recepcion11.jpg

Os membros do Club Atletismo Negreira e mailo maratoniano Jorge Crespo Arias, deportista cunha dilatada traxectoria no atletismo, foron agasallados cunha recepción oficial polos seus éxitos deportivos por parte do Concello de Negreira, este luns 21 de xaneiro, nun acto que contou coa presenza do alcalde, Jorge Tuñas Caamaño, mailo primeiro tenente de alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez; a concelleira de Educación, María Jesús Veiga Hortas, e maila concelleira, María del Mar García Vidal, responsable da área de Emprego e Muller.

 

recepcion22.jpg

 

Xunto co seu adestrador, José Manuel García Estévez, participaron na recepción, deportistas como Alba Cuns Iglesias, flamante campioa galega absoluta de triple salto de lonxitude en pista cuberta, ou Alba Pérez Nieto, medalla de bronce xuvenil no Campionato Galego de Marcha, esta pasada fin de semana, ademais dos irmáns Rubén e Carlos Martínez, Abelardo Soler, Roberto Tuñas, Samuel Lema, Paula Cantelar, Laura Barbosa, Corine Alsine, Inés Túñez ou Gonzalo Cuns, entre outros. A todos eles, fíxoselles entrega dunha prenda deportiva.

 

Jorge Tuñas Caamaño congratulouse dos continuos éxitos acadados nos últimos anos polos atletas de Negreira e comarca, de tódalas idades e en varias disciplinas, e dixo: «Non é fácil que un deporte xunte a tantas xeracións distintas como temos hoxe aquí, pero todos, en maior ou menor medida, contribuides a que o atletismo sexa cada vez máis coñecido e practicado no noso concello», ao tempo que destacou que o atletismo iniciouse grazas á Carreira Popular «e por suposto, ao traballo constante e exisente de José Manuel García Estévez e todas as persoas e empresas que apoian este clube», manifestou o alcalde.

 

recepcion33.jpg

 

O rexedor municipal salientou que están traballando co Club Atletismo Negreira para dotar dunha instalación aos atletas na chaira acondicionada no Parque Empresarial: «Estamos intentando conseguir unha mínima instalación para velocidade e salto nestes meses que quedan de lexislatura. O ideal sería acompañar esa recta con distintas calles cun circuito para adestrar», sinalou.

visitaruamandela.jpg

A renovación das instalacións de iluminación pública exterior para mellorala eficiencia enerxética en toda a rúa Nelson Mandela, foi un dos proxectos acometidos polo Concello de Negreira, a finais do ano 2018 e que foi sufragado polo Fondo de Compensación Ambiental, da Consellería de Industria, cun montante económico de 71.990 euros.

 

A este Fondo de Compensación Ambiental acceden os concellos que contan dentro do seu territorio con parques eólicos. Esta mañá, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou Negreira para comprobar in situ a execución dos traballos de mellora no alumeado público da rúa Nelson Mandela, onde estivo acompañado polo alcalde, Jorge Tuñas Caamaño, o concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Ángel Leis Míguez, e mailo concelleiro do Partido Popular, Juan Rey Maceira.

 

A mellora do alumeado veu a compretar un proxecto máis ambicioso como foi a reforma da propia rúa, financiado pola Deputación da Coruña, e que ascendeu a 180.779 euros. Aparte da instalación dunha rede de recollida de augas pluviais, tamén incluíu unha canalización final das augas cara o río Barcala, así como unha nova plataforma de aglomerado en quente.

 

Segundo o alcalde, en canto o tempo permítao, procederase ao pintado das marcas viais na calzada para que a rúa Nelson Mandela pase a ter unha dirección única, dende o cruzamento coa avenida Xulián Magariños hacia a avenida de Barcala, tal e como se acordou nunha xuntanza cos residentes.

pessoa250119.jpg

O profesor e escritor, Carlos Quiroga, considerado o maior «pessoano» en Galicia, que é como se coñece aos especialistas na vida e obra do poeta portugués, Fernando Pessoa, un dos máis importantes da literatura mundial, estivo onte cos alumnos de lingua portuguesa do instituto Xulián Magariños, nun encontro promovido pola profesora Nuria Araúxo e logo, pasouse polos estudos de Radio Negreira, contando coa participación do alumnado módulo de Promoción turística, do Obradoiro de emprego Xallas-Barcala-Dubra IV, para falar sobre o seu libro: As raíces de Pessoa na Galiza.

 

Carlos Quiroga afonda na súa investigación sobre as orixes galegas de Pessoa, sinalando que: «Hai tres apelidos relacionados coa zona que teñen que ver con Pessoa. O pai era Manuel de Lens, oriundo ou de Liñaio ou de Aro. No casamento dos pais fala de Aro, máis no nacemento dunha irmá, fala de Liñaio, ou mesmo de Lens, porque o pai era Manuel de Lens, o mesmo que a nai era Antonia do Maio».

ela.jpg

Neste último mércores do mes de xaneiro, o alumnado do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) O Coto, asistiu ao espectáculo ¨Ela¨, a nova proposta de Caramuxo Teatro para tódolos públicos, dentro da ampla e variada oferta cultural do Concello de Negreira.

 

Máis de 320 escolares de Primaria disfrutaron dun espectáculo que crea un mundo fantástico, a través das cores, a arte e o universo creativo da artista surrealista, Maruxa Mallo, cunha mistura de poesía, humor, teatro e danza, onde descubrir o imaxinario desta muller excepcional.  

lidiaparada.jpg

A catro veces consecutivas campioa de España absoluta de lanzamento de xavelina, a atleta Lidia Parada Santos, natural da Pobra do Caramiñal, asiste este venres 1 de febreiro á VIII Gala do Deporte ¨Concello de Negreira¨ como madriña deste importante evento social que reúne aos mellores deportistas de Negreira.

 

Lidia Parada compite pola Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, onde adestra con Abelardo Moure. Representou a España no Campionato do Mundo Xuvenil de Bressanone, no ano 2009, en Italia, onde rematou na decimo oitava posición; na Ximnasiada Mundial (2010), en Doha, no oitavo posto; no Campionato do Mundo Xúnior de Barcelona de 2012, onde terminou na décima cuarta posición e, no Campionato de Europa Sub 23 de Tampere (2013), onde concluíu no undécimo posto. Na mesma categoría, foi quinta no Campionato do Mediterráneo, en Marsella, no ano 2014.

 

En 2015 conseguiu o resultado máis importante da súa carreira deportiva, clasificándose na sexta posición no Campionato de Europa Sub 23 celebrado en Tallin (Estonia). A súa estrea coa Selección Española Absoluta produciuse nos Campionatos Iberoamericanos de Atletismo, celebrados na cidade brasileira de Sao Paulo no ano 2014. Finalizou na quinta posición.

 

En marzo de 2014 clasificouse na quinta posición na Copa de Europa de Lanzamentos de Inverno, en Leiria (Portugal), na proba de xavelina Sub 23, sendo ata o momento, o seu mellor resultado a nivel internacional. É campioa de España absoluta nos anos 2015, 2016, 2017 e 2018. A súa mellor marca persoal é de 61,25 metros, acadada en Xetafe (Madrid), no Campionato de España de Atletismo 2018, sendo a segunda mellor marca absoluta en España de todos os tempos.

 

Con esta distancia gañou un billete para o Europeo de Berlín 2018 coa 13ª mellor marca europea do ano. Alí, quedou 14ª, lonxe da súa mellor marca.

 

Actualmente, estase a preparar para o Mundial de Atletismo de Doha 2019 e para as Olimpiadas de Tokio 2020, onde o atletismo español ten posta moitas esperanzas nesta xoven e prometedora deportista da Pobra do Caramiñal.

esa010219.jpg

A Aula CeMIT de Negreira, no edificio do Centro Sociocultural, acolleu hoxe e por primeira vez, os exames para a obtención do título de Ensinanza Secundaria de Adultos (ESA), coa participación de 25 alumnos e alumnas, pertencentes á Escola de Adultos do Concello de Negreira, e ao Obradoiro de Emprego Barcala-Xallas-Dubra IV. As probas estiveron supervisadas por un profesor do Instituto San Clemente, de Santiago de Compostela.

viaxaconnos.jpg

Conducido polo alumnado/traballador do Obradoiro de Emprego Xallas-Barcala-Dubra IV, en colaboración con Radio Negreira, este mércores 6 de febreiro verá a luz un novo espazo radiofónico como é ¨Viaxa con nós¨, onde os catro concellos serán os protagonistas. O espazo emítese a partir das 13:00 horas polo 107.0 de FM e a través de radionegreira online. Tamén estará dispoñible na oferta de Podcast da emisora comarcal.

 

Dentro das propostas de promoción turística que oferta o Obradoiro de Emprego, esta é sen dúbida unha das máis innovadoras, unha aposta pola dinamización do territorio e a divulgación do potencial turístico dos concellos participantes.

 

Trátase dun espazo semanal de contido diverso, dende entrevistas ata a descuberta de recunchos singulares, no que se invitará a audiencia a participar tanto en directo como a través das Redes Sociais. Unha das canles de contacto vai selo número de Whasapp 686 943 980.

 

Segundo destacan os seus promotores, o obxectivo primordial do espazo é a posta en valor dos recursos turísticos e do patrimonio cultural e histórico da zona, promovendo o recoñecemento da riqueza da nosa contorna.

gala19portada.jpg

A xoven saltadora Alba Cuns Iglesias, do Club Atletismo Negreira, foi recoñecida como mellor deportista do ano 2018 na oitava Gala do Deporte ¨Concello de Negreira¨, celebrada o pasado venres noite, no Auditorio do Centro Sociocultural, na que exerceu de madriña do evento, a atleta internacional con España, Lidia Parada Santos, catro veces campioa de España absoluta de lanzamento de xavelina, natural da Pobra do Caramiñal, e adestrada por Abelardo Moure, que estivo acompañandoa en Negreira.

 

albagala.jpg

 

Alba Cuns foi unha das grandes protagonistas da velada. Aos seus 14 anos mellorou as marcas como cadete que tiña a crac mundial do triplo salto, a galega Ana Peleteiro, ademais de proclamarse recentemente como campioa galega absoluta en pista cuberta do triplo salto. Recolleu o seu recoñecemento de mans do alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño, e maila propia Lidia Parada.

 

Lidia animou a Alba, a cumprir os seus soños e traballar duro de cara á cita de marzo en Sabadell co Campionato de España Sub 16. Con todo, a sorpresa da gala chegou en forma de mensaxe gravada en vídeo por Ana Peleteiro para Alba, no que foi sen dúbida un dos momentos máis emocionantes da gala.

 

lidiagala.jpg

 

Promesas

 

Os mellores deportistas promesas foron dous karatecas da Escola Akai Ryu: Nicolás Carnota, campión galego en kumite alevín, e medalla de bronce na Liga Nacional, así como terceiro no ranking nacional da súa categoría, e Le Zhou, subcampioa galega en kata infantil. Ambolos dous forman parte da Selección Galega Infantil. Os seus galardóns fóronlles entregados por Manuel Ángel Leis Míguez, primeiro tenente de alcalde, e Daniel Casal Leis, concelleiro de Deportes.

 

O galardón ao mellor equipo de Negreira en 2018 foi para o conxunto infantil da Escola de Ximnasia Rítmica como campioas do Campionato Interescolas de Galicia, preparado por María Fernández, cuxo recoñecemento foille entregado pola concelleira de Educación e Servizos Sociais, María Jesús Veiga Hortas.

 

ximnasigala.jpg

 

En canto ao premio ao mellor colaborador co deporte foi nesta ocasión para a firma local Comercial Gran Vía, que cumpre cincoenta anos, pola súa contribución a clubes e eventos deportivos do municipio ao longo da súa traxectoria, séndolle entregado por María del Mar García Vidal, concelleira de Emprego e Muller, e que recolleron os irmáns Manuel e Paula Liñares Alfonso, fillos do fundador Manuel Liñares Rey.

 

Outro dos momentos importantes da gala foi o da entrega do premio á mellor traxectoria deportiva. José Manuel Freire ¨Carballo¨, ex futbolista da SD Negreira e que chegou a xogar no Compostela na Segunda División B, así como no Flavia e no Bergantiños, e que actualmente adestra ao Negreira Veteranos, recibiu este galardón de mans da directiva da Federación Galega de Fútbol e responsable da Subdelegación da Costa da Morte, Silvia Cancela Blanco.

 

Tamén se recoñeceu a traxectoria da Asociación Deportiva Nicrariense (ADN), comparecendo o seu equipo feminino de fútbol, o primeiro creado no concello, xunto co seu presidente, Luis Damián Arán. Cada ano entrégase un recoñecemento pola antigüidade aos clubes de Negreira.

 

Á gala asistiron o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos e mailo delegado da mesma en Santiago, Iván Sanmartín; a directiva da Federación Galega de Fútbol, Silvia Cancela Blanco, ou o directivo da Federación Galega de Baloncesto, José Manuel Castelao, entre outras personalidades do mundo do deporte en Galicia.

 

Xunto á entrega de premios, o público que ateigou o Auditorio de Negreira puido disfrutar das actuacións do malabarista Jesús Fourniers, un dos grandes especialistas a nivel nacional e, do grupo de percusión Píscore, avalado polos seus amenos directos e premios a nivel nacional.

provideo2.jpg

Presentámosvos o vídeo elaborado por DairVisual, unha empresa do noso concello, co gallo da 8ª Gala do Deporte ¨Concello de Negreira¨, e que amosa a labor dos deportistas de Negreira, un concello que foi pioneiro na década dos oitenta coa construcción de instalación para a práctica deportiva e a creación de escolas deportivas municipais que foron todo un fito naqueles tempos.

 

Os nenos e as nenas que eran alumnos daquelas primeiras escolas deportivas, hoxe en día son deportistas que obteñen premios e galardóns en cada respectiva modalidade que practican, representando a Negreira en campionatos provinciais, autonómicos e nacionais, e que son un exemplo para a nosa mocidade.

 

Porque «Negreira é deporte». Un pobo vivo, novo e saudable, que participa en todo tipo de eventos deportivos.

 

silvicolas.jpg

A través destas achegas que alcanzan un orzamento de 13 millóns de euros, prevése executar melloras en 7.000 hectáreas e chegar a 500 beneficiarios, despois da súa publicación onte luns 4 de febreiro, no Diario Oficial de Galicia, polo que desde hoxe está aberto o prazo para solicitalas, a través dunha orde da Consellería do Medio Rural que regula a concesión destas axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais.

 

O prazo de solicitudes é dun mes a contar a partir do martes 5 de febreiro, sendo unhas axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, a través do cal a Xunta subvenciona dous tipos de accións: Unha dirixida a prácticas preventivas que permitan crear descontinuidades verticais e horizontais da cuberta vexetal e o control selectivo de combustible vexetal para a prevención de incendios; e unha segunda liña de axudas, que o é para a realización de tratamentos silvícolas e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo.

 

 

Poden optar a estas axudas as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e as agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta. Tamén se poden acoller as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais e as comunidades de montes veciñais en man común.

 

Pódese acceder á orde nesta ligazón

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190204/AnuncioG0426-020119-0003_gl.html