escolas-2021.jpg

Co ánimo de axudar ás familias durante a pandemia do coronavirus, e de cara a promocionar o deporte e a cultura; tomouse a decisión de non pasar ó cobro a segunda cota das Escolas Deportivas e Culturais Municipais neste segundo trimestre de 2021.

 

Deste xeito, todas as persoas que estean anotadas nas referidas actividades municipais non terán que facer fronte o segundo pago das actividades que se extenderán até o 29 de maio de 2021.

 

A Delegación de Cultura e Deportes, seguirá aplicando todos os protocolos preventivos marcados pola Xunta de Galicia, demostrando que son seguros e necesarios.

 

Conscientes dos beneficios destas actividades, o Concello de Negreira anima a toda a veciñanza a seguir facendo deporte, ben sexa ao aire libre, interior, ou realizando as actividades culturais que mais lle gusten, sempre con #sentidiño.

 

Bando-15-de-abril.jpg

O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, comunica á veciñanza os principais cambios nas restricións da pandemia sanitaria tralos últimos acordos do comité clínico que asesora á Xunta de Galicia e que foron tomados este pasado martes e que entran en vigor na medianoite do venres 16 de abril.

 

principal-obras.jpeg

Os traballos executados polo Concello de Negreira supuxeron un investimento de 192.000 euros para a construción dunha nova rede separativa de pluviais e saneamento e a reurbanización desta céntrica rúa, dentro do Plan de Humanización das principais rúas da vila, grazas á aportación con fondos do Plan Único da Deputación da Coruña. O seu presidente, Valentín González Formoso e mailo alcalde, Manuel Ángel Leis, supervisaron as obras completadas nas avenidas das Brañas e Barcala

 

Os traballos en Teresa Fabeiro, recentemente rematados, supuxeron un investimento de 191.906 euros, dos que o 80% (153.525 €) foron achegados pola Deputación e “servirán para evitar as inundacións que se producían cada inverno en sotos, garaxes e baixos comerciais e que afectaban a outras rúas adxacentes coma a rúa Rosalía de Castro ou a rúa de Castelao, así como para eliminar o retorno de augas fecais que afectaba ao CEIP O Coto debido ao exceso de caudal e a aos continuos atascos que se producían na anterior rede de saneamento”, segundo explicou o rexedor, quen agradeceu ao presidente que atendera esta antiga demanda da veciñanza.

 

Foto1obras.JPG

 

As obras consistiron na construción dunha nova rede separativa de pluviais, que discorre ao longo de toda a rúa polas dúas marxes e que está dimensionada para evitar a carga excesiva que colapsaba a antiga rede, sobre todo das escorrentías da praza das Brañas, facilitando un mellor rendemento da depuradora e beneficiando tanto aos veciños da zona coma as instalacións educativas. Os traballos incluiron tamén a reurbanización da zona, o reasfaltado da rúa e o pintado das marcas viais, pasos de peóns e demáis sinalética.

 

Melloras na vila e no rural

Valentín González e Manuel Ángel Leis visitaron tamén os traballos que pavimentación que acaban de rematar nas avenidas das Brañas e da Barcala, que supuxeron un investimento de 187.741, 51 euros financiados con cargo ao Plan Único (POS+2019). As obras permitiron renovar o firme destas céntricas rúas cunha capa de aglomerado en quente de 6 cm de espesor e rego de adherencia, o que mellora notablemente a seguridade do tráfico.

 

O alcalde de Negreira anunciou ademáis que a vindeira semana empezarán tamén as obra de pavimentación da avenida de Santiago, cun investimento de 150.000 euros incluido no POS+2020 e un prazo de execución dun mes. González Formoso destacou “a importante contribución que o Plan Único supón para mellorar os servizos e infraestruturas municipais”.

 

Foto2obras.JPG

 

Foto-PEL.png

A Deputación da Coruña, no marco do Plan de Emprego Local, ven de publicar as bases reguladoras do PEL-Reactiva: Programa Específico de Apoio á Hostalaría e Axencias de viaxes, consistente en axudas directas de 1.500 euros a microempresas e persoas traballadoras autónomas que cumpran, entre outros, os seguintes requisitos:

 

- Figuren dadas de alta no IAE, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2021, en calquera dos epígrafes das agrupacións 67 (bares e restaurantes), 68 (hospedaxe), Grupo 755 (axencias de viaxe) e epígrafe 969.1 (salas de festa e discotecas)

- Teñan o seu domicilio fiscal nun concello da provincia da Coruña con menos de 50.000 habitantes

- Non resultaran beneficiarias das axudas PEL-Reactiva: Fondo de financiamento para a reactivación económica e social da provincia da Coruña.

 

As bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP), nº 72 do día 20 de abril de 2021 ou a través da seguinte ligazón:

 

 

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o vindeiro 3 de maio, ás 08.00 horas e ata o esgotamento do crédito dispoñible, que é dun total de 9 millóns de euros.

 

As solicitudes presentaranse de xeito telemático, a través da aplicación SUBTeL: https://sede.dacoruna.gal/subtel/

 

Lembrámoslle que na web https://pel.gal/ e no facebook https://www.facebook.com/PlanEmpregoLocal pode consultar a información actualizada sobre as distintas liñas do Plan de Emprego Local.

 

Foto-doa.jpg

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) achega unha das súas unidades móbiles a Negreira, o venres día 30 de abril. Dita unidade permanecerá estacionada diante do Centro de Saúde, na rúa de Castelao, en horario de 16:00 a 21:00 horas.

 

Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar, agardar dúas horas. E se tes máis de 18 anos e pesas máis de 50 quilos, só precisas 10 minutos da túa vida para salvar a doutros.

 

Lembramos á cidadanía que é recomendable solicitar cita previa para doar, no número de teléfono: 900 100 828

 

#sumateaonosoequipo

 

fse-galicia.jpg

Dentro do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 "O FSE inviste no teu futuro", os Concellos de Negreira e de Val do Dubra, comparten unha Unidade de Atención Temperá Integral que ten coma obxectivo promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, a súa familia e contorna, co fin de facilitar a súa autonomía persoal e a dita inclusión.

 

presidente.jpg

A través dun expediente de modificación de crédito, achéganse 25 millóns de euros aos 64.600.000 € iniciais e inclúense tamén 200.000 euros para incrementar as políticas de igualdade. A Deputación da Coruña reforza así, o seu papel de principal garante dos concellos da provincia para superar esta etapa de crise económica derivada da pandemia sanitaria da covid-19.

 

Os concellos contarán así cun aumento dos fondos e verán incrementados os fondos que reciben a través do POS+ da Deputación da Coruña despois de que o pleno deste 30 de abril aprobara o modificativo de crédito polo que pasa a contar cun orzamento de de 89.600 €, ao sumar 25 millóns aos 64.600.000 € iniciais.

 

O Plan Único de Concellos deste ano 2021 xa incluía 14 millóns destinados a usos de carácter social para paliar as urxencias orixinadas pola crise provocada pola pandemia. No caso de Negreira, a Deputación vai destinar 313.731 euros a maiores para mellorar infraestructuras viarias na zona rural. Con este importe engadido, o Concello de Negreira suma unha achega total de 984.513,91 euros a través do Plan Único POS+ 2021.

 

No eido social, o Plan Único aporta a Negreira a cantidade de 175.689 euros para facer fronte ás necesidades de gasto social xa que se viu incrementado a consecuencia da crise.

 

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a utilidade do plan para mellorar as infarestructuras e servizos dos 93 municipios da provincia, así como para atender as necesidades no eido social derivadas da pandemia da Covid-19. "Con esta achega extraordinaria que aprobamos por unanimidade no pleno, o Plan Único alcanza de novo os 90 millóns de euros este ano, unha cifra moi importante que representa case a metade do orzamento anual da Deputación e que vai a axudar á recuperación económica da provincia e á creación de actividade económica e emprego", afirmou González Formoso.

Concello

A Corporación Municipal de Negreira celebrará o luns día 10 de maio, ás 20:00 horas, unha sesión do Pleno, con carácter ordinario, conforme á seguinte orde do día:

 

1º.- Aprobación, se procede, das actas seguintes:

- Acta da sesión extraordinaria de data 5 de xaneiro de 2021.

- Acta da sesión ordinaria de data 11 de xaneiro de 2021.

- Acta da sesión extraordinaria de data 1 de febreiro de 2021.

- Acta da sesión ordinaria de data 8 de marzo de 2021.

 

2º.- Dar conta dos Decretos de Alcaldía emitidos dende o último Pleno Ordinario: do nº 33/2021 ó nº 76/2021, ambos inclusive.

 

3º.- Convalidación, se procede, do Convenio de colaboración, de data 26 de febreiro de 2021, entre os concellos de Negreira, A Baña, Santa Comba e Val do Dubra para a solicitude conxunta dunha subvención á Xunta de Galicia para a realización dun Obradoiro de Emprego denominado “Obradoiro Xuventude 2021”

 

4º.- Convalidación, se procede, do Convenio de colaboración, de data 26 de febreiro de 2021, entre os concellos de Negreira, A Baña, Santa Comba e Val do Dubra para a solicitude conxunta dunha subvención á Xunta de Galicia para a realización dun Obradoiro de Emprego denominado “Obradoiro Promoción 2021”.

 

5º.- Aprobación provisional, se procede, da modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación do subsolo, solo e voo da vía pública.

 

6º.- Aprobación provisional, se procede, da modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola ocupación de terreos de uso público local con mercadorías, materiais de construcción, cascallos, valados, puntais, cabaletes, andamios e outras construccións análogas.

 

7º.- Aprobación provisional, se procede, da modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa polas instalacións e actividades publicitarias.

 

8º.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE sobre a memoria das persoas vítimas da represión franquista.

 

9º.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE relativo ao Programa piloto de prevención da ludopatía nos Centros Escolares da provincia.

 

10º.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE en relación co proceso de vacinación do persoal dos Centros Educativos Públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

11º.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do P.P. en relación ao arranxo das aulas da Escola Municipal de Música.

 

12º.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do P.P relativa á modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa por recollida de lixos.

 

13º.-Toma de coñecemento da renuncia ao cargo presentada pola Concelleira dona María González Gómez.

 

14º.- Rogos e Preguntas.

 

Foto trampas.jpeg

 

- O Concello de Negreira acaba de adquirir 200 trampas para a loita contra a praga da vespa velutina e instalar en zonas transitadas do municipio, en puntos estratéxicos para atrapar as raiñas das avespas velutinas. Así mesmo, poñera a disposición da veciñanza o resto de trampas, para o seu uso, e así exercer un maior control desta praga.

 

As trampas poderanse solicitar no número de teléfono 664 074 674, do Servizo de Voluntariado do Concello, dende as 9:00 ata as 15:00 horas, de luns a venres. Terán a opción de solicitar un máximo de 2 trampas por casa, e serán entregadas polos voluntarios de Protección Civil, levando un seguimento das mesmas cada 15 días, así como unha explicación das nocións básicas no momento da súa entrega. Poderánse pedir ata o esgotamento das trampas, e sempre por orde de reserva.

 

FOTO 2.jpeg

 

Esta é unha nova medida impulsada pola Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Negreira, en colaboración coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, que cada ano aspira a reforzar a preparación e formación dos seus voluntarios e voluntarias, unha de tantas medidas que están destinadas a velar polas necesidades máis demandadas pola nosa veciñanza.

Muro de pedra no Busto1

 

Superadas con éxito as dificultades que supoñen os inicios dos proxectos, ambas as especialidades do Programa de emprego Mocidade 2020 van desenvolvendo as actuacións previstas favorablemente con avances importantes nos catro concellos involucrados.
Durante o mes de xaneiro de 2021, a especialidade de Fábricas de albanelería rematou as obras do baixo da cuberta do Centro Social e da Terceira Idade de San Vicenzo, na Baña, consistente no revestido á man de 150 m2 con morteiro branco e 20 m2 de piso nivelado e fratasado. En febreiro actuou en Bembibre, coa ampliación da Biblioteca municipal de Val do Dubra, onde se fixo unha demolición de tabiques e un novo tabicado e revestido, reparouse o falso teito e o rodapé e colocáronse novas plaquetas e tapaxuntas.

 

Xa nos meses de marzo e abril, correspondeulle a Santa Comba con dúas actuacións no Busto. Por un lado, fixeron un muro de bloques na escola infantil de 30m de longo e unha media de 0,70m de altura xunto coa colocación de postes e malla, o que lle proporciona maior seguridade para os nenos e nenas. Por outro, na área recreativa do Busto construíron un muro de pedra a dúas caras vistas de 25m de longo, 0,50m de ancho e unha media de 1m de alto coa correspondente colocación dos postes e malla electrosoldada para peches, que ofrece melloras nun espazo natural, integrado no ambiente para o ocio e lecer da veciñanza.

FOTO 1.jpg


Con estas actuacións o alumnado traballador de Fábricas de albanelería puxo en práctica unha parte importante das unidades de competencia que configuran o certificado de profesionalidade, como son: Elaborar pastas, morteiros, adhesivos e formigóns; Construír fábricas para revestir e Construír fábricas vistas. Así, xa son quen de organizar e realizar obras de fábrica de albanelería de ladrillo, bloque e pedra (muros resistentes, cerramentos e particións), seguindo as directrices especificadas na documentación técnica e as prescricións establecidas en materia de seguridade e calidade. O grupo, formado por 4 mozos e 4 mozas de menos de 30 anos, vaise especializando na elaboración de morteiros e pastas de xeso, cemento e cal, tanto con medios manuais como mecánicos, para executar os traballos de albanelería e revestimento. Do mesmo xeito, elabora formigóns tanto con medios manuais como mecánicos para executar obras de construción, seguindo a composición e dosificación fixada e opera correctamente cos materiais e cos equipos de traballo (máquinas, ferramentas, útiles e equipos de protección individual) necesarios para lograr o rendemento e calidade requiridos.


A especialidade de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería segue a aumentar a produción de planta e flor no invernadoiro, xunto co xardín comestible nos bancais da Baña, que actúa como base ou sede do viveiro principal para os catro concellos participantes. Nos primeiros meses do ano, rotou por todos eles e encargouse principalmente de labores de poda, poda en altura e de acondicionar os peches vexetais e rozas dos lugares que así o esixían.


Un labor importante desta especialidade foi a plantación de máis de 100 árbores froiteiras en diferentes zonas, para converter os espazos públicos en lugares vivos e ricos, que non só conten con especies ornamentais senón tamén con alimentos saudables e accesibles para toda a poboación. Dotáronse con estas plantacións de froiteiras, moitas delas autóctonas, aos catro concellos; en Negreira, no Parque do Coto, en Pedra Mámoa, na avenida das Brañas e en Portor; na Baña, nas áreas recreativas de Chans, na da Chousa (en Lañas) e na de Fiopáns, xunto co propio terreo base da rúa Tedelle; en Santa Comba, na zona do Museo Casa do Pozo e na piscina municipal descuberta; e en Val do Dubra, na área recreativa de Bembibre.

Foto 2


A parte que pon a nota de cor no seu traballo, despois do éxito da actuación feita diante do Centro de Saúde, pode verse na modificación substancial na entrada de Negreira pola avenida de Santiago, que lle outorga unha nova imaxe. Ao igual que pode verse o importante traballo feito polo grupo no concello de Santa Comba, tanto diante da casa consistorial con parterres renovados con deseños do propio alumnado traballador, como no multiúsos cunha rocalla feita a partir de material reciclado en gran parte ou nas rotondas das inmediacións da casa da cultura e da policía local, en fase de renovación durante esta tempada.


No Programa de emprego Mocidade 2020 contamos coa colaboración doutros axentes para complementar os contidos teóricos e prácticos de ambas as especialidades. Así, no mes de febreiro, un técnico da Oficina Comarcal Agraria de Negreira acode ao noso centro para explicarlle ao equipo de AGAO0108 cales son as liñas de actuación e falarlle das axudas á incorporación de persoas mozas á actividade agraria que existen. Tamén se achegou persoal do Servizo de Orientación Laboral e do CIM de Negreira para darlles outra visión da formación complementaria para a busca de emprego ou en materia de igualdade de oportunidades.


Ambos os grupos realizaron visitas formativas; como exemplos, no viveiro O Forno de Valga (Pontevedra) explicáronlles os sistemas de rega, características e utilización xunto cos tipos de substratos empregados para facer sementeiros e técnicas de cultivo; no viveiro O Pomariño na Capela (A Coruña) puideron descubrir as variedades de froiteiras autóctonas, coidados, podas etc.

 


Formación

No mes de abril, a especialidade de AGAO0108, a docente e a directora fan tamén unha visita formativa ao Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude (Boqueixón) coa que se complementaron os contidos tanto teóricos como prácticos do certificado de profesionalidade en materia de carné de aplicación de fitosanitarios grazas a un dos seus docentes que lles explicou métodos de control fitosanitario, produtos, medidas preventivas e de protección, maquinaria específica de tratamentos, aplicación e doses así como boas prácticas ambientais no seu uso.


A especialidade de Fábricas de albanelería, xunto co docente e a directora visitaron en Santiago de Compostela os exteriores da zona de Santa Isabel, o tramo recuperado do río Sar na contorna do hospital provincial coñecido como o Banquete de Conxo, os arredores da Cidade da Cultura e o Monte Viso, para ver finalizados muros de dúas caras, muros de pedra, mampostos, empedrados en tipo chapacuña tanto en edificación civil como en pública, para complementar o certificado de profesionalidade.
De novo, dende a dirección do Programa de emprego Mocidade 2020 queren agradecer o importante apoio que reciben das brigadas dos concellos participantes, do servizo de mantemento de iluminación pública da Mancomunidade de Concellos do Tambre e de Protección Civil, pois sempre están para botar unha man.


O Programa de emprego Mocidade 2020 está subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanciado pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo, Programa Operativo de Emprego Xuvenil.

 

GALERÍA DE IMAXES

 

Ampliacion da biblioteca municipal. Val do Dubra2 1
Avda de Santiago. Evolucion
Avda de Santiago. Final
Baixo cuberta do centro social e da terceira idade da Bana
Baixo cuberta do centro social e da terceira idade da Bana2
Bancais co xardin comestible da Bana
Muro de pedra no Busto2
Muro na escola do Busto1 1
Plantacion de froiteiras
Poda en altura na area recreativa da Chousa
Praza do Concello de Santa Comba
Praza do Concello de Santa Comba. Final
Rocalla no multiusos Santa Comba
Sementeiros no invernadoiro