cartel2_web.jpg

 

O segundo domingo do mes de novembro (día 13), Negreira celebra a súa gran festa anual do deporte na rúa coa edición número 37 da Carreira Popular de Negreira, sobre un percorrido de 10 quilómetros que consta de dúas voltas a un mesmo circuito prácticamente urbán e que foi estreado na edición de 2015. A súa saída será ás 10:30 horas desde a rúa de Castelao, lugar tamén da chegada.

Desde esta semana os atletas da proba principal, así como das tres carreiras de base, xa podedes formalizar a vosa inscrición no seguinte enlace: http://emesports.es/event/xxxvii-carreira-popular-de-negreira/

Horarios e distancias

Carreira principal: 10:30 horas. Distancia de 10.050 metros.

2ª Carreira Xuvenil, Cadete e Infantil: 11.45 horas. 3.800 metros.

3ª Carreira Alevín e Benxamín: 12.25 horas. 1.000 metros.

4ª Carreira Prebenxamín: 12.50 horas. 250 metros.

5ª Carreira Chupetes: 13:00 horas. 200 metros.

Importante

Para participar na Carreira Absoluta (Xúnior – Sénior e Veteranos), os atletas deberán aboar a cantidade de 5 €/participante, sempre que fagan a solicitude de inscrición, dende o 15/09/2016 ó 15/10/2016, e 6 €/participante dende o 16/10/2016 ó 31/10/2016 e, serán 9 €/participante dende o 01/11/2016 ata o 10/11/2016.

Esta proba pertence o calendario oficial da Real Federación Española de Atletismo (RFEA), polo que o corredor consinte expresamente que os seus datos básicos (nome, apelidos, NIF/NIE/Pasaporte, data de nacemento, sexo e código postal de residencia), serán enviados á RFEA para a xestión das licenzas dun día, resultados e ranking. A posesión da licenza garante que o corredor participa cuberto por un seguro de responsabilidade civil e de accidentes.

Regulamento da Carreira Popular:

 

DSC_0359.JPG

Este luns 26 de setembro efectuouse en Radio Negreira o sorteo de agasallos de prendas deportivas doadas por Breogán Deportes e Garsport, establecementos colaboradores coa IX Andaina Popular «Negreira no Camiño de Fisterra», celebrada o pasado sábado. De entre tódolos participantes, este foi o resultado final dos dez agasallos: 

1) Camiseta. Diego Fernández (Negreira)

2) Camiseta. Manuel Castro Nimo (Noia)

3) Mochila. Xoán Xosé Hidalgo (Ames)

4) Camiseta: Andrea Laiño (Negreira)

5) Camiseta: Rosa María Conde (Santiago)

6) Camiseta: Julián Sobrino Vázquez (Ames)

7) Malla corta: María Teresa Figueira (Rianxo)

8) Top atletismo: Teresa Couto Valle (Noia)

9) Chaleco polar: Javier Cacho Otero (Santiago)

10) Mochila: Juan Dieste Leis (Boiro)

 

Noraboa todos eles e elas, e grazas a tódolos participantes. Agardámosvos para a edición de 2017 en Negreira. 

foto-romanico.jpg

O Concello de Negreira ofrécevos este vídeo promocional do que foi a décima edición da Feira do Románico, celebrada na primeira fin de semana de setembro e, que foi elaborado pola firma DairVisual, audiovisuais e fotografía, radicada en Negreira, no cal pode verse boa parte do ambiente do mercado e das actividades de rúa desenvolvidas ao longo dos tres días que dura o evento, un dos de maior afluencia e participación do ano en Negreira, xunto co desfile e concurso de Entroido e maila Carreira Popular.

 

 

ciclo_monologos.jpg

A cuarta entrega do ciclo de monólogos de Negreira contará un ano máis con alguns dos mellores actores e cómicos do panorama galego.

 

O primeiro en actuar será o cómico Isi na xornada do venres 7 de outubro. O seguinte venres, 14 de outubro, será a quenda do actor Luís Zahera, seguido polo coruñés David Perdomo o venres día  21. Carlos Blanco será o encargado de pechar o ciclo na xornada do 28 de outubro.

 

Tódalas funcións terán lugar no Auditorio do Centro Sociocultural e as entradas poden retirarse na delegación de Cultura dende o luns anterior a cada sesión, a un prezo de 5 euros por función. Este ciclo de monólogos é a principal actividade do Outono Cultural de Negreira, que tamén incluirá concertos no mes de novembro.

 

Máis información. 

logo_apego4.jpg

Logo de que na primavera se adherisen ao programa Apego os concellos da Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo, chega agora o momento no que comezan a traballar na súa aplicación coas familias interesadas en incorporar o galego á crianza das súas fillas e fillos nos respectivos municipios.

 

Estes once concellos súmanse aos doce que puxeron en marcha a iniciativa en 2015 (Negreira, A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo) co impulso inicial da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). Grazas a esta colaboración intermunicipal, a poboación atinxida polo programa Apego supera xa o millón de habitantes.

 

O programa procura aumentar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Dentro das accións que se realizan, a máis coñecida xa é a entrega de cadansúa caixa con información e recursos en galego ás familias que acceden a formar parte da comunidade do programa. A partir desa adhesión, reciben periodicamente información e propostas para que os seus fillos e fillas se acheguen á lingua e á cultura galegas con naturalidade desde as primeiras idades. Para lograr isto, ademais dos espazos na rede onde se facilitan recursos (www.apego.gal e www.facebook.com/apego.gal), varios concellos publican materiais específicos para divulgar a oferta de actividade infantil e tamén reforzan a programación con convocatorias nas que as nenas e nenos poden gozar, aprender e relacionarse na nosa lingua.

 

Grazas ao medre do proxecto, coas novas incorporacións, Apego está xa producindo novos recursos, nesta ocasión materiais audiovisuais para a súa difusión nas redes. Trátase de pezas de vídeo para transmitir os obxectivos do proxecto, explicarlles o funcionamento ás persoas que desexen sumarse e divulgar de xeito atractivo algúns contidos que, ben seguro, as nais e pais han considerar útiles (unha canción para ir durmir composta especialmente para este proxecto, xogos de dedos, os sons dos animais, as cores, as froitas, como atar os cordóns...). A distribución destes materiais farase a partir da canle en Youtube do proxecto Apego e tamén das súas redes sociais.

 

O Apego mantense desde os Servizos de Normalización dos concellos participantes, a onde se poden dirixir as persoas que desexen máis información ou sumarse á comunidade de usuarias.

industria2.jpg

Hoxe venres 30 de setembro un total de 20 alumnas e alumnos comezan o Obradoiro de Emprego Barcala – Dubra II, no que tomarán clases durante 6 meses. O alumnado procedente dos concellos de Negreira, A Baña e Val do Dubra divídese a partes iguais nos módulos de operacións de revestimentos e construción e de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización.

 

Os participantes levarán a cabo unha serie de melloras nos tres concellos como parte práctica formativa do programa. En Negreira procederán ó formigonado impreso na rúa do Parque do Coto e na parte traseira do Pavillón de Pedra Mámoa, á reforma Interior na Escola Unitaria de Aro e á mellora da Fachada do Instituto Vello.

 

En Val do Dubra repararán as beirarrúas en Bembibre, Rial e Portomouro e farán a reforma interior e a mellora da fachada da Casa Escola de Coucieiro; e na Baña a renovación das beirarrúas en Ceilán e a pavimentación de accesos á vivenda comunitaria de San Mamede.

 

Ademais da instrución dentro dos módulos, o alumnado recibirá formación de alfabetización informática, sensibilización ambiental, prevención de riscos laborais e clases para poder obter o título de Educación Secundaria Obrigatoria ou das competencias clave.

seaga3.jpg

O pasado día 30 de setembro, foi publicado no DOG o anuncio de "Apertura de Listas de Contratación Temporal e Actualización de Méritos" para as listas de SEAGA (Empresa Pública de Servicios Agrarios Galegos). 

 

Para solicitude e consulta de Bases da Convocatoria, podedes entrar no seguinte enlace: http://www.epseaga.com/ofertas_emprego.php 

 

Si se precisa axuda para cumplimentar a documentación, podese solicitar no Servizo Local de Emprego de Negreira. 

punto_de_atencion_peregrinos.jpg

En setembro foron 1.595 os peregrinos que se achegaron ata a Caseta de Información que o Concello ten instalada na avenida de Santiago, e que debido á afluencia rexistrada decidiuse prorrogar a súa apertura ata o vindeiro día 15 de outubro.

 

Os peregrinos nacionais cun 35,55% foron os máis que máis solicitaron o servizo, cun total de 565, seguidos dos alemáns con 206 (12,96%), os italianos 169 (10,63%), e na cuarta posición están os que procedían de México, un total de 120. O quinto posto das nacionalidades que máis demandaron o servizo está compretado polos franceses con 102 peregrinos.

 

Por franxas de idades, os de 35-60 anos foron 652 (41%), seguidos dos de 18 a 35 anos con 528, e os maiores de sesenta anos cun total de 375 (23,6%). 

 

De todo o mes de setembro, a xornada de maior demanda do servizo foi a do sábado 10 de setembro con 144 peregrinos e o luns día 12 con 97. Do total, máis do 97% era a primeira vez que facían o Camiño de Fisterra, cun total de 1.551 persoas.

 

Un 88% chegou a Negreira a pé, e o 5% en bicicleta. En canto á motivación, o espiritual lévase a palma con 622 (39%), seguido do relixioso con 340 (21%), deporte 186 e por motivos culturais 184, por 165 que dixeron facelo por turismo. 

futsala2.png

 

O vindeiro xoves 6 de outubro remata o prazo de inscrición da Liga de Fútbol sala do Concello de Negreira 2016/17. Esta tempada agárdase unha gran competición con novos equipos e retos.

 

Para este ano mantense as mesmas condicións do ano pasado:

 

1.- Categoría para xogadores Sénior (maiores de 16 anos)

En caso de ser menores de idade deberán presentar unha autorización dos seus pais, para poder disputar a liga.

 

2.- Poderán participar todos os equipos, sexan federados ou non e do Concello de Negreira ou de fora del.

 

3.- A inscrición deberán formalizala na oficina de Cultura e Deportes do Concello de Negreira ata o 6 de outubro de 2016.

 

4.- Os equipos deberán entregar a folla de inscrición que contará cun máximo de 12 xogadores, e deberán abonar a cota de inscrición na seguinte conta:

Abanca /  ES33 2008-0305-01-3110000021

 

5.- A reunión terá lugar o venres 7 de outubro no Telecentro da Casa da Cultura as 21:00 h. Nesta reunión os equipos entregarán a ficha de inscrición debidamente cuberta e darase a primeira xornada de liga.

 

6.- Os partidos disputaranse os luns, martes, mércores e xoves, xogándose tres partidos cada día: as 21.00 h., 21:45 h. e 22:30 h. 

 

7.- A competición iniciarase o luns 17 de outubro.

 

O teléfono de información é o 981 885 886. Tamén se pode enviar un correo electrónico a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

 

itv3.jpg

Comunicamos que a Unidade Móbil de Inspección Técnica de Ciclomotores desplazarase ao noso concello, o martes día 8 de novembro, quedando instalada no Campo da Feira, en horario de 9:00 a 13:30 horas da mañá.

 

Para solicitar cita previa:

- Por teléfono: 902 30 90 00

- A través da web: http://www.sycitv.com/gl/ (apartado de cita previa)