DSC_2053.JPG

O Concello de Negreira informa que a última analítica realizada á auga que mana da fonte de Vilachán, cuxa mostra foi tomada o pasado día 23 de xaneiro, deu un parámetro negativo, concretamente, o de bacterias coliformes totais, cun resultado de 10 unidades cada 100 mililitros.

 

Ante este resultado anormal, o laboratorio aconsella que se advirta á poboación que a auga da fonte de Vilachán non é potable ao cen por cen, e de feito, o Concello colocou á pé de fonte un cartaz para informar á veciñanza. Dentro de un mes farase unha nova análise para saber se persiste esta anomalía que pode ser debido ás fortes escorrentías da chuvia.

 

E non é a única fonte que deu parámetros anormais durante a última análise que realiza o Concello. A fonte de Zas tamén deu resultados negativos en bacterias coliformes totais, así como en escherichia coli con 2 unidades cada 100 mililitros, un dato éste último que é o máis preocupante.

DSC_0011.JPG

A directora xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, Marta Fernández-Tapias, acompañada do delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, e mailo alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, xunto ao portavoz do Partido Popular, Rubén Suárez Carballo; supervisaron hoxe unha das actuacións levadas a cabo no noso concello ao abeiro das axudas do Fondo de Compensación Ambiental, unha achega económica, neste caso de 70.000 euros, que permitiu a renovación de luminarias na rúa do Carme e maila praza do Concello...

 

Esta axuda é concedida pola Xunta a aqueles municipios como Negreira que dispoñen no seu territorio de parques eólicos en funcionamento. Marta Fernández-Tapias, directora xeral de Administración Local, lembrou que esta liña de axudas, tanto no apartado competitivo como no non competitivo, están aberta para que os concellos presenten as súas propostas ata mediados de febreiro.

Entroido.jpg

Por terceiro ano consecutivo, o cartaz das festas de Entroido de Negreira leva a sinatura do recoñecido deseñador e enxeñoso humorista gráfico, Luis Davila. Un Entroido no que dende o venres 21 ao luns 24 de febreiro, sobresae a actuación da orquestra La Fórmula, a noite do venres na praza do Concello, e mailo prato forte co desfile de carrozas e comparsas da tarde do sábado.

 

Deseñador gráfico pola Escola de Artes e Oficios Pablo Picasso, da Coruña; Luis Davila é o autor dun bo número de sorrisos diarios a través das súas tiras de humor O Bichero e O Fotomatón, nas páxinas do xornal Faro de Vigo, pero tamén fai cavilar aos seus lectores, porque coma él mesmo dí «debuxar é a miña voz, é o meu altofalante, e o meu xeito de expresarme. Recoñece que O Bichero «ten na idiosincrasia galega o seu éxito», e que vivir en Galicia «é a miña inspiración, aparte da actualidade diaria. Esta actualidade mestúroa coa nosa maneira de ver a vida. O xeito en que os galegos se toman as cousas está reflectido na miña tira».

 

Programa

As actividades arrincan o venres 21 de febreiro ao mediodía co desfile dos nenos e nenas da Escola Infantil Municipal. Pola noite, a Praza do Concello vai selo escenario que acolla o espectáculo musical da orquestra La Fórmula, liderada por Peke Moreira. Serán máis de catro horas de música e sorpresas cun avance da nova xira: La magia existe.

 

O gran desfile de comparsas é o prato forte, na tarde do sábado 22. Comeza ás cinco da tarde no Campo dá Feira e dará un colorido especial ás rúas da vila ata concluír na Casa do Concello. Haberá premios de 1.000, 600, 300 e 150 euros, para os catro primeiros en comparsas e carrozas, respectivamente, así como dous áccesits de cen euros. Os grupos: 250; 150 e 100, e os individuais: 150; 100 e 50 euros. O grupo Atenas amenizará a verbena na praza do Concello, coa posterior entrega de premios.

 

Bailes de disfraces

O domingo 23 a partir das sete da tarde haberá baile de disfraces para os maiores, que este ano celébrase na carpa da praza do Concello, con música en directo e premios ás mellores caracterizacións. E o luns día 24, é a quenda para os máis pequenos cun baile de disfraces e xogos inchables, desde as cinco da tarde, no pavillón do CEIP O Coto.

 

itv ciclo

Informámos que a Unidade Móbil 7 de Inspección Técnica de Ciclomotores desplazarase ao concello de Negreira na seguinte data e ubicación:

 

- O luns 2 de marzo. De 9:00 a 13:30 horas

- Ubicación: Campo da feira

 

Para solicitar cita previa:

- Por teléfono: 902 30 90 00

- A través da web: https://www.sycitv.com/gl/

 

A admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operación de inspección regulamentarias.

cartaz.jpg

Este venres 7 de febreiro, a localidade de Carballo, acolle a celebración do Día dos Medios en Galego. Unha celebración ratificada no Parlamento Galego e, que se celebra cada ano co gallo da saída ás rúas da primeira publicación xornalística realizada integramente en galego, O Tío Marcos d’A Portela, editado en Ourense, por Valentín Lamas Carbajal en 1876.

 

Este 2020 é Carballo o que acolle o acto principal da celebración, que pretende converterse nunha festa da nosa lingua. Radio Negreira, é un dos máis de cen medios que a diario usan o galego como a lingua de trasmisión.

 

Dende a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) queremos celebralo cos máis de 100 medios que cada día usan a nosa lingua para contar o que acontece no noso país. Máis de 100 medios que demostran que a lingua está moi presente no día a día.

 

O acto será presentado pola regueifeira de Bergantiños, Lupe Blanco, e estará amenizado por Avelino González, pechándose coa actuación da banda muradá, Terbutalina, que malia ser xa unha das máis potentes do escaparate indie-punk do panorama estatal, segue cantando na nosa lingua.

Foto-2.jpg

Adi-2.jpg

Adiaratou Iglesias Forneiro é unhas promesas do atletismo paralímpico español e campioa absoluta de Galicia en 100 e 200 metros lisos. Adi Iglesias, como é coñecida, estará este venres en Negreira para asistir como madriña de honra, á novena Gala do Deporte que recoñece aos mellores deportistas e clubs do ano 2029 no noso concello, xunto con recoñecementos á traxectoria deportiva e de apoio e colaboración co deporte local.

 

O Auditorio do Centro Sociocultural é un ano máis, o marco de celebración da Gala do Deporte, a partir das nove da noite, que contará entre outros coa presenza do presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos.

 

Adi Iglesias colleitou a finais de 2019 dous subcampionatos mundiais (100 e 200 metros lisos) no último Campionato do Mundo de Paraatletismo que se celebrou en Dubai (Emiratos Árabes Unidos), conseguindo a terceira mellor marca do atletismo galego nos 100 metros e a mellor, nos douscentos, o que lle levou a ostentar, o récord absoluto do atletismo galego nesta distancia, un fito -sen precedentes-, xa que Adi conta cun 20% de visión, o que pon máis en valor se cabe, a extraordinaria marca e maila súa capacidade de superación, esforzo, sacrificio e traballo constante.

Foto-respiro.jpg

O período subvencionable comprenderá desde o 1 de xaneiro de 2020 ata o 30 de novembro de 2020. Ademais da modalidade Respiro en residencia, o programa de Respiro de persoas coidadoras subvencionará a prestación de servizos de atención e coidado no propio domicilio da persoa en situación de dependencia ou con discapacidade, a través da modalidade Respiro no fogar co obxecto de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das/os coidadores e mellorar calidade de vida de todas as persoas implicadas. Hai de prazo ata o día 30 de setembro de 2020.

 

Modalidades

a.   Respiro no fogar, para financiar a atención puntual, integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade.

b.   Respiro en residencia, para financiar estadias temporais en centros residenciais da CA de Galicia.

 

Persoas beneficiarias

Aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha persoa con necesidades especiais de atención persoal.

 

Requisitos para acceder á subvención

a.   Que ben o coidador ou ben a persoa que atende, sexan residentes na CA de Galicia.

b.   Que a persoa a que se coida presente calquera das seguintes situacións:

                 1. Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.

                 2. Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente; grao II ou III.

                 3. Que a persoa a que se coida presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

 

c.   Que a renda da unidade familiar, entendida como a suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro, non supere os 45.000 € ou os 13.500 € per cápita. Para estes efectos, terase en conta a declaración do IRPF do último exercicio.

d.   Cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

 

Modalidade Respiro no fogar

A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención a maiores a domicilio para atender necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados. A través desta modalidade, prevista para dar resposta ás demandas concretas das familias por espazos de tempo definidos e non moi longos, prestarase unha atención integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade co obxectivo de manter estas persoas no seu domicilio e ofertar ao seu coidador habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.

 

O servizo que deberá ser prestado por persoal profesional legalmente acreditado con formación específica en atención a persoas con necesidades especiais e contratado directamente pola persoa solicitante, cubrirá os coidados persoais e de acompañamento que necesita a persoa en ausencia dos coidadores e poderanse prestar as seguintes tarefas:

 

a.    Compañía activa: manter conversación, lectura e apoio.
b.    Acompañamento a paseos e axuda para desprazamentos.
c.    Aseo, hixiene persoal e mobilización.
d.    Administración de alimentos: poñer ou dar alimentos preparados previamente polos familiares.
e.    Administrar medicación oral segundo as indicacións dos familiares e prestar coidados mínimos a enfermos crónicos.
f.    Acompañamento a actividades culturais e de lecer.
g.    Calquera outra tarefa implícita no desenvolvemento das anteriores.

 

Cando nun domicilio se atenda máis dunha persoa usuaria, as tarefas que se presten deberán ser compatibles coa vixilancia e atención de todas elas.

 

Horario e duración do servizo

Con carácter xeral, concederase un máximo de 72 horas por persoa beneficiaria para cada ano natural. Estas horas poderán distribuírse de luns a domingo.

 

Contía da axuda

A  contía estará determinada en función da renda per cápita da unidade familiar (RPCF), de acordo cos seguintes tramos:

 

a.    RPCF ata 3.750 euros: 14 €/hora.
b.    Superior a 3.750 e ata 7.500 euros: 11 €/hora.
c.    Superior a 7.500 e ata 10.000 euros: 9 €/hora.
d.    Superior a 10.000 euros: 7 €/hora.

 

A contía da axuda farase efectiva unha vez que se presente a documentación xustificativa

 

Modalidade de Respiro en residencia

A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento da residencia ante unha necesidade puntual nos supostos convenientemente acreditados. Para dar resposta á necesidade de descanso da persoa coidadora, esta modalidade establece a posibilidade de que a persoa en situación de dependencia ou con discapacidade poida acceder temporalmente a un centro residencial dotado dos recursos necesarios para prestarlle unha atención integral.

 

Servizos:

a.    Aloxamento e manutención completa en cuartos dobres adecuados ás limitacións e necesidades das persoas beneficiarias. No caso de que unha persoa beneficiaria desexe ocupar unha habitación individual, estará supeditado á dispoñibilidade do centro e deberá aboar pola súa conta o pagamento do suplemento que lle corresponda.
b.    Menú axeitado baixo supervisión médica.
c.    Atención integral que comprende: coidado persoal, control e protección, prestación das axudas necesarias para a realización das actividades da vida diaria (aseo, vestido, comida...).
d.    Atención médica, psicolóxica e social (tendo en conta as indicacións e tratamento que a persoas usuarias teñan prescrito polos seus especialistas, se for o caso).

 

En función da súa duración, as estadías no centro residencial elixido poderán ser de dous tipos:

 

a) Estadías de ata un máximo de 15 días

Duración máxima de 15 días (14 noites) por persoa beneficiaria para cada ano natural e poderase prorrogar unicamente en circunstancias excepcionais ou cando a persoa con dependencia teña recoñecida a libranza de coidados no contorno familiar do SADD; neste caso contará cun máximo de 45 días, ao ano, sempre que non dispoña xa da compatibilidade con outro recurso (segundo o establecido no artigo 64.5, alíneas b), c) e d) da Orde do 2 de xaneiro de 2012).

 

b) Estadías de fin de semana

Fin de semana completo, considerando como tal a entrada o venres a partir das 19.00 horas e a saída o domingo antes das 19.00 horas.

 

Establécese, como excepción, a posibilidade da estadía en día festivo (un como máximo), que poderá cadrar ou non unido ao fin de semana. O horario de entrada é o sinalado no parágrafo anterior e computarase como unha estadía dun día completo.

 

Coa finalidade de posibilitar o acceso ao programa ao maior número de solicitantes posible, unicamente se poderá conceder ao mesmo beneficiario un máximo de dous fins de semana para cada ano natural.

 

Contía da axuda
A Consellería de Política Social contribuirá ao financiamento da estadía coa porcentaxe do custo do servizo que se establece a seguir en función dos ingresos económicos:

 

a.    RPCF ata 3.750 euros: subvención do 70 % do custo do servizo.
b.    RPCF superior a 3.750 e ata 7.500 euros: 50 %  
c.    RPCFsuperior a 7.500 e ata 10.000 euros:  25 %
d.    RPCFsuperior a 10.000 euros: subvención do 10 %

 

O importe da axuda económica ou custo do servizo calcularase sobre un prezo máximo da estadía.

 

O prezo máximo da estadía será de 80,00 €/día (IVE incluído) para estadías quincenais ou de duración inferior e de 90,00 €/día (IVE incluído) para estadías de fin de semana ou de días festivos.

 

Serán as persoas solicitantes as que aboen o importe total da estadía.

 

Requisitos dos centros que prestan os servizos
O centros residenciais elixidos polos beneficiarios do programa deberán de estar autorizados pola Consellería de Política Social para a atención de persoas en situación de dependencia para poderen prestar o programa de Respiro Familiar.

 

Para tal fin, desde as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social informarase os centros residenciais con prazas privadas que reúnan os requisitos anteriores das condicións que se establecen para este programa, para os efectos da elaboración dunha listaxe de centros habilitados para a prestación do servizo que será publicada na páxina web da Consellería de Política Social.

 

Compatibilidade con outras axudas ou subvencións públicas

A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, sen que o importe das axudas concedidas por orde poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, supere o custo do servizo recibido.

 

Documentación

Anexo I Solicitude presencial ou tramitación en liña


a.   Comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (Anexo II) cónxuxe, parella e outros membros da unidade familiar.
b.   Informe social (Anexo III) ou no modelo relativo á persoa dependente, só naqueles casos que non exista recoñecemento de grao dependencia ou que variasen as circunstancias desde a valoración da dependencia.
c.    Informe médico relativo á persoa dependente segundo o modelo do Sergas, só naqueles casos en que non exista recoñecemento do grao dependencia
d.    Copia do pasaporte, se procede, do coidador e da persoa dependente.
e.    Xustificación documental da situación de respiro do coidador.
f.    Certificado das pensións non outorgadas, se for o caso, polo INSS, nin pola Xunta de Galicia, do cónxuxe, parella ou outros membros computables da unidade familiar.
g.    Certificado do grao de discapacidade da persoa dependente se non fose expedido pola Xunta de Galicia.
h.    Copia do libro de familia completo ou, na súa falta, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

 

Presentación de solicitudes
Nos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Negreira

 

Prazo
Ata o 30 de setembro de 2020.

Foto-doa.jpg

Cada día os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para realizar o seu intenso labor asistencial. Grazas á colaboración dos doadores e doadoras, é posible realizar unha media de 500 intervencións cirúrxicas, atender unhas 2.700 urxencias e realizar tres transplantes de órganos e tecidos, a diario nos hospitais galegos.

 

En Negreira queremos contribuir coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), a conseguir o maior número de doazóns na visita que este mércores 12 de febreiro levará a cabo á nosa vila, unha unidade móbil que permanecerá estacionada diante do Centro de Saúde, na rúa de Castelao, en horario de 9:30 a 14:30 e de 16:00 a 21:00 horas.

 

Lembramos que para doar sangue despois de xantar é necesario agardar dúas horas.

Corte.jpg

Debido aos traballos de limpeza anual do depósito de auga potable do servizo de abastecemento do Concello de Negreira, infórmase que o xoves día 13 de febreiro, dende as 23:00 horas, ata as 6:00 horas do venres 14 de febreiro, producirase un corte no fornezo de auga da traída municipal que afectará a toda a rede de Negreira, a cal considerarase en presión a tódolos efectos.

 

Para calquera consulta pódese chamar aos seguintes números de teléfono do Servizo Municipal de Augas:

 

* 626 986 941

* 981 881 569

Laconada.jpg

Este sábado 15 de febreiro celébrase na Praza do Concello, baixo unha carpa con calefacción, a primeira edición da Festa do lacón con grelos, que baixo a organización da Sociedade Deportiva Negreira conta coa colaboración do Concello de Negreira. A preparación do menú corre a cargo do chef, José Manuel Mallón ¨Furri¨, e comezará a partir das nove da noite, cun prezo por asistente de 20 euros e cuxos tickets poden retirarse na tenda Bambino Moda, ou a calquera membro da directiva.

 

O evento incluirá un baile posterior coa actuación do dúo Rosán, aberto a toda a veciñanza, polo que a organización anima á participación nunha velada para dinamizar a vida social de Negreira en vésperas da celebración das festas de Entroido que terán lugar dende o venres 21 ao luns 24 de febreiro.