Os candidatos/as a alumnado traballador do Obradoiro de Emprego Xallas-Barcala-Dubra IV, deberán presentarse o mércores día 10 de outubro, ás 09:00 horas, no Pavillón Municipal de Pedrá Mámoa (Negreira), para a realización dun exame escrito.

 

Todos os candidatos/as deberán presentar a documentación que se lle require na carta de citación. Igualmente, procederase á exclusión do proceso de selección nos seguintes casos:

 

- Non presentación á realización do cuestionario escrito.

- Estar a participar noutra política activa de emprego.

 

Asemesmo, veñen de publicarse as actas coa listaxe de persoas excluídas por estar participando niutra política activa de emprego, ou ben, por ter participado noutro proxecto formativo de similares características (obradoiro de emprego, escola-obradoiro).

 

andaina011018.jpg

O sábado 29 de setembro celebrouse a undécima edición da Andaina Popular ¨Negreira no Camiño de Fisterra¨, coa participación de 150 persoas, a través de 25 quilómetros pola Ruta dos Tres Pazos, e unha última parte pola ruta xacobea ata Zas e regreso ao punto de partida no Campo da Feira.

 

O trofeo ao participante de maior idade foi para Manuel Cid Maneiro (1940), de Negreira; o da camiñante máis nova foi para Laura Vieites Ferreiro (2002), de Negreira, e o da familia con máis participantes recaeu na familia González García, de Sanxenxo (Pontevedra).

 

Sorteo de agasallos

 

Celebrado este luns 1 de outubro, en directo en Radio Negreira, este foi o resultado final:

 

1) Forro polar Gar Sport: José Manuel Grela Pose

2) Camiseta técnica Gar Sport: Juan Carballo Cobas

3) Camiseta técnica Gar Sport: Laudelina Blanco Blanco

4) Vale de 20 € Breogán Deportes: Manuel Cid Maneiro

5) Forro polar Gar Sport: José Raña Beiras

6) Vale de 20 € Breogán Deportes: Francisco Villadonga Ouro

7) Mochila: Isabel Iglesias del Río

vespa.jpg

Vai selo sábado 13 de outubro, durante todo día, cando amantes das míticas motos vespa e lambretta, cítense en Negreira para participar neste encontro que organizan un grupo de veciños coa colaboración do Concello de Negreira...

 

O programa de actividades comezará coa recepción aos participantes, a partir das 10.30 horas na Carreira de San Mauro, e coa exposición de motos ata as doce do mediodía en que partirán para realizar un roteiro en moto pola parte alta do concello, visitando lugares como o parque eólico do Corzán ou a zona de Campolongo.

 

 

A seguinte parada será para o xantar de irmandade de tódolos participantes ás dúas da tarde, no restaurante O Rueiro, en Vilaserío, na parroquia de Bugallido, onde haberá un sorteo de agasallos xentileza de Motos Antelo, de Negreira.

 

A partir das 16.00 horas comezará o segundo roteiro da xornada que levará aos participantes neste encontro por paraxes naturais como as de Pontemaceira e maila parroquia de Portor, para regresar á vila de Negreira cunha parada no Campo da Feira. Alí, a partir das 19.30 horas celebrarse un concerto a cargo do grupo Sexy Soviets, quenes interpretarán clásicos e himnos musicais dos setenta, oitenta e noventa.

 

O colofón a esta intensa xornada chegará pola noite, a partir das 22.30 horas no Bar O Cotón, cun sesión musical a cargo de Dj Edu Lambretta, e Dj Hugo Xixón.

 

A inscrición ten un prezo de 20 euros e pódese realizar ata o día 9 de outubro. 

Máis info en Negreira Scooter Run.

 

Entrevista a Carlos Fernádez (membro da organización).

 

sven.jpg

Entre os máis de 6.000 peregrinos/as que no que levamos de ano pasaron pola Caseta de Información que o Concello de Negreira ten aberta ata o 15 de outubro na avenida de Santiago, este primeiro domingo do mes de outubro, tívemola agradable visita deste mozo chamado Sven, de Leipzig (Alemaña), quen aparte de solicitar información do Camiño de Fisterra-Muxía, achegouse a saudar a Cristina Ameijeiras, a persoa que a atende.

 

Sven comezou a sua pereginaxe en Leipzig, e non é a primeira vez que visita Galicia, nin tampouco Negreira, xa que Sven estivo varios anos vivindo na cidade de A Coruña e ten amizades en Cee. Por iso, tivo a ben facelo Camiño de Fisterra.

carreiraultimasemana.jpg

O vindeiro luns 15 de outubro remata o primeiro prazo reducido a 6€ para formalizar a inscrición na XXXIX Carreira Popular de Negreira ¨A Clásica¨, do domingo 11 de novembro sobre un circuíto de 5 quilómetros ao que os corredores/as darán dúas voltas no caso da proba raiña de 10.000 metros, e unha soa volta na proba de 5.000 metros.

 

A partir do día 16 e ata o 31 de outubro o prezo é de 7€. Do 1 ó 7 de novembro o prezo de inscrición é de 10€.

 

Lembramos que os participantes poden facer efectiva a inscrición nunha soa carreira (5.000 ou 10.000 metros). Todos os participantes na «Clásica» recibirán unha bolsa do corredor composta por: bolsa de polyester; camiseta técnica; pastel; batido e bebida isotónica.

Incríbete xa en: http://emesports.es/eve…/xxxix-carreira-popular-de-negreira/

vespa_aprazado.jpg

O Scooter Run Negreira e mailo Concello decidiron aprazar ata novo aviso, o primeiro Encontro de vespas e lambrettas previsto para este sábado 13 de outubro, debido á previsión de mal tempo para devandita xornada do sábado na comarca de Barcala.

 

Segundo a organización, a idea é programar unha nova data para celebrar esta concentración de amantes das motos antigas e dos modelos citados para máis adiante, manténdose o programa de actos deseñado para a ocasión que inclúe sendos roteiros en moto polo noso concello, un xantar de irmandade, así como un concerto dun grupo musical e unha festa final nun establecemento da hostalaría de Negreira.

diputacion_coruna.jpg

A mellora de servizos básicos é o principal destino dos fondos que recibirá o Concello de Negreira con cargo ao Plan Único (POS+2018).

 

Dende a súa creación no ano 2017, o Plan Único permite aos concellos unha flexibilidade total á hora de investir os fondos que lles asigna a Deputación da Coruña. «En lugar de propoñer unhas axudas específicas, a Deputación permite aos concellos escoller as súas prioridades», segundo explica o seu presidente, Valentín González Formoso, quen sinalou que a institución provincial «xoga un papel fundamental para axudar aos concellos a ofrecer máis e mellores servizos públicos fundamentais, financiando obras que moitas veces os municipios rurais non poderían acometer por si mesmos».

 

Neste sentido, o Plan Único permite paliar a carencia de axudas específicas para servizos que os concellos están obrigados a subministrar, coma as redes de sumidoiros ou o acceso aos núcleos de poboación, permitíndolles aos municipios destinar os fondos que estimen necesarios a estas actuacións.

 

O Concello de Negreira investirá 317.944,04 euros en dous proxectos:

 

1) Asfaltado e formigonado de pistas en San Vicente e outros.

2) Construcción dunha senda peonil entre A Barquiña e A Chancela.

cocheprotecivil.jpg

A Deputación da Coruña destina este ano un total de 7.797,73 € a apoiar á agrupación de Protección Civil de Negreira, dentro das axudas publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia para un total de dezaito agrupacións de Protección Civil, quenes reciben o apoio da Deputación para dotarse de novos equipamentos, entre aqueles concellos de menos de 20.000 habitantes.

 

En total, a Deputación da Coruña inviste 110.486 euros en dúas liñas de axudas co obxectivo de “fomentar a importante labor diaria e o gran servizo público que prestan, especialmente no ámbito rural os voluntarios destes servizos”, segundo destacou hoxe o seu presidente, Valentín González Formoso.

 

O BOP publica hoxe a concesión dunha destas liñas de subvencións, dotada con 81.447,03 euros e que está destinada a financiar investimentos que se realicen durante o ano 2018.

 

Trece agrupacións de Protección Civil recibirán entre 4.000 e 12.000 euros para a adquisición de equipamentos, equipos e ferramentas necesarias para os rescates e intervencións, elementos de transporte, materiais de comunicacións ou equipamento informático e aplicacións móbiles.

Establécese un prazo de reclamacións sobre as puntuacións provisionais sobre a selección do persoal para o Obradoiro de Emprego Xallas-Barcala-Dubra IV, de tres días hábiles, a contar desde o luns 15 de outubro, que poderán presentarse no rexistro xeral dos concellos de Negreira, A Baña, Santa Comba e Val do Dubra, así como na Oficina de Emprego de Cee, ou por calquera das formas establecidas na Lei 39/2015 do 1 de outubro de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas (B.O.E. 02/10/2015). Neste último, débese enviar copia da reclamación e resgardo da súa presentación no mesmo día ó número de fax: 981 885328 do Concello de Negreira, xa que sen a concurrencia de ámbos requisitos non será admitida a reclamación.

 

lusos151018.jpg

Un grupo duns sesenta camiñantes de Guimarães (Portugal), fixeron parada este domingo na Caseta de Información ó Peregrino para selar as súas credenciais. Tratouse dunha expedición que está a cubrir o Camiño de Fisterra por etapas,  e nesta primeira xornada cubriron os 21 quilómetros da etapa entre a Praza do Obradoiro e a vila de Negreira.

 

En Negreira, agardábaos un autobús para levalos de volta cara Guimarães. Nun mes agardan voltar ao Val de Barcala para facer a seguinte etapa que lle levará a cubrir o traxecto entre a vila e Olveiroa, xa no municipio de Dumbría.

 

Este grupo de Portugal foron dos últimos peregrinos en achegarse á Caseta de Información, que hoxe 15 de outubro, pecha as súas portas na presente tempada alta de camiñantes, despois da apertura da atención ao público a comezos do mes de maio, batendo os seus mellores rexistros.