fundacion270917.jpg

O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, na súa condición de presidente do Padroado da Fundación de Discapacitados psíquicos de Barcala, e Filomena Casal Gómez, coma presidenta do Padroado da Fundación María Esperanza Rubido Romero, xunto coa presenza do alcalde de A Baña, José Andrés García Cardeso, en calidade de vogal do Padroado da Fundación María Esperanza Rubido Romero, asinaron hoxe na Casa do Concello, o convenio de colaboración polo que a segunda outorga á primeira, unha subvención de 10.000 euros para o desenvolvemento do Programa de mellora do benestar persoal e social. As actividades desenvolveranse durante o ano 2017.

 

A Fundación María Esperanza Rubido Romero ten por obxeto, entre outras, promove-la plena integración escolar, laboral e social das persoas máis desfavorecidas, ademáis de promover actitudes sociais positivas cara as persoas con discapacidade, a través do desenvolvemento de programas e actividades, dirixidos especificamente á atención da infancia e xuventude, ou a calquera outro colectivo en risco de exclusión social.

 

O programa de mellora do benestar persoal e social entre os usuarios/as da Fundación de Discapacitados psíquicos de Barcala ofrece actividades para o desenvolvemento das habilidades sociais e de vida no fogar, fomentando a participación na comunidade e integración social dos propios usuarios do seu centro ocupacional. 

futsal_07_08.jpg

Dende o día 3 ata o 18 de outubro está aberto o prazo de inscrición da Liga de Fútbol sala do Concello de Negreira 2016/17.Unha tempada no que se espera haxa unha gran competición con novos equipos e novos retos.

 

Para este ano mantense as mesmas condicións do ano pasado que se indica a continuación:

 

1.- Categoría para xogadores Senior (maiores de 16 anos)

En caso de ser menores de idade deberán presentar unha autorización dos seus pais, para poder disputar a liga.

 

2.- Poderán participar todos os equipos, sexan federados ou non e do Concello de Negreira ou de fora del.

 

3.- A inscrición deberán formalizala na oficina de Cultura e Deportes do Concello de Negreira ata o 18 de outubro de 2017.

 

4.- O prezo para poder participar na Liga é de 270 € + 38 €/xogador (Seguro Obrigatorio)

 

4.- Os equipos deberán entregar a  folla de inscrición que contará cun máximo de 12 xogadores, e deberán aboar a cota de inscrición na seguinte conta: Abanca /  ES33 2008-0305-01-3110000021

 

5.- A reunión terá lugar o xoves 19 de outubro no Telecentro da Casa da Cultura as 21:00 h. nesta reunión os equipos entregarán a ficha de inscrición debidamente cuberta e darase a primeira xornada de liga.

 

6.- Os partidos disputaranse os luns, mércores, xoves e venres, xogándose tres partidos cada día: as 21.00 h., 21:45 h. e 22:30 h. 

 

7.- A competición iniciarase o luns 30 de outubro.

 

O teléfono de información é o 981 885 886 tamén podes enviar un correo electrónico a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

 

monologos_041017.jpg

Este venres arrinca a quinta edición do Ciclo de Monólogos. Durante os catro venres do mes de outubro pasarán polo escenario do Auditorio de Negreira, algúns dos mellores monologuistas do panorama galego: Lois Pérez (venres 6); Pepo Suevos (venres 13); Xosé A. Touriñán (venres 20), e Pedro Brandaríz (venres 27).

 

Tódalas funcións serán ás 21:30 horas e con entrada xeral a 5 euros, agás nas funcións de Xosé A. Touriñán, as cales custarán 10 euros. A retirada de entradas pódese efectuar a partir dos lúns anteriores a cada función, na Delegación de Cultura, na primeira planta da Casa da Cultura, en horario de mañá.

 

O 5º Ciclo de Monólogos de Negreira comeza este venres con Lois Pérez, un contrabandista de historias e narrador oral, humorista, cronista de rock and roll, poeta e dramaturgo. Comezou a contar subido a unha caixa de cervexas e actuou en escolas de idiomas, institutos e universidades, presentacións de novelas, teatros, bares, cárceres, museos, feiras do libro e demáis antros de perdición e desenfreo.

 

Presenta Lois Pérez en Negreira, a súa proposta Historia da fronteira, que ten un pé no humor e outro na tradición oral, pero tamén na gargallada, na literatura e nas historias da Raia mollada (e da seca). 

 

barco4.jpg

A exposición “Xigantes: Os petroleiros de Astano 1964-1982”, organizada cos fondos expositivos da Fundación Exponav de Ferrol, pódese visitar ata o 29 de outubro, na sala de exposicións do Centro Sociocultural.

 

Esta mostra itinerante, auspiciada pola Deputación da Coruña, pretende da r a coñecer a importancia que ten o Museo da Construción Naval, o máis importante de España no seu ámbito, así como recuperar os anos dourados dos asteleiros ferroláns, repasando a través de maquetas, paneis, pezas, documentos e material audiovisual, algúns dos grandes fitos da  construción naval realizados en Astano entre 1964 e 1982.

 

barco1.jpg

 

A exposición permite ao público coñecer en profundidade cómo foi o proceso de construción dos grandes buques petroleiros que forman parte da historia naval da comarca de Ferrol como o Al Andalus, Texaco, Arteaga, Carthagonova, Mónica María ou o Ocean Park. Xigantes de aceiro , algúns deles con máis de 300 metros de eslora, contruídos por encargo dalgunhas das principais compañías petroleiras de transporte marítimo do mundo no momento de maior esplendor da construción naval da nosa provincia, que convertiu á comarca ferrolana nun punto de referencia industrial do país.

 

Unha mostra de grandes dimensións

 

Dadas as grandes dimensións da mostra orixinal, que xa se exhibiu na sede de Exponav e en Fene, disporase un mínimo de paneis que se exhibirán en todos os concellos que participan no ciclo e unha serie de paneis complementarios que se habilitarán só naqueles recintos que conten con maior espazo expositivo.

 

barco2.jpg

Pepo1.jpg

Este venres chega ao 5º Ciclo de Monólogos de Negreira, Pepo Suevos, un tipo con máis dun milleiro de monólogos as súas costas, dígase un ¨animal¨ do humor en directo, dispostos a arrasar o escenario que colla por diante.

 

Pepo Suevos, é ademais de monologuista, un fantástico actor, animador, dobrador, guionista e incluso locutor de radio, que ten participado en proxectos a nivel estatal como Piratas ou Aquí paz y después gloria, a serie protagonizada por Antonio Resines. En Galicia, formou parte do elenco de actores de series como a mítica Mareas vivas, e outras de éxito como Terras de Miranda, Caseiros, Pazo de familia, ou mesmo a exitosa Matalobos. Actualmente, xira por todo o país coa peza teatral O Tolleiro de Inishmaan.

 

pepo2.jpg

 

Este polifacético actor, monologuista e animador, contanos historias do día a día, moitas veces baseadas en vivencias propias e, outras veces, mesmo inventadas, polo que este venres 13 agárdanos unha hora de gargalladas aseguradas e reflexións que farán que o público pase unha noite de moito humor.

 

As entradas pódense retirar polas mañás, na Delegación de Cultura, ou o mesmo venres dende unha hora antes da función que comeza ás 21:30 horas, na billeteira do Centro Sociocultural.

itvmotos181017.jpg

A unidade móbil número 7 para a inspección técnica de ciclomotores visitará o noso concello, o venres día 10 de novembro, en horario de 9:00 a 13:30 horas, de cara a realizar devanditas inspeccións técnicas entre motos, quads e ciclomotores, cuxos propietarios poderán solicitar a cita previa con anterioridade:

 

 * Por teléfono: 902 30 90 00

 * A través da web: www.sycitv.com (cita previa)

 

Dita unidade móbil para a ITV de ciclomotores permanecerá estacionada no Campo dá feira. 

bolechas 1.JPG

A sexta edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes, que lles leva aos concellos que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística, novas propostas para gozar do tempo de lecer en galego, entre as que salientamos a visita este domingo a Negreira, do espectáculo: ¨Os Bolechas. De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas.

 

Os seis irmáns Bolechas e o seu can Chispa non podían faltar á súa cita co FalaRedes. Este outono percorren 21 entidades da Rede de Dinamización Lingüística, cunha actividade familiar e participativa. En Negreira, a cita é este domingo 22 a partir das 13:00 horas, no Auditorio do Centro Sociocultural.

 

bolechas 2.JPG

 

Tatá, Sonia, Braulio, Loli, Pili e Carlos están facendo o Camiño de Santiago e paran na pensión de Eustaquio acompañados do seu can Chispa. Eustaquio acepta darlles aloxamento a cambio de que xoguen con el a un peculiar xogo da oca que os obrigará a superar, coa axuda e participación do público, diferentes probas de habilidade física e de coñecementos culturais sobre Galicia adaptados a rapaces de 4 a 10 anos. Cultura, xeografía, gastronomía, tradicións…e todo, ten cabida nesta divertida iniciativa para que os nenos e nenas aprendan e se divirtan en galego, a lingua que sempre falan Os Bolechas.

 

Durante a actividade, o público coñecerá unha palabra máxica que lle permitirá acceder ao web dos Bolechas para seguir xogando e aprendendo e mais para conseguir ata 20 lotes dos seus libros.

touri2.jpg

Dúas funcións no mesmo día é algo que non ocorre a miúdo, pero se alguen podía facelo, ese non é outro que Xosé Antonio Touriñán, co seu monólogo ¨Manolo Lojo¨, co que visita o Auditorio do Centro Sociocultural, este venres, ás 21:30 e 23:00 horas, respeitivamente, logo de esgotar as entradas para a primeira función en tempo récord, en menos de unha  hora cando se puseron á venda o pasado luns 16. Isto fixo que dende o Concello de Negreira propuxésese un segundo pase a Touriñán, algo que aceptou.

 

Actor e humorista, a Touriñán todo o mundo o recoñece como Mucha, do dúo As Cantareiras de Ardebullo que formou co seu amigo Marcos Pereiro. Pero daqueles primeiros tempos, a súa carreira foi fraguándose con papeis de actor en series de Televisión de Galicia como Padre Casares, ou espazos e programas de humor como Air Galicia e Tourilandia, ao tempo que levaba o seu humor por toda Galicia co ciclo de monólogos de R e con Manolo Lojo.

 

Na actualidade, o seu traballo máis recoñecido é no programa Land Róber Tunai Show, que compaxina co seu papel do taberneiro Puskas, na comedia familia Era visto. Tamén interpretou a Sati, do monólogo do imbécil, e xirou por todo o noso país co espectáculo cómico Curtis & Teixeiro, xunto co seu amigo e actor, Federico Pérez.

Portor.jpg

O Concello de Negreira informa que ante a recente posta en servizo da rede municipal de abastecemento de auga potable dende os depósitos municipais, cara a parroquia de Portor, faise saber que os veciños e veciñas dos lugares de Portor, Piñeiro, Rebordáns e Saleiróns, xa poden facer uso da mesma, para o cal deberán pasar polas oficinas do Servizo Municipal de Augas.

 

Dirección: Rúa de Castelao, nº 12, baixo.

 

Horario: Luns, martes, mércores e venres, de 9:00 a 14:00 horas, e os xoves de 9:00 a 10:30 horas.

 

Para calquera consulta, a veciñanza da parroquia de Portor pode poñerse en contacto co Servizo Municipal de Augas nos seguintes números de teléfono: 626 986 941, ou no 981 881 569.

conc_cont_violencia_07.png

A presente convocatoria ten por obxecto a concesión dos premios do VII Concurso de relatos curtos e carteis gráficos “Loita contra a violencia de xénero ”, organizado polo Concello de Negreira a través do Centro de Información á Muller (CIM) co fin de sensibilizar á  poboación sobor desta lacra social.

 

BASES DE PARTICIPACIÓN

 

1ª.Poderán participar tódalas persoas menores de 18 anos. 

                                                           

2ª.Os traballos presentados deberán ser entregados no Centro de Información á Muller no Concello de Negreira, nun sobre pechado. Deberá constar un número de teléfono de contacto e en ningún caso deberá aparecer o nome da persoa participante. A identificación da  persoa levarase a cabo mediante o uso dun pseudónimo.

 

3ª.O concurso constará de dúas modalidades: relato curto e cartel gráfico. A temática a que deben axustarse os traballos é a Loita contra a Violencia de Xénero en tódalas súas manifestacións: física, psicolóxica, sexual, económica, estructural… así como os efectos e consecuencias da mesma en tódalas persoas que a sofren.

 

4ª.Os traballos presentaranse en galego ou castelán. No caso dos relatos terán como extensión máxima 5 folios (DIN-A4).

 

5ª.Tódolos traballos que se presenten deberán ser orixinais, inéditos e non presentados en anteriores concursos neste ou noutro concello. De non ser así, quedarán inmediatamente excluídos do concurso.

 

6ª.Os criterios de valoración para elixir ós traballos premiados serán os seguintes: contido e tratamento do tema, orixinalidade, expresión e presentación en xeral.

 

7ª. O prazo para a presentación dos traballos é do 20 de outubro  ó 20  de novembro de 2017.

 

8ª.Os traballos orixinais quedarán en poder do CIM de Negreira que se reserva o dereito para a súa publicación, exposición, doazón ou calquera outro uso posterior, sempre sen ánimo de lucro.

 

9ª.Entre tódolos traballos recibidos un xurado independente seleccionará os gañadores de cada modalidade e concederá os seguintes agasallos :

                -Premio ó mellor relato curto: vale regalo por importe de 100 Euros a utilizar nunha tenda da vila.

                -Premio ó mellor cartel gráfico: vale regalo por importe de 100 Euros a utilizar nunha tenda da vila.

 

10ª. A entrega de premios levárase a cabo o vindeiro 25 de Novembro ao remate da andaina: “Negreira camiña contra a violencia de xénero ”. A organización contactará previamente cos premiados por teléfono para que asistan ó  acto de entrega a recoller o seu agasallo en persoa. De non poder facelo, designará previamente a un sustituto que o fará no seu nome.

 

11ª.Os traballos gañadores poderán divulgarse a través dos medios de comunicación locais.

 

12ª.As persoas participantes serán as únicas responsables do contido respetando as esixencias legais de dereitos, de autoría ou plaxio, segundo as leis vixentes.

 

13ª.Tódolos participantes están obrigados a cumprir estas bases. Calquera outra circunstancia non prevista nas mesmas, será resolta polo xurado e as súas decisións serán inapelables.