festa_apego_2018_2.jpg

O programa Apego, dos concellos de Negreira e A Baña, celebra este xoves 21 de xuño á chegada do verán cunha festa na área recreativa do Refuxio de Covas, a partir das cinco da tarde.

 

O Apego é un programa que promove a transmisión do galego entre cativos de cero a seis anos de idade, promovido dende o Servizo de Normalización Lingüística do Agrupamento A Baña-Negreira.

 

Entre as actividades programadas figuran unha biblioteca móbil e a ludoteca ambulante de Os Biosbardos. Tamén haberá unha serie de espectáculos como A máquina do tempo, con Teatro de Ghazafelhos, e ás 19:30 horas con De aquí para alá, con Lidia Botana.

carballoso2.jpg

O Concello de Negreira informa a toda a veciñanza dos horarios e lugares polos que pasarán as rutas de bus para asistir este domingo á romaría de San Xoán do Carballoso, na parroquia de Xallas, onde as misas comezarán a partir das dez da mañá, sendo a solemne á unha da tarde, seguida da procesión. Como tódolos anos haberá unha pulpeira e o xantar campestre. As actuacións musicais estarán a cargo da charanga Tíralle do aire e mailo grupo Iris.

 

Ruta da Andaina

 

Sairá ás 9:30 horas do bar Celta, en Negreira, para aquelas persoas que queiran facer a andaina dende a Ponte da Pedra (Liñaio), ata San Xoán. As persoas interesadas deben apuntarse na Delegación de Cultura e Deportes.

 

Ruta 1 (Negreira)

 

Saída do bar Celta, ás 10:30 horas, pasando por Negreiroa, Gándara, Gonte, Trece, Liñaio, Barbazán, Porqueira, Romarís e Fornos.

 

Ruta 2 (Portor)

 

Saída da parroquia de Portor (Local social), ás 9:45 horas pasando por Negreira, Zas, San Martiño, Broño, San Vicente, Portochancas, Pedralonga, Tuñas, Gorgal, Vilar de Xallas e Fornos.

 

Ruta 3 (Landeira)

 

Saída dende Landeira ás 10:00 horas pasando por Marcelle, Vilaserío, Bugallido, Cornado, Campolongo, San Tomé, Pesadoira, Quintela, Libreiro, Gorgal, Vilar de Xallas e Fornos.

 

Os buses voltan para Negreira, Portor e Landeira, a partir das sete da tarde.

 

franxas190618.jpg

O Concello de Negreira vén de poñer a disposición de toda a veciñanza, a través da web municipal, os planos de tódolos núcleos habitados das dezaoito parroquias do noso concello, coa correspondente sinalización das franxas de seguridade e as distancias para a limpeza de biomasa.

 

Os planos de cada núcleo pódense descargar directamente da web municipal, se ben, o Concello tamén facilitará a cada parroquia os planos para que poidan ser consultados nos locais sociais.

 

O 28 de decembro de 2017, a Xunta de Galicia aprobou as modificacións na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia. Uns cambios que afectan, entre outros, ás franxas secundarias; é dicir, á xestión da biomasa vexetal ao redor de núcleos habitados ou vivendas illadas.

 

O principal cambio é o que afecta ao solo urbán, e ao de núcleo rural e urbanizable. Amplíase de 30 a 50 metros a distancia que ten que estar rozada e onde non pode haber especies pirófitas, como piñeiros, eucaliptos ou acacias.

 

Ademais, nos 50 metros de franxa establecidos, as copas das árbores deberán distar como mínimo 10 metros das edificacións e nunca se poderán proxectar sobre os tellados das vivendas.

 

Máis información

casaconcello250618.jpg

O Concello de Negreira súmase aos actos da semana do orgullo 2018 coa colocación de sendas bandeiras arcoíris, que ondean na Casa do Concello e maila Casa da Cultura, así como cun acto este xoves 28 de xuño, no Día Internacional do Orguio LGTBIQ.

 

Esta actividade consiste nunha mostra de graffiti e muralismo, a cargo de Asten, artista da asociación Vella Escola, especializada en arte urbán. Este acto terá lugar este xoves 28 ao mediodía no Parque do Coto, polo que convídase á veciñanza a achegarse e desfrutar en directo da realización desta obra mural, cuxo traballo comeza o martes 26.

 

Dito graffiti xira entorno á temática do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ, incluíndo referencias á igualdade.

casacultura250618.jpg

corteauga.jpg

Infórmase que debido aos traballos de limpeza anual do depósito municipal de augas da Chanceira, o martes día 3 de xullo, procederase ó corte do fornezo de auga da traída municipal, dende as 15:00 ata as 20:00 horas, e que afectará aos seguintes núcleos:

 

- Zas

- Gonte

-Gándara

- Maio Pequeno

-Escola Unitaria de Río Seco

 

A rede considerase en presión a tódolos efectos xa que estes traballos poderían levar menos tempo do previsto. O servizo municipal de augas pide disculpas polas molestias que se poidan ocasionar, e para calquera dubidan convidan a chamar ós teléfonos 981 88 15 69 e 626 98 69 41.

compartimos_logo.png

A Deputación da Coruña convida a asistir ao foro de diagnose do proxecto ¨Compartimos Plan¨, na comarca da Barcala, este mércores día 4 de xullo, ás nove da mañá, no Telecentro da Casa da Cultura.

 

Este proxecto ten como finalidade realizar un estudo de diagnose das políticas de igualdade entre mulleres e homes, e de prevención da violencia de xénero na provincia. É un plan de acción dirixido a establecer liñas estratéxicas de actuación a nivel provincial.

 

No afán de que ¨Compartimos Plan¨ sexa un proxecto dinámico, participativo e colaborativo, está orientado á participación do tecido asociativo, centros educativos, centros de saúde, ou corpos de seguridade.

 

É importante que todas as persoas que asistan a este foro confirmen a súa asistencia a través da web: compartimosplan.com

adosportada3.jpg

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), informa do desprazamento á vila de Negreira das súas unidades móbiles, o mércores 4 e xoves 5 de xullo, de 15:30 a 21:00 horas, estacionando diante do Centro de Saúde, na rúa de Castelao.

 

ADOS lembra que hai moitas persoas nos hospitais galegos que precisan recibir unha transfusión dun compoñente do sangue, porque hai que operalas, transplantarlles un órgano, padecen cancro, tiveron un accidente de tráfico, unha hemorraxia.....

 

Cada día precísasen 500 doazóns de sangue en Galicia de tódolos grupos sanguíneos. Comparte saúde e doa sangue.

queimas020718.jpg

A campaña de alto risco de incendios forestais en Galicia comezou este domingo 1 de xullo, e por primeira vez estenderase ata o 31 de outubro. Isto conleva a suspensión sistemática dos permisos de queimas agrícolas e forestais no monte, se ben é certo que esta prohibición poderíase levantar no mes de outubro se as condicións meteorolóxicas o permitisen.

 

A decisión de estender a tempada de alto risco decidiuse despois de que nos últimos anos as condicións meteorolóxicas en outono fosen favorables para a propagación de lumes. Lembramos que o operativo está xa dispoñible e a pleno rendemento, incrementando tamén a prestación do servizo dos fixos-descontinuos da Xunta e as brigadas de Seaga e Tragsa, que pasarán de 3 a 4 meses ata o 31 de outubro.

 

A Consellería do Medio Rural pide o máximo compromiso contra os incendios forestais na loita contra a actividade delituosa incendiaria, denunciando estas accións cando teña coñecemento delas, e lembra que está a disposición da cidadanía o teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar un incendio forestal.

 

Asemesmo, inciden en que as persoas que se acheguen ao monte nestas datas extremen as precaucións e eviten calquera práctica que implique risco de lume.

proc_sancristovo020718.jpg

Conta atrás para a celebración dos festexos de verán na vila de Negreira. Do xoves 5 ó domingo 8 de xullo, cuxo programa desgranamos para estes catro días de festa na capital do Val de Barcala:

 

Xoves 5

Comezo das festas ás 23:00 horas na praza do Concello, coa verbena a cargo da orquestra Olympus de Negreira e mailo grupo América de Vigo.

 

Venres 6

Festivo local en Negreira. Ás 10:00 horas pasarrúas coa agrupación musical Tíralle do aire.

Ás 13:00 horas - Concerto da Banda Ateneo de Negreira, na rúa do Carme.

Ás 20:00 horas - Pasarrúas con Tíralle do aire.

Ás 23:00 horas - Sesión de noite coas orquestras Kubo e Finisterre, na praza do Concello.

 

Sábado 7

Ás 12:00 horas - Misa na honra a San Cristovo, na capela do Cotón. Ao rematar, comezará á procesión motorizada pola Abeanca, A Chancela, avenida de Santiago, As Brañas, avenida de Barcala, rúa da Cachurra e Carreira de San Mauro. Posteriormente, xantar campestre no Refuxio de Covas.

Sesión vermú co grupo de gaiteiros Fumes de cal, de Cee.

Ás 17:00 horas - Torneo de Chave, na praza das Brañas.

Ás 20:00 horas - Pasarrúas amenizado pola charanga Os Celtas.

Ás 23:00 horas - Verbena coa orquestra Santiago e Johnny Maquinaria, na praza do Concello.

 

Domingo 8

A partir das 10:00 horas comeza a XIV Feira Cabalar, na chaira a carón do instituto Xulián Magariños. Haberá ruta cabalar, concursos de salto, xincana e pulpeira.

E como tódolos anos, na parte final da rúa de Castelao estarán instaladas as atraccións de festa como a pista de coches eléctricos, o saltamontes, o dragón, camas elásticas, o gusano, tirachinas, unha pista de coches eléctricos infantil, quads, o carrusel, ou inchables.

diververan020718.jpg

Xa están en marcha os obradoiros de xogos e manualidades Diververán 2018 promovidos polo Concello de Negreira durante os meses de xullo e agosto, en horario de mañá, nas instalacións do Centro Sociocultural.

 

Medio cento de rapaces/as principiaban hoxe a andaina do Diververán, de 10:30 a 12:00 horas, para os máis pequenos, e de 12 a 13:30 horas, os nados de 2009 a 2012.

 

Igualmente, hoxe tiña lugar a presentación dos cursos de natación na piscina municipal do parque do Coto, tamén nos meses de xullo e agosto.

 

E no colexio do Coto, comezaba o campamento urbán Respira. Trátase dunha actividade de conciliación da vida laboral e familiar, que oferta o Centro de Información ás Mulleres (C.I.M.), de 8:45 a 14:45 horas, dende o 2 de xullo ao 31 de agosto. Neste mes de xullo conta cun total de trinta participantes.