noites.jpg

Os Concellos de Negreira e Ames organizan esta iniciativa que terá lugar este sábado 20 de xullo, e que xurdeu como unha proposta conxunta para poner en valor este enclave natural e patrimonial, que une aos dous municipios que comparten protagonismo na Pontemaceira, a porta de entrada dos peregrinos e peregrinas que percorren o Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía.

 

Noites en vela 2019 comezará ás 22.30 horas co concerto de Davide Salvado e máis artistas convidados, a cuxo remate haberá o espectáculo pirotécnico, xusto despois da actuación musical e dende a emblemática ponte, sumándose aos actos programados para esa xornada pola Asociación de Veciños San Brais, que celebra a festividade do Carme cunha misa ás 13.00 horas, seguida dunha sesión vermú cos Gaiteiros de Rois, e un xantar de confraternidade baixo carpa.

 

Davide Salvado

Davide Salvado é un talentosos artista de música tradicional galega, e unha das principais voces de World Music de España. Actuou en World Music Expo 2014 en trío co acordeonista Santi Cribeiro e Cristian Silva, en pipas e percusión.

 

No 2015 publicou o seu novo disco “Lobos” composto por dez temas nos que mostraba o seu amor pola cultura e a tradición galega, unha terra que sempre leva no seu corazón. Neste disco quíxolle render unha homenaxe ao lobo, ao ser un animal típico das montañas galegas. Ten realizado xiras de concertos por toda a península, así como por Portugal e Finlandia.

DSC_2268.JPG

O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, xunto coa concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, María del Mar García Vidal, participaron hoxe na clausura das actividades levadas a cabo durante o presente curso polo Voluntariado Social do Concello de Negreira, nun acto desenvolvido na Casa da Cultura, coa presenza dun bo número das mulleres participantes, así como as monitoras voluntarias e maila coordenadora do servizo, Laura Platas.

 

Durante a clausura houbo unha serie de agradecementos aos voluntarios que colaboran no mantemento do Roupeiro municipal, así como para aquelas persoas que colaboraron nas actividades realizadas para os usuarios e usuarias da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos Comarca de Barcala, entre elas, a de terapia con cabalos, ou a de habilidades da vida diaria.

 

En canto aos obradoiros clausurados hoxe, foron os de: Bordado; punto de cruz; encaixe de bolillos; costura e encaixe de horquilla. Anteriormente, xa foran clausurados os de manualidades e xoguetes de Nadal, así como o de macramé.

 

A partir do mes de outubro voltarán os distintos talleres da oferta anual do Voluntariado Social.

Tambre2019b.jpg

Os concellos de Negreira, Val do Dubra e A Baña organizan un programa de rutas de sendeirismo arredor do río Tambre, para mergullarse na natureza, a historia e as incontables paisaxes da contorna.
O 3 de agosto, sairemos da praza da feira para percorrer a Ruta dos tres Pazos, con 15,5 Km circulares, pasando polo paseo fluvial do río Barcala, o refuxio de Covas, a eterna Ponte Maceira e os tres grandes pazos que hai no concello: o do Cotón, o de Balandrón e o de Albariña, todos eles a pouca distancia do Tambre.

 

O 10 de agosto presentamos a Ruta do Remuíño, con 13 Km entre ida e volta; partimos do colexio de Portomouro (Val do Dubra), para subir río arriba pasando a ponte de Portomouro, a pequena aldea abandonada de As Novais e a súa vella capela, bosques autóctonos e a histórica fábrica do Remuíño, pioneira da nosa zona na transformación da enerxía hidráulica en electricidade a mediados do S. XX.

 

O 17 de agosto, xuntarémonos na área recreativa de Fiopáns (A Baña) para facer a Ruta da Ribeira do Tambre cos seus 11 Km entre ida e volta. Subindo o río ao deixarmos atrás o Portalaxe coas súas pontellas, percorreremos camiños de pescadores e de labregos, e deixarémonos levar por un inmenso bosque de galería con carballos centenarios e muíños que contribuíron a escribir a nosa historia.

 

As saídas serán ás 09:00 e cómpre inscribirse previamente na caseta de turismo da avenida de Santiago de Negreira, telf.: 650 796 956 (para calquera das tres rutas); no Concello de Val do Dubra, telf.: 981 889 000 (para a ruta do Remuíño); ou no Concello da Baña, telf.: 981 886 777 (para a ruta da Ribeira do Tambre).

punto_de_atencion_peregrinos.jpg

Achegamos os datos conseguidos gracias ás estatísticas de solicitantes de información na caseta de turismo do concello.

 

Con esta información podemos averiguar non so cantas persoas pasaron pola caseta de información do concello de Negreira nos últimos catro meses, senón tamén de onde veñen, cantos anos teñen e cal é a súa motivación.

 

En abril o total de persoas foron 735, cun 54% procedentes do estado español, seguido en importancia por Portugal, Alemaña, Italia e Francia. En maio, atendéronse 1.045 persoas, cun 32% procedentes do conxunto de España, seguido de Italia, Alemaña, Francia e Portugal.

 

No mes de xuño pasaron pola caseta de información turística un total de 1.381 visitantes, cun 42% do conxunto de España, seguido de Italia, Alemaña, Francia e Portugal.

 

En xullo, a falta de tres días para que remate o mes, foron atendidas no punto de información 1.064 persoas, das que o 53% viñeron do territorio español, seguido de Italia, Francia, Alemaña e Irlanda.

 

Polo xeral, a meirande parte das persoas solicitan o selo da credencial e piden información sobre o Camiño e o aloxamento.

 

Os países emisores que máis presenza adoitan ter despois de España son Italia, Alemaña e Francia, mentres que as provincias con maior protagonismo son Madrid, Barcelona e a propia provincia da Coruña.

 

Arredor do 90% das persoas atendidas viñan a pé facendo o Camiño; o resto de visitantes repártense principalmente entre as que fan o Camiño en bicicleta e as persoas que viaxan en medios de transporte a motor.

DSC_2415.JPG

Rematou o obradoiro de emprego “Xallas-Barcala-Dubra IV”, un proxecto mixto de emprego e formación subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e, cofinanciado polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, e promovido polo Concello de Negreira, conveniado cos concellos de Santa Comba, Val do Dubra e A Baña.

 

O acto de clausura desenvolveuse hoxe no Auditorio do Centro Sociocultural, coa asistencia dos catro alcaldes: Manuel Ángel Leis Míguez (Negreira); David Barbeira García (Santa Comba); José Manuel Varela Ferreiro (Val do Dubra), e José Antonio Pereira Gil (A Baña), quenes estiveron acompañados polo xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Isidoro Martínez Arca.

 

Este obradoiro de emprego foi dirixido a mellorar a ocupabilidade de 20 persoas desempregadas de ditos concellos, cinco alumnos de cada un deles, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.

 

O obradoiro de emprego tivo unha duración de 9 meses no cal se impartiron 2 especialidades: Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción, con 12 alumnos, e Promoción turística local e información ao visitante, con 8 alumnos, impartíndose ademais formación complementaria en materia de prevención de riscos laborais, xestión empresarial, alfabetización informática, formación para a igualdade e sensibilización ambiental.

 

Os alumnos/as-traballadores/as da especialidade de operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción realizaron un total de 10 actuacións, que son as seguintes:

 

•No concello de Negreira executouse o mantemento do local social de Covas, o mantemento do local social de Campolongo, o mantemento da fachada da Casa da Cultura e a realización de beirarrúas na zona de Campos a Pedra Mámoa.

•No concello da Baña executáronse actuacións de mellora no local social da parroquia de Corneira e actuacións de mellora no local social e antiga escola da parroquia de Ordoeste.

•No concello de Santa Comba executáronse actuacións de mellora no Centro de Formación Escola-Obradoiro do concello.

•No concello de Val do Dubra executáronse actuacións de mellora na Casa da Cultura, na gardería e no Centro de Formación do concello.

 

Os alumnos/as-traballadores/as da especialidade de promoción turística local e información ao visitante realizaron actuacións de promoción e divulgación turística dos catro concellos, así como labores de información ao visitante, entre as que destacan:

 

• Colaboración cos departamentos de Cultura dos catro concellos.

• Promoción dos catro concellos a través do programa de radio “Viaxa con nós”, en Radio Negreira 107.0 FM, así coma nas redes sociais Facebook, Instagram e Twitter.

• Creación dun banco de fotos e de fichas/inventario do patrimonio dos catro concellos.

• Elaboración de carteis promocionais do entroido de Santa Comba e Val do Dubra.

• Colaboración na presentación da XVI Festa da filloa do concello de A Baña, nas Feiras do Abril do Concello de Val do Dubra, etc.

• Planificación e organización do concurso de “receitas do entroido” e da VIII Ruta das Tapas do concello de Negreira.

• Colaboración no punto de información turística do concello de Santa e de Negreira para promocionar os catro concellos.

• Realización de visitas teatralizadas na Casa do Pozo do Concello de Santa Comba.

• Elaboración de folletos informativos dos catro concellos.

 

Moni-foto.jpg

A premiada compañía Pistacatro presenta unha aventura de circo e humor, este venres 2 de agosto, ás 21.00 horas, na segunda cita este verán co programa "Cultura a pé de rúa", na praza do Concello.

 

Moni Mundana é unha exploradora moi despistada na procura dun tesouro, o que lle fará percorrer medio planeta nunha divertida aventura para toda a familia, chea de emoción, humor e circo. Unha viaxe inesquecible desta exploradora curiosa, tenra e divertida, que nos ensinará que viaxar non é só cambiar de lugar, tamén serve para converternos en mellores persoas.

 

Pistacatro quere achegar a espectacularidade do circo ás rúas, nun espectáculo para todas as idades que mistura o clown, a acrobacia aérea, os números de lume, os malabares, a percusión, a danza africana e a participación directa do público. A través dunha linguaxe visual e sen palabras, descubriremos que non somos tan distintos os uns dos outros.

 

Duración: 45 minutos