Prebenxamin.jpg

O Concello de Negreira estará representado por 5 equipos na fase final comarcal da Liga de Fútbol Sala Escolar Barcala-Xallas-Muros, do programa Xogade, da Xunta, a celebrarse este domingo no pavillón municipal de Miraflores, na localidade de Muros, e que organiza a Escola Deportiva Os Miúdos.

 

A Escola de Futsal do Concello de Negreira preséntase en Muros con dous equipos (benxamín e alevín), campións da liga regular, pois gañaron os seis partidos, xunto con outros dous nestas dúas categorías, quenes lograron a terceira praza. Nesta edición, tamén se vai xogar a fase final na categoría pre-benxamín, onde o Negreira A clasificouse como cuarto.

 

PREBENXAMÍN

09:50 | Os Miúdos - Brión

10:40 | Amarelle A - NEGREIRA A

BENXAMÍN

11:30 | Os Miúdos A - NEGREIRA B

12:20 | NEGREIRA A - Brión

 

ALEVÍN

13:10 | Os Miúdos A - NEGREIRA B

14:00 | NEGREIRA A - Brión

Alevin_A.jpg

 

Alevin_B.jpg

 

 

FINAIS

16:00 | Prebenxamíns

16:50 | Benxamíns          

17:45 | Alevíns

O departamento municipal de Servizos Sociais informa sobre as Axudas urxentes de tipo social (Auxs) para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión.

Os requisitos que deben cumprir os beneficiarios da axuda son:

a.      Ser residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

b.      Ser o titular do contrato de subministración eléctrica. (Ás persoas en aluguer asístelles o dereito a solicitaren ser titulares das submnistracións da vivenda alugada)

c.       Ter contratada a tarifa de último recurso (TUR) con aplicación do bono social de consumidor vulnerable severo (desconto do 40 %), para o que deberán cumprir os límites de renda establecidos.

d.      Estar en risco de exclusión social, o que será acreditado mediante certificado ou informe social expedido polos servizos sociais.

e.      Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións.

Máis información no departamento de Servizos Sociais do Concello de Negreira.

pres_entroido_19.jpg

O flamante gañador do Goya ao mellor actor de reparto 2019 polo seu papel na película ´El Reino´, será o pregoeiro das soadas festas do Entroido de Negreira, previo ao concurso de carrozas e comparsas, a tarde do sábado 2 de marzo, cando se repartirán 5.000 euros en premios. O cartaz, por segundo ano, leva a sinatura do recoñecido humorista gráfico Luis Davila.

 

Luís Zahera era dun dos rostros do audiovisual galaico que non pregoara o entroido barcalés polo que pasaron actores como Carlos Blanco, Xosé Antonio Touriñán, Marcos Pereiro, Federico Pérez, Ernesto Chao, Pepo Suevos, ou Víctor Fábregas, entre outros. O pregón chegará a partir das seis da tarde, o sábado.

 

A programación foi presentada hoxe polo alcalde, Jorge Tuñas Caamaño, o técnico de Cultura, Marcos Pérez e Mónica Rodríguez, alumna do Obradoiro de Turismo. O mandatario municipal subraiu o «importante» esforzo de investimento que fai o Concello «para que o Entroido de Negreira continúe co nivel que ten, sendo un dos mellores que hai na zona de Santiago e na provincia, tanto en participación como en premios, e mesmo no pregoeiro que temos este ano, que case é o máximo que se podía ter, nun esforzo que busca a participación da xente e o disfrute», sinalou Jorge Tuñas Caamaño.

 

Programación

As actividades arrincan o venres día 1 de marzo ao mediodía co desfile dos nenos e nenas da Escola Infantil. Pola noite, a partir das nove, teremos a primeira concentración de charangas coa participación de: Tíralle do aire; Os Jaitas Blues e Os Celtas «que van facer pasacalles e finalmente xuntaranse na praza do Concello, sobre as once da noite as tres xuntas», sendo unha das novidades, tal e como destacou Marcos Pérez.

 

O gran desfile de comparsas é o prato forte, na tarde do sábado. Comezará ás cinco da tarde no campo dá feira e dará un colorido especial ás rúas da vila ata concluír na Casa do Concello. Haberá premios de 1.000, 600, 300 e 150 euros, para os catro primeiros en comparsas e carrozas, respeitivamente, así como dous áccesits de cen euros. Os grupos: 250; 150 e 100, e os individuais: 150; 100 e 50 euros. O grupo Ciclón amenizará a verbena na praza do Concello.

 

Bailes de adultos e infantil

O domingo a partir das sete haberá baile de disfraces para os maiores no Centro Sociocultural, con música en directo e premios ás mellores caracterizaciones. E o luns, é a quenda para os máis pequenos no concurso de disfraces desde as cinco no Centro Sociocultural.

 

Concurso de receitas

E en colaboración co Obradoiro de Turismo e Radio Negreira, convócase un concurso de receitas, cuxo fallo coñecerase o venres día 15 de marzo, nun acto a celebrarse no Centro Sociocultural, a partir das 12 da mañá. «As receitas terán que ser típicas do Entroido, e deberán presentarse escritas en lingua galega e deberase presentar o prato elaborado» sinalou Mónica Rodríguez, alumna do Obradoiro de Turismo. A data límite para presentar as receitas na Casa da Cultura, será o martes 12 de marzo.

 

Os premios para os gañadores serán: Unha cesta de produtos típicos e cea para dúas persoas, para o gañador/a, e un libro de cociña, para o finalista.

igualdade.jpg

O Concello de Negreira é precursor, entre os municipios das súas características, en poñer en marcha unha iniciativa como son unhas xornadas formativas en materia de igualdade dirixidas a todo o seu persoal. Os obradoiros celebraranse os días 21, 22 e 28 de febreiro, e con eles, o goberno municipal pretende dotar aos seus empregados e empregadas, de coñecementos básicos sobre xénero e igualdade nunha acción que se integra no proceso de avaliación do III Plan de Igualdade de Oportunidades e a elaboración do IV Plan do municipio.

 

Conseguir a igualdade real e efectiva na sociedade actual require non só do compromiso dos poderes públicos, senón tamén das persoas, da cidadanía; neste caso concreto, da implicación e compromiso de traballadores e traballadoras do Concello, porque coa igualdade gañan todas as mulleres e homes de Negreira.

 

 

Dirixida ao persoal técnico e político

Un total de 125 persoas asisten a estas sesións formativas que teñen lugar os días 21, 22 (ás 8:30 horas) e 28 de febreiro (ás 16:00h), na Casa da Cultura. Asistirán aos talleres o persoal técnico, de administración, obras, limpeza, axuda a domicilio, escola infantil, escola de música, policía local, radio, e alumnado e profesorado do Obradoiro de emprego, así como as persoasque forman parte do equipo de goberno.

 

Configuraranse ata seis grupos diferentes para asistir ao que será unha primeira aproximación ao significado do principio da igualdade entre mulleres e homes e á toma de conciencia da existencia de desigualdade e discriminación.

 

Esta formación constitúe o inicio dun camiño cara a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes do concello de Negreira, a través dun proceso formativo que pretende cambiar prácticas profesionais a partir da toma de conciencia dos estereotipos e condicionantes de xénero que imperan na sociedade e na práctica profesional diaria.

 

En relación con isto cómpre destacar a próxima elaboración do IV plan de igualdade entre mulleres e homes do Concello de Negreira, unha vez finalice o actual proceso de avaliación do anterior plan.

Alevin_A_Neg.jpg

Os equipos Benxamín A e Alevín A da Escola Municipal de Fútbol Sala do Concello de Negreira, proclamáronse campións da Fase Final Comarcal, da Liga de Fútbol Sala Escolar Barcala-Xallas-Muros, celebrada onte no pavillón muradán de Miraflores, e polo tanto, se clasifican para a Fase Final Intercomarcal.

 

Os dous equipos xa demostraran ser os máis fortes da fase regular con seis vitorias noutros tantos partidos. O Benxamín A venceu 9-0 na semifinal ao Brión; e 1-7 aos Miúdos A de Muros, na final. O Benxamín B perdeu na semifinal (8-6), cos Miúdos A, e acabou sendo terceiro.

 

Benxamin_A_Neg.jpg

En canto ao Alevín A comezou vencendo 6-1 ao Brión na súa semifinal, e na gran final fixo o propio cos anfitrións dos Miúdos A por un contundente 5-10 no marcador. O Alevín B foi terceiro, tras caer en semifinais (7-4) ante Os Miúdos A.

 

Por último, o equipo Prebenxamín A quedou no cuarto posto, tras perder (7-3) en semifinais co campión Viaxes Amarelle de Santa Comba, quen venceu pola mínima (3-4), aos Miúdos A.

 

Parabéns aos nosos equipos e adestradores, así como ás familias que acompañáronos nunha xornada de bo tempo en Muros.

 

Feminicidio.jpg

O Centro de Información ás Mulleres (C.I.M.), do Concello de Negreira, promove este mércores 27 de febreiro, un obradoiro sobre o Feminicidio, impartido por Carme Adán, autora do libro: Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión.

 

Este obradoiro desenvolverase na Casa da Cultura, a partir das 10:00 horas, e o obxetivo é definir e debater sobre a violencia de xénero e diferenciala da violencia doméstica ou intrafamiliar, a través da lectura do libro, do cal entregarase un exemplar ás persoas asistentes.

pago_depositos.jpg

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio de pago de depósitos previos das expropiacións necesarias para a construción de 5 quilómetros de sendas peonís peonís na estrada DP5603, de Negreira a Marco do Condado, pola que discorre o Camiño de Fisterra-Muxía.

 

A Deputación destina 1.012.495 euros a este proxecto, dos cales 893.378 corresponden ao orzamento das obras e outros 119.116 euros á expropiación dos 89 predios necesarios para executar os traballos, que hoxe se detallan no BOP:

 

A Deputación cita aos propietarios dos terreos afectados o vindeiro 2 de abril, de 16.30 a 19.00 horas, no Centro Sociocultural de Negreira, para compretar o trámite de expropiacións co pago dos depósitos previos.

 

Este investimento realízase dentro do Plan de Sendas Peonís, que pretende mellorar a seguridade viaria dos peóns nas vías de titularidade provincial. Así mesmo, a Deputación realiza este tipo de actuacións especialmente naqueles tramos polos que discorren as sendas xacobeas, co obxectivo de mellorar as dotacións para os peregrinos e evitar que teñan que transitar pola calzada ou as beiravías, co consecuente perigo.

 

As obras na DP 5603 de Negreira a Marco do Cornado completará esta mellora da seguridade peonil nas estradas polas que discorre o Camiño e realizaranse en catro tramos situados entre os puntos quilométricos 1+430 e 2+170, 7+300 e 7+820, 8+750 e 10+770 e do 11+110 ao 12+900.

Rua_do_Carme.jpg

Por mor da celebración do desfile do sábado de Entroido, o Concello de Negreira lembra a prohibición de estacionar desde primeiras horas do sábado en toda a contorna da Praza do Concello, así como na totalidade das rúas de Castelao e o Carme, por onde accederán as carrozas, comparsas e grupos participantes no desfile na parte final do mesmo, ata chegar á Casa do Concello.


En previsión de informar á veciñanza e visitantes, o Concello xa instalou notas informativas nas tres zonas onde estará prohibido aparcar dende primeiras horas do sábado e ata que devanditas rúas queden definitivamente abertas á circulación, unha vez rematado o desfile.


Para velar polo bo desenvolvemento do desfile, está en marcha un dispositivo integrado pola Policía Local e os voluntarios de Protección Civil, quenes velarán pola seguridade dos participantes e mailo público asistente, polo que prégase sigan en todo momento as indicacións deste persoal.


É importante que non se estacione en cruces e zonas de xiro das carrozas e comparsas, de cara a facilitar as manobras das grandes estructuras durante o desfile.


Asemesmo, recoméndase non utilizar os seus vehículos polo centro de Negreira, na tarde do sábado día 2 de marzo, a partir das 17:00 horas en diante e ata que rematen os actos.

Rua_Nelson_Mandela.jpg

Infórmase de algúns cambios que afectan ás rúas Nelson Mandela e Tourío. O Concello, tras escoitar as demandas da veciñanza da zona, e tras consultar á Policia Local un informe sobre a viabilidade de ditos cambios e, tras recibir un informe que os aproba, decidiuse levar a cabo os cambios.

 

Así pois, a partir do venres 1 de marzo, a rúa Tourío pasa a ter sentido único de circulación dende a avenida Xulián Magariños e saída pola avenida de Barcala, quedando de dobre sentido a rúa de confluencia entre a rúa Tourío e a rúa Nelson Mandela.

 

Por outro lado, rematados os traballos de mellora e sinalización das marcas viarias da rúa Nelson Mandela, ésta pasa a ter sentido único en dirección desde a avenida de Barcala hacia a avenida Xulián Magariños.

Foto_portada.jpg

A comparsa Talismán fantasía circense, de Salceda de Caselas, foi a gran triunfadora do desfile-concurso de Entroido 2019 do Concello de Negreira, sendo un dos de maior participación de concursantes e público dos últimos anos, demostrando o gran tirón que segue tendo o desfile de Negreira, situándose entre os máis participativos de toda Galicia. O actor Luis Zahera, premio Goya ao mellor actor de reparto pola película El Reino, animou co seu pregón a vivila festa.

 

Luis_Zahera.jpg

Talismán fantasía circense fixo dobrete a xuízo do xurado, pois levouse o primeiro premio en comparsas e mailo primeiro en carrozas, dotado cada un con mil euros. As carolinas van de romería, dos Carnavaleiros de Liñaio, foron outros dos triunfadores co segundo premio en comparsas (600€), e o terceiro en carrozas (300€). Os Remolóns, de Vilagarcía de Arousa, leváronse o terceiro en comparsas e máis un accésit de cen euros en carrozas con A accidentada chegada a Oz. O premio Juan Varela Areoso á mellor copla recaeu en: Barcala en forma, dotado con cen euros, dos Carnavaleiros de Barcala.

 

Foto_resultados.jpg

En grupos o gañador foi Os paiasos manicómicos, de Ordes (250€), seguidos de Maricón o último (150€), e Alicia no país das maravillas (100€). Na modalidade de individuais e parellas: O primeiro premio foi: Raiña de corazóns e sombreireiro tolo, de Aguiño (150€); seguido de Parella de palacio, de Santiago (100€), e terceiro foi o disfraz: Pulpo á feira, de Negreira.

 

Resultado do concurso

Modalidade de comparsas:

1) Talismán fantasía circense (Salceda de Caselas)

2) As carolinas van de romaría (Negreira)

3) Os Remolóns (Vilagarcía)

4) Tesouros do mar (Noia)

Accésit 1 - Os amesais (Ames)

Accésit 2 - GA-LEGOS (Teo)

 

Modalidade de carrozas:

1) Talismán fantasía circense (Salceda de Caselas)

2) Amigos da troula (Portas)

3) Pazo do Cotón (Negreira)

4) Tesouros do mar (Noia)

Accésit 1 - A accidentada chegada a Oz (Vilagarcía)

Accésit 2 - Welcome to Chueca (Negreira)