Fase Final Comarcal de fútbol sala 2017.jpg

O Pavillón Municipal de Pedra Mámoa acolleu a Fase Final Comarcal da Liga Escola Barcala-Xallas-Muros, de onde sairon os tres equipos que participarán na Fase Final Intercomarcal do programa Xogade, a celebrarse no 29 de abril, e con Negreira de novo como sé, nos pavillóns de Pedra Mámoa e o de San Vicente, no veciño Concello da Baña.

 

En categoría Alevín, o equipo do Negreira B resultou campión ao vencer na final 7-2 ao conxunto de Brión B, logo de superar en semifinais 1-3 ó Negreira A. Os de Brión pasaron á final tras impoñerse na tanda de penaltis ao Santa Comba tralo 3-3.

 Alevíns.jpg

                               

En categoría Infantil, a vitoria na final correspondeu ao equipo de Brión 6-3 sobre o Mazaricos.

                        

 Infantil Brión.jpg

 

Na categoría Benxamín, resultou vencedor o equipo da Escola Deportiva Os Miúdos, de Muros, logo gañar na final por un axustado 4-3 a Brión, quenes en semifinais deron a sorpresa ao derrotar nos penaltis ó equipo de Negreira tralo empate a dous goles no marcador. Na outra semifinal, venceu Os Miúdos 7-1 a Mazaricos.

 

                           Os Miúdos.jpg

 

En canto á categoría Prebenxamín, categoría que non participa na Fase Final Intercomarcal, non chegou a xogarse pola incomparecencia do equipo do Concello de Santa Comba que debía disputar a final da tarde ante o equipo de Negreira. Finalmente, xogou un amigable entre os dous equipos da Escola Deportiva co resultado final de 4-1 para o Negreira A.

 

                                 Prebenxamín.jpg

 

Entrega de premios

 

Ao remate da xornada que contou cun gran ambiente nas bancadas de Pedra Mámoa, entregáronse os trofeos por parte do alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño; o concelleiro de Deportes e Xuventude, José Daniel Casal Leis; a concelleira de Educación e Servizos Sociais, María Jesús Veiga Hortas, e maila concelleira de Emprego, Muller, Agricultura e Medio Ambiente, María del Mar García Vidal. 

mamatrabajo4.jpg

A Xunta abre o prazo de solicitude da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de 3 anos. A orde do 24 de marzo de 2017 pola que se establecen e regulan as bases ten por obxecto establecer as bases e convocatoria para a concesión da prestación familiar.

 

Devandita convocatoria ten aberto o prazo de solicitude dende hoxe día 4 de abril até o 29 de maio, ambos os dous incluídos, nos Servizos Sociais Comunitarios, na Casa do Concello.

 

Contía da axuda

 

A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria.

 

A contía será a seguinte:

•       Cando sexa a primeira filla ou fillo: 360 euros.

•       Cando sexa a segunda filla ou fillo: 1.200 euros.

•       Cando sexa a terceira ou terceiro e sucesivos: 2.400 euros.

 

Máis información .

guarderia3.jpg

O Concello de Negreira ten aberto o prazo para a renovación de matrícula e de solicitude de novo ingreso, de nenos e nenas de 0 a 3 anos, na Escola Infantil Municipal para o curso 2017-2018.

 

O prazo de renovación e solicitudes de novo ingreso vai dende o día 1 ó 30 de abril, debéndose presentar as solicitudes no Rexistro Xeral, na Casa do Concello, en horario de 9 a 14 horas.

 

A documentación necesaria pódese consultar no seguinte Bando da Alcaldía.

 

inform_clausura1.jpg

O Servizo de Voluntariado Social do Concello de Negreira vén de clausurar o seu Obradoiro anual de informática para adultos que foi impartido ao longo dos últimos meses nas dependencias da Casa da Cultura, a cargo dos voluntarios, José Ángel Nouche e Alicia Varela, ésta última, alumna do Ciclo Superior de Sistemas Informáticos en Rede, do IES Xulián Magariños.

 

O alcalde, Jorge Tuñas Caamaño, xunto co director do instituto, Adelino Pose Reino, e maila técnica do Voluntariado Social, Laura Plata, encargáronse da entrega de diplomas a tódolos asistentes a este periodo de formación que se prolongou dende o pasado mes de setembro.

 

inform_clausura2.jpg

doa0504172.jpg

Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), fai un chamamento especial para doar sangue do grupo sanguíneo A negativo (A-), xa que as reservas están baixas, en vésperas das vacacións de Semana Santa. As reservas de Cero positivo (0+), Cero negativo (0-), e A positivo (A+), están en niveis normais, segundo informa ADOS.

 

Co fin de facilitar as doazóns de sangue, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue despraza este xoves 6 de abril a Negreira, unha unidade móvil que permanecerá nas inmediacións do Centro de Saúde, en horario de 10 a 14, e de 16 a 21 horas.

 

Lembramos que para doar sangue é necesario almorzar, e despois de xantar agardar 2 horas. En Galicia precisamos 500 doazóns cada día.

 

#Súmatedoasangue

Frankenstein_04155.jpg

A tarde do 24 de xullo de 2013, en vésperas do día grande de Galicia, o tren Alvia 04155 descarrilaba á entrada de Santiago de Compostela cun saldo de 81 falecidos e máis de 140 feridos. A verdade oficial sinala como único responsable ao maquinista. Pero unha traxedia nunca ten unha única causa... Qué hai detrás do accidente ferroviario máis grave da democracia española?

 

Frankenstein-04155 é unha longametraxe-documental,  impulsado pola Plataforma de Vítimas do tren Alvia 04155, coa producción de Boneca Lareta, e que tivo a súa estrea ao grande, como merece, nun dos festivais de cine máis prestixiosos e lonxevos de Europa, a Semana Internacional de Cine de Valladolid SEMINCI 2015 onde obtivo unha mención especial do xurado. Logo, tamén obtería o premio especial do público en CINEUROPA.

 

Trátase do penúltimo documental dentro do I Ciclo de Documentais Val de Barcala, organizado pola Asociación Cultural Afonso Eanes, e que poderemos ver este venres no Auditorio de Negreira. Tamén haberá, un coloquio posterior co seu realizador, Aitor Rei.

 

Aínda sendo unha actividade de balde, existe a opción da entrada solidaria: recolleranse alimentos non perecedoiros que logo serán doados ós Servizos Sociais Comunitarios de Negreira.

 

Data: Venres 7 de abril

Hora: 21:00

Lugar: Auditorio do Centro Sociocultural

Tráiler: https://www.youtube.com/watch?v=XtTVF0T8ErU

vestiarios 2.jpg

O Concello de Negreira fixo hoxe entrega da execución das obras para dotar ao pavillón do CEIP O Coto duns vestiarios e aseos, grazas a unha achega económica da Consellería de Política Social por un importe de 45.284 euros, aínda que o investimento total na actuación ascende a 60.379 euros, xa que a diferenza entre as dúas cantidades (15.000 euros) correspóndese coa parte que sufragou o Concello.

 

Con esta actuación, cóbrese unha demanda da comunidade educativa que estaba enriba da mesa do goberno municipal. Foi o alcalde, Jorge Tuñas Caamaño, e mailo concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Ángel Leis Míguez, quenes fixeron entrega das chaves á directora do colexio, Amparo Mera.

 

vestiarios 1.jpg

 

O Concello fará uso das instalacións para o desenvolvemento de actividades das súas Escolas Deportivas Municipais e outros eventos. 

padel 1.jpg

O Concello de Negreira vén de rematar os dous proxectos para compretar as instalacións do Comprexo Deportivo Municipal de Pedra Mámoa. Trala posta en funcionamento da segunda pista de pádel, vén de estrearse a cuberta da primeira cancha.

 

padel 2.jpg
 

 Cun orzamento de 56.265 euros incluídos no Plan de Acción Social (PAS 2015), financiado pola Deputación da Coruña, instalouse a cuberta na primeira das dúas canchas habilitadas para a práctica de pádel, o que lle confire un maior uso a esta instalación coa que se compretan as melloras efectuadas no último ano no devandito comprexo de carácter municipal. 

gim 1.jpg

O Pavillón de Pedra Mámoa acolleu o pasado sábado a gran festa anual da ximnasia rítmica na capital do Val de Barcala, cunha participación histórica de 200 nenas pola mañá na IV Gala, e de preto de 400 ximnastas na competición de tarde, no II Torneo Vila de Negreira.

 

Na mañá levouse a cabo a exhibición das ximnastas máis novas, entre elas, unha ampla representación da Escola Municipal de Negreira, acompañadas polos clubs de Oroso, Compostela, Squash e mailo colexio Os Tilos, de Teo, cun pavillón ateigado de público.

 

Á tarde, foi a quenda para a competición. Preto dunha trintena de clubs de toda Galicia déronse cita en Negreira. E pese ao gran nivel, a Escola Municipal tivo un papel destacadoacadando o terceiro posto en categoría Infantil/Cadete Escolar por conxuntos, e tamén un primeiro e terceiro posto, respeitivamente, en categoría Alevín individual, a cargo de Xiana García e de Lidia García.

 

gim 2.jpg

 

O torneo que rematou ben entrada a noite do sábado, contou coa presenza do alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño, acompañado polo deputado responsábel de Economía e Facenda na Deputación da Coruña, Antonio Leira, e mailo concelleiro de Obras e Servizos do goberno local, Manuel Ángel Leis Míguez, quenes foron os encargados de entregalas medaias e agasallos.

maiores110417.jpg

O Concello de Negreira abre o prazo para a retirar os convites de cara a asistir, á vixésima segunda edición do Encontro dos maiores, a celebrarse o sábado día 6 de maio, baixo unha gran carpa no Campo da Feira, e que inclúe unha misa na Capela do Cotón, seguida dun concerto e, do xantar popular de tódolos participantes, así como da animación musical ao longo da tarde.

 

Para asistir hai de prazo até o día 28 de abril para retirálos convites nas dependencias de Servizos Sociais, na pranta baixa da Casa do Concello (rúa do Carme, 3), en horario de mañá. É requisito imprescindible ter cumpridos os 60 anos de idade e estar empadroados/as no Concello de Negreira, así como ir acompañados do seu DNI para a retirada dos mesmos.

 

Como tódolos anos, haberá un servizo de autobuses que pasarán por tódalas parroquias do concello para trasladar aos participantes ata a festa, así como de regreso unha vez remate a xornada.