logo_apego4.jpg

Logo de que na primavera se adherisen ao programa Apego os concellos da Coruña, Ames, Mazaricos, Moaña, Muros, Oleiros, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, Teo e Vimianzo, chega agora o momento no que comezan a traballar na súa aplicación coas familias interesadas en incorporar o galego á crianza das súas fillas e fillos nos respectivos municipios.

 

Estes once concellos súmanse aos doce que puxeron en marcha a iniciativa en 2015 (Negreira, A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago e Vigo) co impulso inicial da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). Grazas a esta colaboración intermunicipal, a poboación atinxida polo programa Apego supera xa o millón de habitantes.

 

O programa procura aumentar a porcentaxe de nenos e nenas que reciben o galego desde o berce e arroupar o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Dentro das accións que se realizan, a máis coñecida xa é a entrega de cadansúa caixa con información e recursos en galego ás familias que acceden a formar parte da comunidade do programa. A partir desa adhesión, reciben periodicamente información e propostas para que os seus fillos e fillas se acheguen á lingua e á cultura galegas con naturalidade desde as primeiras idades. Para lograr isto, ademais dos espazos na rede onde se facilitan recursos (www.apego.gal e www.facebook.com/apego.gal), varios concellos publican materiais específicos para divulgar a oferta de actividade infantil e tamén reforzan a programación con convocatorias nas que as nenas e nenos poden gozar, aprender e relacionarse na nosa lingua.

 

Grazas ao medre do proxecto, coas novas incorporacións, Apego está xa producindo novos recursos, nesta ocasión materiais audiovisuais para a súa difusión nas redes. Trátase de pezas de vídeo para transmitir os obxectivos do proxecto, explicarlles o funcionamento ás persoas que desexen sumarse e divulgar de xeito atractivo algúns contidos que, ben seguro, as nais e pais han considerar útiles (unha canción para ir durmir composta especialmente para este proxecto, xogos de dedos, os sons dos animais, as cores, as froitas, como atar os cordóns...). A distribución destes materiais farase a partir da canle en Youtube do proxecto Apego e tamén das súas redes sociais.

 

O Apego mantense desde os Servizos de Normalización dos concellos participantes, a onde se poden dirixir as persoas que desexen máis información ou sumarse á comunidade de usuarias.

industria2.jpg

Hoxe venres 30 de setembro un total de 20 alumnas e alumnos comezan o Obradoiro de Emprego Barcala – Dubra II, no que tomarán clases durante 6 meses. O alumnado procedente dos concellos de Negreira, A Baña e Val do Dubra divídese a partes iguais nos módulos de operacións de revestimentos e construción e de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización.

 

Os participantes levarán a cabo unha serie de melloras nos tres concellos como parte práctica formativa do programa. En Negreira procederán ó formigonado impreso na rúa do Parque do Coto e na parte traseira do Pavillón de Pedra Mámoa, á reforma Interior na Escola Unitaria de Aro e á mellora da Fachada do Instituto Vello.

 

En Val do Dubra repararán as beirarrúas en Bembibre, Rial e Portomouro e farán a reforma interior e a mellora da fachada da Casa Escola de Coucieiro; e na Baña a renovación das beirarrúas en Ceilán e a pavimentación de accesos á vivenda comunitaria de San Mamede.

 

Ademais da instrución dentro dos módulos, o alumnado recibirá formación de alfabetización informática, sensibilización ambiental, prevención de riscos laborais e clases para poder obter o título de Educación Secundaria Obrigatoria ou das competencias clave.

seaga3.jpg

O pasado día 30 de setembro, foi publicado no DOG o anuncio de "Apertura de Listas de Contratación Temporal e Actualización de Méritos" para as listas de SEAGA (Empresa Pública de Servicios Agrarios Galegos). 

 

Para solicitude e consulta de Bases da Convocatoria, podedes entrar no seguinte enlace: http://www.epseaga.com/ofertas_emprego.php 

 

Si se precisa axuda para cumplimentar a documentación, podese solicitar no Servizo Local de Emprego de Negreira. 

punto_de_atencion_peregrinos.jpg

En setembro foron 1.595 os peregrinos que se achegaron ata a Caseta de Información que o Concello ten instalada na avenida de Santiago, e que debido á afluencia rexistrada decidiuse prorrogar a súa apertura ata o vindeiro día 15 de outubro.

 

Os peregrinos nacionais cun 35,55% foron os máis que máis solicitaron o servizo, cun total de 565, seguidos dos alemáns con 206 (12,96%), os italianos 169 (10,63%), e na cuarta posición están os que procedían de México, un total de 120. O quinto posto das nacionalidades que máis demandaron o servizo está compretado polos franceses con 102 peregrinos.

 

Por franxas de idades, os de 35-60 anos foron 652 (41%), seguidos dos de 18 a 35 anos con 528, e os maiores de sesenta anos cun total de 375 (23,6%). 

 

De todo o mes de setembro, a xornada de maior demanda do servizo foi a do sábado 10 de setembro con 144 peregrinos e o luns día 12 con 97. Do total, máis do 97% era a primeira vez que facían o Camiño de Fisterra, cun total de 1.551 persoas.

 

Un 88% chegou a Negreira a pé, e o 5% en bicicleta. En canto á motivación, o espiritual lévase a palma con 622 (39%), seguido do relixioso con 340 (21%), deporte 186 e por motivos culturais 184, por 165 que dixeron facelo por turismo. 

futsala2.png

 

O vindeiro xoves 6 de outubro remata o prazo de inscrición da Liga de Fútbol sala do Concello de Negreira 2016/17. Esta tempada agárdase unha gran competición con novos equipos e retos.

 

Para este ano mantense as mesmas condicións do ano pasado:

 

1.- Categoría para xogadores Sénior (maiores de 16 anos)

En caso de ser menores de idade deberán presentar unha autorización dos seus pais, para poder disputar a liga.

 

2.- Poderán participar todos os equipos, sexan federados ou non e do Concello de Negreira ou de fora del.

 

3.- A inscrición deberán formalizala na oficina de Cultura e Deportes do Concello de Negreira ata o 6 de outubro de 2016.

 

4.- Os equipos deberán entregar a folla de inscrición que contará cun máximo de 12 xogadores, e deberán abonar a cota de inscrición na seguinte conta:

Abanca /  ES33 2008-0305-01-3110000021

 

5.- A reunión terá lugar o venres 7 de outubro no Telecentro da Casa da Cultura as 21:00 h. Nesta reunión os equipos entregarán a ficha de inscrición debidamente cuberta e darase a primeira xornada de liga.

 

6.- Os partidos disputaranse os luns, martes, mércores e xoves, xogándose tres partidos cada día: as 21.00 h., 21:45 h. e 22:30 h. 

 

7.- A competición iniciarase o luns 17 de outubro.

 

O teléfono de información é o 981 885 886. Tamén se pode enviar un correo electrónico a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

 

itv3.jpg

Comunicamos que a Unidade Móbil de Inspección Técnica de Ciclomotores desplazarase ao noso concello, o martes día 8 de novembro, quedando instalada no Campo da Feira, en horario de 9:00 a 13:30 horas da mañá.

 

Para solicitar cita previa:

- Por teléfono: 902 30 90 00

- A través da web: http://www.sycitv.com/gl/ (apartado de cita previa)

luminarias.jpg

O Concello vén de compretar a mellora da eficiencia enerxética no alumado público de toda a rúa Rosalía de Castro e maila primeira parte de Teresa Fabeiro mediante un proxecto cun investimento de 70.000 euros, cuxa meirande parte dos fondos son financiados con cargo ás axudas que concede o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Industria.

 

Os traballos consistiron no cambio das antigas luminarias de ferro fundido por uns novos soportes a maior altura e que trasladan a iluminación sobre a propia rúa e beirarrúas, limitando a contaminación lumínica e, mellorando a luz, co conseguinte aforro enerxético para as arcas municipais.

 

A execución do proxecto foi contratada á empresa Técnicas Enerxéticas Integrales Galicia S.L.

cantina.jpg

O Concello está a executar as obras de ampliación e mellora do servizo de cantina no campo de fútbol municipal de Cepelo, trala demanda da Sección de fútbol base da Sociedade Deportiva Negreira para aumentar a zona cuberta onde resgardarse do mal tempo, á vez que gaña a cantina en espazo habilitado para colocar mesas e cadeiras. 

 

carreira2016.jpg

A trixésimo sétima edición da Carreira Popular de Negreira conta xa con máis dun cento de participantes inscritos nas súas cinco probas a disputarse o domingo 13 de novembro. Para os corredores da proba absoluta de 10.000 metros segue o prezo reducido de inscrición ata o vindeiro día 31 de outubro con seis euros. Do 1 ao 10 de novembro que é cando se precha a mesma, o prezo será de 9 euros. 

 

Para o resto de probas dende a Infantil, Cadete e Xuvenil ata Chupetes, a inscrición é de balde, e pódese rexistrar a través da web concellodenegreira.gal.  

 

Entre os servizos dos que disporán os atletas da carreira absoluta destacan os caixóns de saída por marcas (dorsais por cores), tres globos de lebres (40´-45´-50´), ademáis de servizo de cronometraxe por chip, bolsa do corredor que inclúe camiseta técnica, bebida, barrita enerxética e batido, así como servizo de gardaroupa, de duchas e fisioterapia, xunto con tres avituallamentos, dous líquidos nos quilómetros 5 e 8 e sólido e líquido na liña de meta. 

 

Deixámosvos o mapa compreto da XXXVII Carreira Popular elaborado pola organización e onde se recollen os quilómetros e puntos de avituallamento, lugares de recollida de dorsais e percorrido ao circuito de 5 quilómetros ó cal haberá que cubrir en dúas voltas.

 

emprego_oferta.jpg

Precísase un condutor de autobús con experiencia en transporte escolar e con coñecemento da zona de Santa Comba e arredores. 

Dispoñibilidade para traballar 2 horas ao día de luns a venres.

Imprescindible experiencia demostrable de alomenos 2 anos en posto similar ao ofertado, estar en posesión do CAP e tarxeta de tacógrafo dixital.

Ofrécese contrato por obra ou servizo ata finalización do curso escolar.

Salario según convenio (8,69 € brutos/hora)

 

Interesados dirixirse ao Servizo Local de Emprego do Concello de Negreira.