grifo.jpg

Debido aos traballos de limpeza anual do depósito de auga potable que fornece a Negreira, por parte da concesionaria do Servizo Municipal de Augas, infórmase á veciñanza que dende as 23:00 horas do xoves 15 de febreiro, ata as 06:00 horas do venres 16 de febreiro, producirase un corte de subministro de auga que afectará a toda a rede de Negreira.

 

A rede considerarase en presión a todos os efectos. Pregamos que disculpen as molestias que se poidan ocasionar, e para calquera consulta poden chamar aos seguintes números de teléfono: 626 986 941 e 981 881 569.

redecultura160218.jpg

Os concellos da provincia da Coruña teñen até o martes 20 de febreiro para facer a súa solicitude dentro da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Nesta nova edición, o circuíto ofrece 1.359 espectáculos nas súas catro liñas, nun programa que está dotado con máis de dous millóns de euros.

 

 “Escena ao vivo!”, a categoría profesional de artes escénicas e musicais, é o programa que máis espectáculos inclúe no catálogo da Rede Cultural dirixida á programación nos concellos. Máis da metade das 1.359 propostas que completan a oferta cultural deste ano pertencen a este apartado que inclúe un total de 825 espectáculos dos que 388 corresponden a teatro e monicreques, 377 á música, e 60 a danza.

 

Un total de 118 son as películas que compoñen a oferta do programa “Visións!” destinado a promoción de cinema e contidos audiovisuais, unha nova aposta que ten, entre outros obxectivos, buscar espazos de distribución para as producións galegas con filmes como Sicixia, Mimosas, ou Costa da Morte.

 

Ás categorías xa existentes súmase nesta nova convocatoria o programa “Lingua á escena” de espectáculos profesionais de música, teatro, danza, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega para concellos que inclúe nesta primeira edición trece espectáculos.

 

Finalmente, o apartado non profesional, “Alicerce”, destinado á programación en concellos e entidades de compañías amadoras de música, danza e teatro ofrece un total de 403 espectáculos.

 

O orzamento deste ano dos programas “Escena ao Vivo!”, “Visións” e “Alicerce” ascende a 1.860.000 € aos que compre sumar 200.000 que a Deputación destina ao novo programa “Lingua a escena!”.

 

O pasado ano, a Rede Cultural da Deputación da Coruña levou un total de 1.170 actuacións aos concellos e moveu arredor de tres millóns de euros no sector. A Deputación achega o 75% do orzamento das contratacións artísticas para concellos de menos de 5.000 habitantes, un 60% para os que están entre os 5.000 e os 10.000, dun 50% aos que están entre 10 e 20 000, dun 40% aos que están entre 20 e 50 000 e dun 30% aos de máis de 50 000.

debate190218.jpg

Negreira acolleu a última das xornadas de formación do Club de Debate 2018, unha iniciativa promovida dende a coordenadora de equipos de Normalización Lingüística, na que o Concello de Negreira financia os gastos dos tres equipos participantes do instituto negreirés. Esta xornada de formación desenvolveuse na capital do Val de Barcala para os estudantes dos institutos de Teo, Negreira e Ferrol, quenes participarán na fase de zona no concello de Teo, o vindeiro 9 de abril, cuxo tema a debater será: A mocidade tamén ten actitudes e comportamentos machistas, de onde sairán os dous equipos que pasarán á fase final prevista para o 5 de maio, en Ferrol, co tema: As TIC favorecen o uso do galego.

 

O municipio de Ames acollerá a súa propia fase zonal, debido ao elevado número de rapaces e equipos cos que participa, mentres que Dodro agrúpase con centros de Rianxo, Pontevedra e Marín.

 

No caso do instituto de Negreira, este curso participa con tres equipos, sendo o vixente campión das dúas últimas edicións. O pasado ano impúxose na final celebrada en Santiago, por oito puntos de diferencia sobre o IES Luís Seoane, de Pontevedra, sendo terceiro o instituto santiagués de Pontepedriña.

galadep210219.jpg

Presentámosvos o vídeo elaborado para a sétima Gala do Deporte que mostra a evolución do deporte en Negreira, un concello que foi pioneiro na década dos 80 coa construcción de instalacións e a creación de escolas deportivas municipais que foron un fito naqueles tempos.

 

Os nenos e as nenas que eran alumnos daquelas primeiras escolas deportivas, hoxe en día son deportistas que obteñen premios e galardóns en cada respectiva modalidade que practican, e sempre representando a Negreira en campionatos provinciais, autonómicos e nacionais, e que son un exemplo para a nosa mocidade.

 

Negreira é deporte. Negreira é un pobo vivo, novo e saudable, que participa en todo tipo de eventos deportivos.

 

senda220218.jpg

O pleno da Deputación da Coruña aprobará este venres 23 de febreiro, un proxecto de 893.378 euros para a construción de 5,1 novos quilómetros de sendas peonís na estrada DP 5603 de Negreira ó Marco do Cornado, por onde transcorre o Camiño de Fisterra-Muxía. As obras van encamiñadas a facer máis cómodo e seguro para os peregrinos un itinerario Xacobeo cada vez máis transitado.

 

O proxecto suporá a construción de catro novos treitos de sendas peonís de dous metros de ancho ao longo da estrada provincial DP 5603 de Negreira a Marco do Cornado. Concretamente, entre os puntos quilométricos 1+430 e 2+170, na recta de Zas; do 7+300 ao 8+820, na saída da parroquia da Pena; do 8+750 ao 10+770, antes de chegar ao núcleo de Vilaserío, e por último, do 11+110 ao 12+900, despois de Vilaserío. Trátase de catro zonas moi perigosas polas que na actualidade non existe paso habilitado para peóns.

 

O pavemento desta senda realizarase en zahorra artificial estabilizada con cemento, o que proporciona un firme brando e cómodo para camiñar longas distancias.

 

Esta senda, súmase ás xa executadas pola Deputación da Coruña na prolongación Fisterra-Muxía do Camiño de Santiago ao seu paso polos concellos de  Dumbría, Muxía e Santa Comba, nas marxes das estradas provinciais DP 3404 (dous treitos con 650 metros de lonxitude e un investimento de 261.066,33 euros), e DP 5604 e 5201 (dous treitos dun quilómetro de lonxitude e un investimento de 207.088 euros).

promopera.jpg

Chega La Traviata, unha ópera en tres actos de Giussepe Verdi e baseada na obra "La dama de las camelias", de Alejandro Dumas, este sábado 24 de febreiro ó Auditorio do Centro Sociocultural, a partir das 21:00 horas. A pesar do rexeitamento inicial que obtivo esta obra, rematou sendo unha das máis exitosas do compositor e do Romanticismo.

 

La Traviata será interpretada por un coro composto de grandes voces de cantantes procedentes de España, México e China. As entradas para asistir ó espectáculo musical pódense retirar o mesmo sábado por un prezo de 10 euros, na propia billeteira do Auditorio.

 

O coro de Promópera está conformado por 36 cantantes, cuxa preparación artística nutriuse dunha sólida formación tanto académica como práctica, feito que permitiu abarcar unha ampla gama de repertorio coral ao longo dos tres continentes. Os seus integrantes ademáis, participaron en distintos festivais internacionais como solistas, comprementando así, as cualidades artísticas de Promópera.

 

Entre as participacións máis destacadas pódense citar, as realizadas no Festival de Ópera Sostenible de Buitrago de Lozoya, no 2015, o Festival de Ópera de Panamá en 2015 e 2016, ou o Festival de Tepic (México), de 2015 ó 2017, xunto co Réquiem de Mozart, en Santiago de Compostela (2017), e a Ópera Week, Sichuan Phiharmonic Orchestra, Chengdu (China).

 

O coro de Promópera está dirixido polo mestre Miguel Sagrero que dirixiu en Arxentina, España, México e Estados Unidos. É egresado do Royal Northern College of Music, en Manchester (Reino Unido), e ten unha ampla carreira en formación e dirección de coro.

 

 

Promópera integra no seu repertorio desde a polifonía clásica e contemporánea a cappella, ao oratorio, ópera e a zarzuela. O coro ten a súa base en Santiago de Compostela.

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publica na súa edición deste luns 26 de febreiro, o anuncio relativo á Oferta de Emprego Público 2018 do Concello de Negreira, contida no Decreto de Alcaldía nº 27/2018, de 6 de febreiro de 2018, e que está integrada polas seguintes prazas:

 

1 praza de Oficial da Policía Local - Escala básica; categoría oficial; grupo de clasificación C, subgrupo C1. O acceso será mediante promoción interna e a provisión, mediante concurso-oposición.

 

1 praza de Axente da Policía Local - Escala básica; categoría Policía, grupo de clasificación C, subgrupo C1. O acceso será en quenda libre e a provisión, mediante oposición.

integracion280218.jpg

Na celebración do Día Mundial das Enfermidades Raras recordamos a interesante mesa redonda celebrada no día de onte en Radio Negreira, falando da integración e a diversidade., onde a concelleira de Servizos Sociais e Educación, María Jesús Veiga Hortas, salientabába a importancia de sensibilizar e visibilizar a necesidade dunha sociedade máis tolerante e integradora cara a diversidade.

 

Entre as iniciativas emprendidas polo Concello de Negreira destaca a elaboración dun proxecto de pictogramas, exactamente 304 que a vindeira semana colocaránse nos edificios municipais, centros educativos, e instalacións tanto culturais como deportivas, nunha iniciativa que partiu dunha veciña, Raquel Quintáns, e en colaboración con Ainhoa Rodríguez, da Escola de Kárate Akai Ryu.

 

Asemesmo, tamén figura a creación dun Recuncho da diversidade na Biblioteca Municipal, cun fondo bibliográfico de máis de 30 títulos, así como a celebración do Día Internacional do Autismo, o 2 de abril.

 

E este venres día 2 de marzo preséntase no Auditorio da Casa da Cultura, ás 20:30 horas, o contacontos ¨Cómo axudo a Antón?¨, cuxos autores son Isabel Ponte, veciña de Landeira e terapeuta, e Jorge López, e que aborda a problemática do bulling ou acoso escolar. Anímase á veciñanza a acudir cos fillos e fillas, pois haberá un posterior debate coa participación dos rapaces.

 

Andrés Domínguez, pai da pequena Julia, abogou por mellorar no aspeito educativo pola integración, e porque as institucións dediquen máis recursos económicos a programas sociais, demandado a posta en marcha dun programa de atención temprá para as familias de menores con necesidades.

plantacions010318.jpg

O alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño, a través dun Bando da Alcaldía fai saber que todos os accesos a fincas que se pretendan construir no termo municipal de Negreira, tanto en terreos comprendidos nas zonas de concentración parcelaria en execución, como no resto do termo municipal, deberán levarse a cabo sen interromper ou modificar as escorrentías das cunetas.

O Concello informa que disporanse entubamentos nos puntos de paso cunha sección non inferior á que se aprecie na canle ou gabia para a escorrentía, e como mínimo, un tubo de 400 mm. de diámetro, debendo presentar a correspondente comunicación previa no Concello.

 

Distancias mínimas para plantacións forestais

 

Asemesmo, infórmase das distancias mínimas que deben gardar as plantacións forestais, segundo o disposto no Anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia:

 

 

A realización de novas plantacións forestais ou a non adaptación das plantacións existentes sen gardar as distancias mínimas indicadas constituié unha infracción administrativa, que poderá dar lugar, ademais da obriga de reparar o dano causado, á tramitación do correspondente procedemento sancionador, o cal faise público para o coñecemento xeral

sofia060318.jpg

O Centro de Información ás Mulleres (C.I.M.), dependente do Concello de Negreira, promove as actividades conmemorativas do Día da Muller que botaron a andar este luns no Auditorio do Centro Sociocultural, cun Contacontos con temática de igualdade para 243 alumnos/as de Primaria do CEIP O Coto, coa obra ¨Laura quere ser pirata¨, a cargo de Caxoto Cativo, rachando cos estereotipos instaurados na nosa sociedade e buscando unha sociedade igualitaria.

 

O acto principal desenvolverase este xoves 8 de marzo, a partir das 11:00 horas no Auditorio, coa entrega do II Premio 8 de marzo, na homenaxe a título póstuma á profesora Sofía Rodríguez, quen finou o pasado 8 de febreiro á idade de 90 anos na súa casa da avenida das Brañas. As súas sobriñas Carmen e María Peralta Rodríguez serán as encargadas de recoller esta distinción de mans do alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño.

 

Durante este acto, terá lugar a intervención a cargo de José Manuel López Tuñas, ex alumno de Sofía, e ex alcalde negreirés e amigo persoal, pechándose o acto coa actuación do grupo de pandereteiras Limagoia. Despois, co gallo do 8 de marzo, as sobriñas de Sofía Rodríguez, xunto a José Manuel López Tuñas; a directora do CIM, Rosa Fuentes Cambeiro e mailo alcalde, Jorge Tuñas Caamaño, participarán nunha mesa redonda en Radio Negreira. 

 

Vídeo fórum o 16 de marzo

 

A última das actividades previstas terá lugar o venres 16 de marzo, novamente no Auditorio do Centro Sociocultural, en colaboración coa Delegación de Cultura e Deportes. Trátase dun vídeo fórum con coloquio final para estudantes de secundaria do IES Xulián Magariños, sobre a muller e o deporte,  ás 11:00 horas.

 

Foto: Diadelei Fotografía