Foto-Centro.jpg

Este domingo celébranse as segundas Eleccións Xerais deste ano 2019 en que a cidadanía de Negreira poderá exercer o seu dereito ao voto nun total de doce mesas distribuidas en nove locais electorais, e que albergarán as urnas para depositar o seu voto, de cara á elección dos representantes ao Congreso dos Deputados e mailo Senado, entre as 9:00 e as 20:00 horas.

 

A cidadanía do centro urbano, así como Campos, Vilachán, O Corpachón, Ponte Negreira, Patrocinio, Negreira (igrexa), e Negreiroa, votarán por terceira vez no Centro Sociocultural, dotado de maior espazo e máis accesible para que a veciñanza poida exercer o seu dereito ao voto, ademáis dun maior estacionamento para turismos.

 

E ao igual que nas Eleccións Xerais do mes de abril e as Eleccións Municipais do mes de maio, a supresión dos locais electorais das parroquias de Broño e de Bugallido, fan que os seus veciños exerzan o seu voto nos locais de Aro e Alvite, respectivamente.

 

Locais electorais

Centro Sociocultural (4 mesas)

Teleclub da Chancela (Logrosa)

Local social de Portor (Portor)

Local social de Aro (Aro e Broño)

Local social de Gonte (Gonte, Zas e Cobas)

Teleclub de Landeira (Landeira e A Pena)

Local social de Romarís (Arzón, Lueiro e Xallas)

Teleclub de Liñaio (Liñaio)

Escola de Pesadoira (Alvite, Campolongo e Bugallido)

 

 

CARTEL-CONCURSO-FOTOGRAFICO-CIM-DE-NEGREIRA.jpg

O Concello de Negreira, a través do Centro de Información á Muller (CIM), promove o seu primeiro Concurso Fotográfico, que pretende reivindicar o papel da muller. Así, o obxectivo é facer partícipes ás persoas que fagan chegar as súas instantáneas, nas que as mulleres deben ter un papel protagonista.

Informámos que hai de prazo ata o día 20 de novembro do 2019 (ata as 23.59 horas) para a entrega de imaxes. A publicación do fallo do xurado será o 22 de novembro e, a notificación dos resultados farase pública na web: www.concellodenegreira.gal.

 

Premios

- Primeiro premio para a categoría de Maiores (de 18 anos en diante): Cámara de fotografía instantánea.

- Primeiro premio para a categoría de Rapazada (menos de 18 anos): Cámara deportiva.

 

Consulta aquí as bases do I Concurso Fotográfico Concello de Negreira e descarga a autorización para menores e maila ficha de inscrición, na web municipal.

 

Datos adxuntos

Cartaz-marcha.jpg

A marcha «Nunca camiñarás soa», celebrarase o domingo 24 de novembro desde as oito da mañá para cubrir con relevistas ao redor de cen quilómetros, partindo da capital do Xallas por Val do Dubra, A Baña, Negreira, Mazaricos e, con final, na Casa do Concello de Santa Comba, sobre as sete da tarde.

 

Os relevistas portarán un facho de lume para simbolizar o feito de superar a escuridade dá violencia de xénero, segundo sinalan os promotores que pretenden involucrar ao maior número de persoas con relevistas individuais ou en grupo, como colectivos veciñais, de mulleres rurais, deportivas ou culturais.

 

Á chegada a cada concello acenderase un pebeteiro de lume e lerase un manifesto. Todas as persoas que queiran ser relevistas débense anotarse en cada un dos cinco concellos participantes nesta iniciativa pioneira.

 

Percorrido

A marcha, que este ano se iniciará en Santa Comba ás 8 da mañá do domingo 24 e que en futuras edicións arrancará rotativamente en cada concello, sairá da praza do Campo da Feira, e pasará polas parroquias de Montouto, Freixeiro e Vilamaior, antes de dirixirse a Val do Dubra, entrando por Malvárez.

 

En Val do Dubra, discorrerá polas parroquias de Rial, Bembibre e Portomouro, e pasará ao concello da Baña, pouco despois de Paramos. En terras bañesas, visitará Cabanas, Lañas e Seilán, para saltar a Negreira nas inmediacións da Pontemaceira, dende onde collerá a ruta do Camiño de Fisterra que atravesa a capital do Val de Barcala para dirixirse a Mazaricos, intercambiando o relevo na zona das Maroñas, e continuando por boa parte do Camiño ata desviarse cara A Picota.

 

Logo, continuará por Mazaricos, Abeleiras, Abeleiroas, Lago, Niñán, Alborés, San Cosme de Antes para volver a Santa Comba, entrando despois da ponte do río Maroñas pola Pereira, para percorrer as parroquias de San Cristobo de Mallón, Alón e chegar á Casa do Concello, sobre as sete da tarde.

 

 

Foto1.jpg

Este sábado 16 de novembro, ás 21:00 horas e con entrada de balde, dentro da programación do Outono Cultural 2019 chega unha nova montaxe teatral, a cal conta a historia de Berto e Mónica, veciños ambos dunha vila da Costa da Morte con percorridos vitais moi diferentes que son como dúas caras da mesma moeda. Mónica encarna o entusiasmo de quen devece por retornar á súa terra, mentres Berto representa a apatía de quen tivo que ficar obrigado.

 

A acción da obra transcorre nun vello ultramarinos: o Finisterrae, un negocio familiar do que se fixo cargo Berto e que está condenado ao peche. Pero o Finisterrae é un local cheo de historia, con vellos estantes onde dormen reliquias de todos os tempos que pasaron polo negocio dende que foi aberto nos anos 50. E alí, segue acodendo cada mañá Berto, sen ser quen de tirar nin un só daqueles obxectos. E alí é tamén, onde o visita Mónica.

 

Foto-2.jpg

 

Valores da producción

Trátase dunha obra escrita por María Lado -Premio María Casares 2019 ao mellor texto orixinal por Anatomía dunha serea- que é un atractiva proposta estética coa incorporación de títeres e que pon en valor o local e ao pequeno comercio.

 

Unha homenaxe ás vilas afastadas das grandes cidades que sofren despoboación progresiva, pero que agochan diversas oportunidades. Tamén é unha oda ás raíces, que expresa o amor pola terra e o pulo das novas xeracións por retornar ás súas vilas de orixe.

 

Ficha técnica

Xénero: Teatro de actor e manipulación de títeres

Público: Adulto, a partir de 12 anos

Duración: 80 minutos

Intérpretes: Borja Insua, Celtia Figueiras e Topo Vidal

Dirección e dramaturxia: Topo Vidal

Escenografía e monicreques: Borja Insua

 

Recollida-alimentos-1.jpg

A Asociación de Amas de Casa de Negreira en colaboración cos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Negreira, emprende un ano máis a súa Campaña de Nadal de recollida de alimentos e xoguetes, destinada ás familias máis necesitadas do municipio.

 

A campaña comeza hoxe día 15 de novembro e exténdese ata o día 8 de xaneiro de 2020. A veciñanza pode facer as súas aportacións voluntarias de alimentos non perecedeiros como conservas, legumes, aceites, patacas, cacao, cebolas e incluso produtos de hixiene persoal nos lugares habilitados nos seguintes establecementos: Casa Lula; Gadis; Eroski; MercaMás Froiz e Día.

 

Para contacto coa campaña: Teléfono 659 180 323.

 

Paralelamente, a Asociación de Amas de Casa tamén emprende unha recollida de xoguetes en bo estado que poden entregarse todos os martes e os xoves, en horario de tarde, no local da entidade no edificio do antigo instituto, na rúa de Castelao.

 

De antemán, agradecen a colaboración de particulares e firmas comerciais que queiran sumarse a esta campaña solidaria.

 

trasnosezocos.jpg

Este Nadal convértete nun trasno para que ningún neno e nena de Negreira quede sen o seu agasallo. É moi sinxelo, pois o programa Trasnos e zocos, en colaboración co Servizo de Voluntariado do Concello de Negreira, dan a oportunidade á veciñanza de colaborar nesta campaña solidaria.

 

No mes de decembro recibirás na túa conta de enderezo electrónico (email), unha carta na que un neno ou nena pedirá varios agasallos, dos que mercarás só un, por un valor inferior ou igual a 30€ e así, poder facelos felices.

 

Inscríbete e recibe máis información no seguinte enderezo: Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo., ou no número de teléfono: 687 054 635 (preguntar por Merche). En Negreira, o punto de entrega de agasallos será na Casa da Cultura.

foto.jpg

Hoxe tivemos unha actividade de dinamización da igualdade, promovida polo Centro de Información á Muller (C.I.M.), dentro das actividades conmemorativas do 25N Día Mundial contra a Violencia de Xénero, baixo o título: ¨Igual a nós¨, coa participación da veciñanza e cos seguintes obxectivos:

 

- Mellorar a calidade de vida das mulleres.

- Sensibilizar na educación en igualdade e a prevención da violencia de xénero.

- Concienciar para a ruptura dos estereotipos de xénero.

- Potenciar o uso das tecnoloxías como ferramentas de comunicación e formación.

- Fomentar a participación e o encontro entre mulleres como mecanismo de mellora da autoestima persoal e grupal.

 

kmnm8g03.jpg

As gañadoras do primeiro Concurso Fotográfico sobre a Muller, convocado polo Centro de Información á Muller, do Concello de Negreira, fallados polo xurado no día de hoxe, son as seguintes:

 

- Categoría maiores de 18 anos. Premio consistente nunha cámara de fotografía instantánea para:

 

Isabel Insua Barca, coa imaxe: Retratos dunha vida de sacrificio anónimo.

 

 

- Categoría menores de 18 anos. Premio consistente nunha cámara de fotografía deportiva para:

 

Aldara Tuñas Búa, coa imaxe: O teu sorriso dáme vida.

 

Foto2.jpg

 

A entrega terá lugar este sábado 23 de novembro, ao remate da VIII Andaina ¨Negreira Camiña contra a Violencia de Xénero¨, no Centro Sociocultural.

Foto-TDT.jpg

Para cumprir co proceso de liberación do Dividendo Dixital, a Xunta de Galicia está poñendo en marcha unha serie de actuacións para realizar os cambios necesarios nos centros de extensión de cobertura do sinal de TDT. Informámoslle que, ditas actuacións realizaranse o martes día 26 de novembro no centro de extensión de cobertura de TDT de Babión.

 

O proceso consiste no apagado neste centro da frecuencia de emisión actual do múltiple autonómico e acendido na nova frecuencia asignada: 

 

- Canle 31 (MUX AUTONÓMICO): TVG, TVG2, GHD, G2HD. 

 

Para poder seguir desfrutando desta canle, os interesados deberán, en primeiro lugar, dispor da cobertura axeitada do devandito centro, podendo confirmar tanto o centro emisor como a calidade da cobertura por vía telefónica - 881 866 388 - ou na web www.tdtgalicia.gal.  A continuación, bastará con realizar unha busca da nova canle no receptor de TDT.  

 

De cara a facilitar a información aos veciños, anexamos as entidades de poboación do concello que, segundo os cálculos de cobertura, teñen a este centro de extensión de cobertura de TDT de Babión como mellor servidor e que se beneficiarán deste cambio: 

 

tdt.PNG

 

Cartaz.jpg

O actor Carlos Blanco actuará o venres día 3 de xaneiro de 2020 no Auditorio do Centro Sociocultural, a partir das 21:00 horas, dentro da programación de Nadal do Concello de Negreira.

 

Carlos Blanco decide revisar algún dos seus mais coñecidos monólogos. As bravas da Arousa (queres kiwis?), a dobraxe porno; galizara, as grandes frases das nosas avóas…en 60 minutos de risas garantidas, porque Carlos introduce ademáis cada noite elementos de actualidade e improvisación. Carlos adapta, xoga, fai jazz coa palabra e resulta imprescindible nestes tempos onde a risa é algo máis ca terapéutica. O mellor do mellor. Os monólogos escollidos de Carlos Blanco.

 

Venda de entradas anticipadas: 10€ en Restaurante Casa Barqueiro e Delegación de Cultura.

 

Na billeteira: 12€

 

Non recomendado para menores de 13 anos.