MapaOnlineNegreira.jpg

 

Xa podes consultar neste enlace https://goo.gl/kWmjbn o mapa en liña dos recursos turísticos do concello de Negreira.

Dende a sección de turismo do concello estamos a tirarlle proveito ás novas tecnoloxías e empezamos este ano a xeolocalizar os elementos máis senlleiros do noso concello, para facer un mapa en liña fácil de consultar e tamén de actualizar. Este mapa en lina quere recoller os sitios máis fermosos para visitar do noso concello, as rutas para percorrer, pero tamén a información básica e localización dos servicios e equipamentos do concello. Para facer máis accesible a información, agrupámola segundo varios temas: Que facer, que visitar, onde aloxarse, onde comer, onde tomar algo... así como un grupo que inclúe a información e localización dos servizos do concello, o trazado do camiño de Fisterra-Muxía e a situación das nosas parroquias.

Neste mapa en liña recollemos información útil para os que nos visiten, pero tamén para a veciñanza de Negreira que queira descubrir o noso concello. Podes activar e desactivar estes grupos de información, e deixar á vista só a información que te interese ver. Ademais podes empregar este mapa no teu móbil ou tableta, xa que o podes abrilo dende a aplicación de Google Maps e así, chegar aos sitios que te interese visitar e consultar a información asociada a cada punto, aproveitando así as capacidades de xeolocalización do teu dispositivo.

Sabemos que é un mapa incompleto, seguro que falta información, faltan fermosos sitios, recunchos singulares, historias fermosas... Para lograr facer un mapa completo e sen erros, precisamos a túa axuda. Se detectas erros ou que falta algo, por favor comunícalo no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Integraremos a túa suxestión o antes posible.

Foto_portada_noticia.jpg

 

O Refuxio de Covas, no paseo fluvial do río Barcala, é un ano máis o escenario natural e nun marco incomparable, do festival Noite Folk, promovido polo Concello de Negreira, a desenvolverse este sábado 18 de agosto dende as 22:00 horas, e coas actuacións de: Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre; Caxade e Malvela.

O público asistente contará cun amplo aparcadoiro iluminado, accedendo a través do Parque Empresarial. Xa na propia área recreativa de Covas, non faltarán servizos de cantina, baños e postos de comida.

 

xabierdiaz-e-adufeiras-noro.jpg

 

A sua curiosidade facilitou a chegada de experiencias que se sucederon tendo sempre á música popular no horizonte. Xacarandaina, Rumbadeira, os primeiros traballos de campo, a través dunha incesante actividade docente, asociacións, concursos ou certames.

A traxectoria de Xabier Díaz tivo un momento importante coa Nova Galega de Danza, coa que participou nos espectáculos: Alento engado e Tradición, entre os anos 2005 e 2009. Berroguetto chamou a porta de Xabier a inicios de 2008 e a viaxe durou ata o ano 2014, no que se anunciaba a disolución da banda.

Grandes parceiros e amigos seus foron Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xosé Luis Romero, cos que participou no proxecto Acadacanto, e cos que editou Acadacanto (2012) e Rosa d’adina (2014). Ao longo dos anos realizou un feixe de colaboracións en discos e concertos de diferentes artistas: Carme París; Xosé Manuel Budiño; Kepa Junquera; Guadi Galego e Os Cempés, entre outros.

Dende a presentacion de ¨The Tambourine man¨, e con mais de setenta concertos ás costas en apenas dous anos, visitou Alxer, Oslo, Lorient, Le Chatre, Glasgow, Lisboa, Madrid ou Bruxelas. Agora chega Noró, que pon o acento nas músicas do Norte. Chega acompañado das cantareiras de Adufeiras de Salitre.

 

 

caxade_e_isto_e_o_amor_promo2.jpg

 

O proxecto persoal de Alonso Caxade: Folk-pop, cun arrecendo a música minimalista e a sons bucólicos pastoris da vella Europa. Música elegante, modesta e sinxela, surrealismo posmodernista e discurso reivindicativo metafórico e irónico. Mellor artista nos XII Premios Opinión, Premio Martín Códax da música galega, gañador do certame Música Xove e representante galego do SUNS Europe 2015.

O seu primeiro traballo discográfico "A Dança dos Moscas", contou cos músicos que na actualidade seguen formando a súa banda: Manu Paino (trompeta e teclado), Manu Espinho (bombardino e trombone), Xosé Tunhas (batería) e o propio Alonso Caxade (voz e acordeón). Dous anos depois, en decembro de 2015 saiu á venda o DVD+CD "A Dança dos Moscas ao vivo" gravado coa Banda de Música da Bandeira. O seu último disco "E isto é o Amor" saiu á venda en maio de 2016.

Malvela        

Cantaban nas súas casas, tiñan nos seus corazóns as cantigas das avóas, e un día puxéronse a facer festa con elas para achegarnos o seu tesouro musical. Malvela ofrecenos as cancóons que veñen da terra. As cancións que moitas voces interpretaron a través dos tempos, as melodías que nos identifican.

Malvela é música con enerxía para que os cantos tradicionais, eses que elas aprenderon cando eran nenas, sigan a facer festa e ser patrimonio vivo de todos e todas, a engaiolar coa su beleza e o seu ritmo. Malvela son varias xeracións que se xuntan para transmitir o máis rico legado, cantigas interpretadas en celebracións tradicionais que agora eles recuperan para levar aos máis diversos escenarios ou para que son nas casas a través dos seus discos.

 

nota_romanico.jpg

 

Esta fin de semana, do venres 24 ao 26 de agosto, Negreira viaxa no tempo coa súa decimo segunda Feira do Románico. É por isto que a partir de mañá, mércores 22, a Carreira de San Mauro quedará cortada ao trafico por motivos de organización e haberá desvíos alternativos pola Abeanca, A Chancela e Vilachán de Abaixo. Así mesmo, tamén comezarán os traballos de decoración do Pazo do Cotón.

A celebración comezará o venres as 18:00h e, dende ese momento, haberá actividades variadas practicamente cada media hora ata o domingo a media noite, momento no que se pechará a Feira ata o ano que ven cunha actuación musical. Por primeira vez, incorporará dúas serpes e unha chama, xunto á cetrería. Repetirá o espectáculo de lume de Fire Dragóns, o venres e o sábado, ás dez e media da noite; mentres que o fin de semana, recoméndase non perderse os pasarúas de Kabayla Zingary. Na animación de rúa destacan o espectáculo cómico O clan dous Mcwapos do circo Elfa Cuca, os faunos, o número aéreo de Maleficio e os malabares de Pistacatro. O prato forte do sábado serán os números nocturnos de lume e acrobacias. A medianoite chegará o gran espectáculo pirotécnico, seguido do concerto do grupo murciano Wyrdamur. O domingo o peche poñerao Subumbra, de Troula Animación, ás dez da noite. A novidade deste ano é un parque infantil e tamén a instalación dunha tirolina de 80 metros.

 

 

velutina_negreira.jpg

 

O Concello de Negreira, xunto co Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, alertan de que cada vez é máis habitual a presenza da vespa asiática velutina nos nosos montes e que hai que telo en conta á hora da planificación dos traballos forestais.

Recomendan, antes de comezar os traballos, realizar un recoñecemento exhaustivo da parcela e comprobar que non existen niños de velutina na zona. No caso de que si que houbera algún, aconsellan non achegarse a menos de 5 metros del e chamar ao 012 antes de intentar atacalo ou cortalo.

Se se produxera algún ataque, é importante fuxir o antes posible, buscar un refuxio e intentar evitar que as velutinas ataquen nas zonas máis sensibles da cara como pode ser a zona dos ollos ou o pescozo. Recordan que ás velutinas atráenas os movementos bruscos, por iso non se deben axitar os brazos para espantalas. Ademais, as vespas asiáticas esmagadas emiten un cheiro que capta a máis velutinas.

Por outra banda, se se presencia un ataque, non hai que achegarse para intentar axudar a vítima. O que se debe facer é chamar ao número de emerxencias, 112, onde te informarán de como se debe actuar e avisarán aos medios necesarios para que se trasladen ao lugar correspondente de ser preciso.

 

fotoRomanicoA1.jpg

 

Rematada a duodécima edición da Feira do Románico, dende o Concello de Negreira queremos agradecer a participación do público e dos comerciantes e os artesáns presentes na mesma, así como a implicación das asociacións do concello e dos veciños e veciñas, colaborando coa ambientación do mercado nos seus balcóns e facilitando o desenvolvemento da feira.

 

fotoRomanicoA2.jpg

 

Atrás quedan tres intensas xornadas en que Negreira regresou ao pasado, vivindo e disfrutando unha festa que gozou da animación de músicos e seres doutra época, e dos espectáculos de lume, acrobacias ou aéreos, así como cómicos ou de títeres, e a gran aceptación que tivo entre os máis novos a tirolina xigante de 85 metros de longo, xunto ao espectáculo pirotécnico na medianoite do sábado e, un fin de festa acorde á feira co desfile de teatro de rúa ¨Subumbra¨, da compañía Troula Animación como clausura do Románico 2018.

Festa_da_auga.jpg

 

Agosto péchase con dúas citas importantes no programa do Verán Cultural como son a Festa da auga e maila sétima edición da Gala de maxia.

Este venres ten lugar unha nova edición da Festa da auga, na piscina municipal do parque do Coto, desde as catro da tarde onde haberá xogos inchables, música e a festa da escuma. A entrada ó recinto é de balde.

E no Auditorio do Centro Sociocultural, desde ás 22:00 horas teremos a sétima Gala de maxia. Para esta edición contamos coa presenza do mago Xacobe, quen será o encargado de presentar e dirixir unha gala na que estará acompañado polos magos Kaito e Romarís. Trátase dun espectáculo dirixido a tódolos públicos.

Setembro

O último mes do Verán Cultural preséntase moi animado. Comeza co primeiro Torneo de Pádel, do 4 ó 14 polas tardes no Comprexo Deportivo Municipal de Pedra Mámoa, e continúa o mércores día 5 cunha actuación musical moi singular, a de Jodler Klub, quenes interpretan música folk de orixe suizo. A cita será a partir das 20:30 horas, na Praza do Concello.

Resto do programa

Cultura a pé de rúa (venres 7). Parque do Coto (20:30 horas), co espectáculo Welcome, da compañía Duelirium (equilibristas).

Ruta de sendeirismo (sábado 8). A devesa de Anllares, de 12 quilómetros. Saída en autobús ás 8:30 horas dende a rúa de Castelao.

XII Día da bicicleta (sábado 15). A partir das 10:00 horas con saída desde a rúa de Castelao e chegada no Campo da Feira.

Actuación de Mamá Cabra (sábado 15). Ás 19:00 horas na Casa da Cultura.

Festival de Bandas de Música 2018 (domingo 16). Dende as 19:00 horas na Praza do Concello. Actúan: Banda de Calo (Teo); Banda de Visantoña, e Banda Ateneo de Negreira.

XII Andaina Popular (sábado 22). Saída ás 9:00 horas dende o Campo da Feira, cun roteiro de sendeirismo de aproximadamente 25 quilómetros polos montes e sendeiros do concello.

Obradoiro de instrumentos (martes 25). Ás 18:00 horas na Biblioteca municipal.

Portor_iglesia2_negreira.jpg

O 15 de setembro terá lugar a Ruta do Románico polos concellos de Negreira, a Baña e Val do Dubra. Visitaranse as igrexas de Santa María de Paramos, Santa Maria de Portor, Santa Baia de Lañas e San Pedro de Gonte.

 

O autobus sairá dende Negreira, dende o Bar Celta, as 10 da mañá, dende Ceilán na parada do bus as 10 e cuarto e dende a Igrexa de Paramos as 10 e media.

 

Para máis información e para as inscripcións, pódese contactar cos concellos de Negreira no número 981 88 58 86, a Baña no 981 886 777 - 981 886 501 ou co do Val do Dubra no teléfono 981 889 000 na extensión 131.

O goberno municipal anuncia a convocatoria dunha reunión para falar sobre o trazado para a implantación da nova liña de alta tensión eléctrica que vai afectar as fincas pertencentes ás parroquias de Xallas, Arzón e Lueiro. Será no Local Social de Romarís na xornada do vindeiro mércores día 5 de setembro a partir das 9 da noite.

 

Pregase a asitencia dos propietarios afectados dada a relevancia dos temas a tratar.

galeuropa.jpg

Listaxe de admitidos definitivos Galeuropa

 

A Corporación Municipal de Negreira, convoca un pleno ordinario para o vindeiro luns 10 de setembro de 2018 ás 21:00 horas no Salón de Plenos do Concello, conforme a Orde do Día que se relaciona a continuación:

        

Punto Primeiro.- Aprobación, se procede da acta do Pleno ordinario de data 9 de xullo de 2018.

Punto Segundo.- Dar conta dos Decretos de Alcaldía emitidos dende o último Pleno Ordinario: Do nº 150/2018 ó nº 179/2018, ambos inclusive.

Punto Terceiro.- POS+2018.- Ratificación do decreto de alcaldía número 177/2018, de data 29 de agosto de 2018.

Punto Cuarto.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE sobre a planta de reciclaxe da Casalonga.

Punto Quinto.- Proposta de acordo que formula a plataforma veciñal mina Touro- O Pino non, de rexeitamento ao proxecto de reapertura da explotación mineira cobre San Rafael S.L. nº 2946.

Punto Sexto.- Aprobación provisional, se procede, da modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación de servizos deportivos municipais.

Punto Sétimo.- Aprobación provisional, se procede, da modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola instalación de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atracción ou recreo situados en terreos de uso público local, así como industrias da rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfico.

Punto Oitavo.- Aprobación inicial, se procede, da modificación do orzamento municipal por transferencia de créditos.

Punto Noveno.- Rogos e preguntas.