1695115493243 (1).jpg

1695115493089.jpg

 

DSC_0663.jpg

O escritor e poeta, Francisco Javier Fernández Dávila, de Panxón, no concello pontevedrés de Nigrán, co poemario: Palabras mortas, baixo o pseudónimo Améndoa periférica, resultou gañador do duodécimo Certame de Poesía Xosé M. López “Ardeiro”, convocado polo Concello de Negreira e coa colaboración da Dirección Xeral de Políticas Culturais, da Xunta de Galicia.

 

O resultado do xurado foi por maioría e segundo detallou a súa secretaria, María Rey, o xurado valorou: “Unha proposta na que desde unha tradición perfectamente integrada e asumida, se ofrece unha visión orixinal e coherente, que recolle o testemuño persoal e asumindo a voz dunha colectividade de hoxe en día», afirmou.

 

FOTO 1.jpg

 

Para Francisco Fernández Davila é un premio moi especial, dixo. “Gústame especialmente este certame porque é froito do amor. Pode ser cursi falar de amor, pero é a verdade”, segundo sinalou o gañador, quen tivo palabras para o outro finalista e animóuno a seguir tentándoo porque él xa estivo na mesma situación hai tres anos cando foi finalista do premio.

 

Este premio está dotado de 2.500 € en metálico que entrega o Concello e, o gañador recibirá 300 exemplares da edición do poemario que publicará a Xunta de Galicia. O gañador xa ten no seu haber numerosos premios: o de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, en 2017 e o XVII Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos, do Concello de Noia, coa novela Alana, no ano 2018, entre outros.

 

O outro finalista foi Francisco Vila Díaz, de Monforte de Lemos, coa obra: Estanque de tormentas, presentada baixo o pseudónimo Perséfone. Obtén un premio en metálico de 500 euros. Francisco Vila explicou que a súa obra trata da “dualidade” no proceso creativo entre vida e morte porque dixo “eu coido que todos os nosos actos son en realidade creativos e con cada un deles nos achegámos un pouquiño á morte”, subraiou.

 

FOTO 2.jpg

No acto celebrado este 20 de Nadal no auditorio Afonso Eanes do Cotón, na véspera do dezaséis cabodano do poeta de Logrosa, participaron o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo Suárez, quen sinalou que o certame “honra á persoa que leva ese nome e apelidos e ademais, permite darlle recoñecemento á creación e poesía en lingua galega”. Congratulouse o director xeral da “gran cantidade de traballos que se están a presentar aos diferentes certames en Galicia, porque a situación literaria en Galicia favorecue moito a creación, e estimulou moito aos creadores a presentarse aos premios”.

 

Pola súa banda, o alcalde Manuel Ángel Leis Míguez, salientou que o Concello de Negreira vai tentar coas demais administración, que Xosé Manuel López Gómez “Ardeiro”, sexa tido en conta para dedicarlle o Día das Letras Galegas, tal e como expresou antes no seu desexo, Francisco Fernández Davila.

 

Encargouse de amenizar o acto, a cantante Judith Cundíns. O xurado do certame estivo composto por: José Antonio Ponte Far, como presidente; María Rey, como secretaria; e os escritores e críticos literarios Xulio López Valcárcel; María López Sández e Diana Varela.

 

C2.JPG

O Concello de Negreira informa que por decreto de Alcaldía, autorízase a ampliación dos horarios xerais de peche dos establecementos abertos ao público, dos espectáculos públicos e das actividades recreativas, en aplicación do disposto no artigo 17 da Lei 10/2007, de 27 de decembro, de Espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, en relación coa Orde de 23 de outubro de 2020.

 

Autorízase a ampliación de dúas horas dos horarios sobre o límite de peche establecidos para cada categoría do local, abertos ó público, así como a finalización dos espectáculos públicos e actividades recreativas durante a celebración das festas de Noiteboa (día 24 de decembro de 2023), festa de Aninovo (día 31 de decembro de 2023), e noite de Reis (día 5 de xaneiro de 2024), respectivamente.

 

Postal Nadal.jpg

O Concello de Negreira difundiu nas súas RRSS (Facebook, Instagram e X), a mensaxe do Alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez, que en nome da Corporación Municipal de Negreira felicita o Nadal e deséxalles á veciñanza, amigos e visitantes, un próspero 2024.

 

No presente Nadal escolleuse unha imaxe do Pazo do Cotón, iluminado especialmente para estas festas.  

Cos mellores desexos, o Concello de Negreira deséxalles que teñan un Bo Nadal e un ventureiro ano 2024.

 

Dni.jpg

Comunícase á veciñanza que o luns, día 15 de xaneiro de 2024 terá lugar o primeiro desprazamento anual a Negreira, do equipo móbil da Policía Nacional para a expedición do Documento Nacional de Identidade electrónico (DNIe).

 

O lugar para a recepción dos cidadáns e a documentación necesaria, será a planta baixa do Centro Sociocultural, con acceso por A Restreva. O horario é de 09:00 a 12.30 horas. E a data de entrega do novo documento vai selo mércores, día 17 de xaneiro de 2024.

 

A veciñanza interesada pode anotarse ata completar o cupo existente, de aproximadamente 75 persoas, entre Negreira e A Baña, a partir do martes, día 2 de xaneiro, no número de teléfono: 981 885 250.

compostaxe_rrss_negreira.jpg

O CONCELLO DE NEGREIRA PROPORCIONARÁ, DE BALDE, COMPOSTEIROS E ASESORAMENTO PARA QUE, A VECIÑANZA QUE DISPÓN DUN PEQUENO TERREO, POIDA AUTOXESTIONAR OS RESIDUOS ORGÁNICOS QUE SE PRODUCEN NO FOGAR.

 

Os residuos orgánicos representan, aproximadamente, a metade dos residuos xerados nos fogares. A súa xestión supón un importante impacto, tanto a nivel medio ambiental como económico.

 

É por este motivo polo que, dende o Concello, anímase a toda aquela veciñanza que dispoña dun pequeno terreo, a autoxestionar os residuos orgánicos mediante a compostaxe doméstica. Grazas a ela, no só se reduce a pegada de carbono, senón que tamén se pon en valor un residuo, obtendo como resultado de forma sinxela un excelente abono.

 

Para beneficiarse da iniciativa simplemente hai que anotarse no concello (de forma presencial ou a través da web no enlace https://negreira.rsu.gal/ ). Unha vez completado o rexistro, organizarase unha xornada formativa na que se fará a entrega de todo o material necesario. A iniciativa tamén incluirá un seguimento ao longo do ano 2024.

 

Esta iniciativa conta coa financiación da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

DSC_0664.JPG

Segundo acordo do 24 de novembro de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, dende hoxe venres 29 de decembro sométese a información pública a solicitude da declaración de utilidade pública (DUP) modificada, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, do proxecto da infraestrutura de evacuación Banzas (antes: solución de evacuación conxunta dos PPEE Maragouto e Banzas), nos concellos de Outes, Negreira, Brión, Rois e Lousame (A Coruña) (expediente IN408A 2020/144).

 

O proxecto faise público para o coñecemento xeral, así como en particular, dos propietarios dos predios que figuran na relación anexa a este acordo, e das persoas que, sendo titulares de dereitos reais ou intereses económicos sobre os bens afectados, fosen omitidas, para que poidan examinar a documentación anteriormente relacionada e, de ser o caso, presentar as alegacións ou observacións que consideren oportunas dentro do prazo de quince (15) días, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia (DOG), do 28 de decembro de 2023, de conformidade co artigo 33.10 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

 

A documentación estará á disposición das persoas interesadas nas dependencias da Sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación (rúa Vicente Ferrer, nº 2, 2º andar, 15071 A Coruña, teléfonos 981 18 49 83 e 981 18 49 82), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas, así como na Casa do Concello de Outes, na Casa do Concello de Negreira, na Casa do Concello de Brión, na Casa do Concello de Rois e na Casa do Concello de Lousame (A Coruña). Ademais, tamén se poderá consultar no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación a través da seguinte ligazón:

 

https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramita…

imserso2024.jpg

Os Servizos Sociais do Concello de Negreira informan dos requisitos para participar no Programa de Termalismo Social do Imserso para a nova convocatoria.

 

Establécense dous prazos para a presentación de solicitudes:

 

Para participar no proceso de adxudicación de praza:

1.     Para as quendas dos meses de febreiro a agosto, ambos inclusive: ata o día 10 de xaneiro de 2024.

2.     Para as quendas dos meses de setembro a decembro: ata o día 15 de maio de 2024.

 

Para a súa inclusión na Lista de Espera de prazas, para cubrir as prazas que vaian quedando vacantes por renuncias ou outras circunstancias:

1.     Para as quendas dos meses de febreiro a agosto, ambos inclusive: ata o día 14 de maio de 2024.

2.     Para as quendas dos meses de setembro a decembro: ata o día 15 de novembro de 2024.

 

Sen prexuízo de que as persoas solicitantes poidan formular a súa solicitude nos prazos e termos establecidos anteriormente, coa finalidade de simplificar trámites, remitiranse comunicacións singulares a todas as persoas solicitantes que, reunindo os requisitos da convocatoria do ano anterior, os seus expedientes estean completos.

 

Máis información nos Servizos Sociais do Concello de Negreira.

Concello2

Con motivo da próxima celebración das Eleccións ao Parlamento de Galicia, que terán lugar o domingo, día 18 de febreiro de 2024, infórmase que procede a realización das tarefas necesarias para que o Censo Electoral se axuste á realidade, consonte ó disposto pola lexislación vixente.

 

A tal fin, se sinala como prazo de exposición pública das listaxes do Censo Electoral o comprendido entre os días 1 e 8 de xaneiro de 2024.

 

A consulta e eventual reclamación contra as referidas listaxes efectuaranse na Casa do Concello, de luns a venres, en horario de 09:00 horas ata 14:00 horas.

 

Para calquer aclaración ou información adicional sobre o particular, pódese comunicar telefónicamente cos números: 900 343 232 e 981 21 74 39.

 

Salón de plenos

Convocada a Corporación municipal de Negreira a unha sesión ordinaria do Pleno, a celebrarse o luns día 8 de xaneiro ás 8 da tarde, no Salón de Plenos da Casa do Concello.

 

A orde do do día será a seguinte:

- Primeiro.- Dar conta dos Decretos de Alcaldía emitidos dende o último Pleno Ordinario: do nº 313/2023 ó nº 384/2023, ambos inclusive.

- Segundo.- Avaliación do IV Plan de Igualdade de Oportunidades do Concello de Negreira (2019-2022).

- Terceiro.- Aprobación, se procede, do V Plan de Igualdade de Oportunidades do Concello de Negreira (2024-2027).

- Cuarto.- Modificación da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero e incorporación de novos membros.

- Quinto.- Convenio de colaboración para a xestión do Plan de Sustentabilidade turística nova experiencia enogastronómica e incremento da cota de mercado do destino Terras de Santiago no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea Next Generation EU.

- Sexto.- Expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito.

- Sétimo.- Plan anual normativo deste Concello de Negreira para 2024.

- Oitavo.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do Partido Popular relativo aos investimentos a incluir no POS + 2024 da Deputación Provincial da Coruña.

_ Noveno.- Rogos e Preguntas.