O Concello de Negreira informa que por Decretos de Alcaldía nº 37/2016 e nº 38/2016, de data, ámbolos dous, do día 2 de febreiro de 2016, aprobáronse as Bases para a formación de listaxes de agarda para a sustitución do persoal laboral temporal seguinte:

- Traballador/a social

- Auxiliar de fogar

O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días hábiles, a contar desde o mércores 10 de febreiro, no Rexistro Xeral da Casa do Concello, na rúa do Carme 3.

O contido íntegro das referidas Bases atópase a disposición dos interesados/as na Secretaría municipal.

Entroido.jpg

Negreira acolleu este Luns de Entroido, o seu tradicional concurso de disfraces infantil, celebrado no Auditorio municipal cunha participación dun cento de nenos e nenas que fixeron as delicias dos alí presentes. E dende a Delegación de Cultura lémbrase que segue aberta até o xoves 18 de febreiro, a inscrición para participar no Gran desfile de carrozas e comparsas do Entroido barcalés, ca celebrarase o sábado 20 de febreiro, a partir das cinco da tarde, partindo o desfile dende o campo dá feira.

Este foi o resultado final do xurado para as dúas categorías segundo idades, cuxos premios foron entregados polo alcalde, Jorge Tuñas Caamaño; a concelleira de Educación e Servizos Sociais, María Jesús Veiga Hortas, e mailo concelleiro de Obras, Urbanismo e Parques e xardíns, Manuel Ángel Leis Míguez.

 

De 1 a 6 anos

1º premio – Xulián Díaz Suárez, polo seu disfraz de «Elvis Presley». Cheque agasallo valorado en 100 euros.

2º premio – Zaira Barreiro Lodeiro, polo seu disfraz de «Mary Poppins». Lote de xogos didácticos.

3º premio – Nicólas Carnota Fernández, polo disfraz de «Cabaleiro de tapón». Lote de libros.

 

De 7 a 16 anos

1º premio – Catuxa Sampedro Pereira, polo seu disfraz de «A dama de cristal». Cheque agasallo de 150 euros.

2º premio – Martín Peteiro, polo disfraz «Predrosa desde Malasia a Negreira». Unha tablet.

3º premio – Noelia Carnota Fernández, por «Reciclaxe de primavera». Cámara de fotos dixital.

 

IMAXE: ABRAHAM FOTÓGRAFO

tall_emprego.jpg

O Servizo Local de Emprego puso hoxe en marcha, o seu terceiro Taller de procura activa de emprego, dirixido por Celia Barbazán, orientadora laboral do Concello de Negreira, no cal inscribíronse unha ducia de mulleres desempregadas do noso concello.

 

O taller desenvólvese durante toda esta semana no Telecentro informático, en horario de mañá, de nove a dúas da tarde, e nel abordanse aspeitos que permitan a este colectivo mellorar as súas capacidades para atopar un traballo mediante o coñecemento de ferramentas e webs e, mesmo para a confección dun curriculum vitae.

verbas_marabillosas.jpg

O Servizo de Normalización Lingüística do Agrupamento A Baña-Negreira, ofertoulles aos centros de ensino da comarca, a posibilidade de participar na actividade Verbas marabillosas, unha iniciativa consistente en elaborar e deseñar textos breves e atractivos, con mensaxes positivas de amor, acompañados ou non, dun debuxo alusivo para agasallar as persoas queridas.

 

Os textos que poden ser citas de autores famosos ou cantigas, ou mesmo de creación propia, hainos que enviar ao correo: Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo. gardado en formato jpg ou similar.

 Polo de agora, os centros participantes son as Escolas Infantís de Lañas e Aro e, mailo instituto Xulián Magariños. Os propios centros escollerán os dez mellores e destes, elaboraránse adhesivos que serán repartidos entre todo o alumnado participante. Tamén difundiranse a través do blog do Servizo de Normalización Lingüística (http://snl.concellodabana.es).

Está previsto que as creacións sexan elaboradas durante o presente mes de febreiro, sendo o seu obxetivo o fomentar o uso do galego entre o alumnado, ademáis de favorecer a imaxinación e a creatividade en galego, en conmemoración de febreiro como o mes dos paxariños e do amor.

As persoas destinatarias van selos alumnos dos centros de ensino da contorna e os traballos deberán ser remitidos antes do día 29 de febreiro, inclusive.

curtis_teixeiro.jpg

O espectáculo Curtis & Teixeiro: investigadores privados, recalará en Negreira da man de dous coñecidos actores do audiovisual galego como son Federico Pérez e Xosé Antonio Touriñán, o sábado día 30 de abril, en dous únicos pases: 20:30 e 22:30 horas. As entradas teñen un prezo de 8 euros por persoa e pódense retirar dende o luns 22 de febreiro, na Delegación de Cultura (Casa da Cultura), en horario de mañá.

 

O argumento trata sobre dous detectives, Suso Curtis e Juan Ramón Teixeiro, que contan as súas experiencias a modo de conferencia por Galicia adiante, de como estiveron infiltrados en lugares como clans da droga, ou contarnos como é o programa segredo sexual dos partidos políticos, as gravacións segredas de Tejero horas antes do golpe de Estado do 23F, ou mesmo sobre a verdadeira historia da Arca de Noé.

entroido1412.jpg

As gañas que hai de vivir o desfile de Entroido máis grande da historia de Negreira fai que se superasen tódalas previsións, até o punto que o número de inscritos triprica a cifra dun ano normal.

 

Cualificado de «histórico». As cifras son bos indicios: Hai vinte e unha comparsas, das que únicamente cinco non teñen carroza, máis dezasete grupos medianos e vinte e cinco disfraces individuais e por parellas. En total farán que 1.230 persoas desfilen mañá pola tarde polas rúas de Negreira, algo inusual si non fose pola gran cantidade de citas suspendidas ou adiadas pola choiva, por iso é polo que ninguén quere perderse un dos concursos máis afamados de Galicia e, onde repartiránse 5.400 euros en premios.

Esta participación de récord, que nunca antes se deu en Negreira, levou ao Concello a adoitar un dispositivo especial de seguridade con máis dunha trintena de voluntarios de Protección Civil, Policía Local e unha ambulancia que pechará o desfile.

De 17.00 ás 20:00 horas recoméndase non usar o coche para circular polo centro urbano de Negreira e, o transporte de viaxeiros en autobús, tamén veráse alterado. O desfile partirá ás cinco da tarde do Campo dá Feira, onde haberá un punto de recollida de dorsais. Transitará pola Carreira de San Mauro, rúa dá Cachurra, avenida das Brañas, Rosalía de Castro, Teresa Fabeiro, zona do instituto e as rúas de Castelao e O Carme.

A partir das 16:00 horas vaise a cortar o acceso á vila dende a estrada de Urdilde, á altura da Abeanca. O tráfico procedente de Noia e Brión vai ser desvíado pola Chancela cara o centro de Negreira. O tráfico de entrada dende as estradas de Ponte Nafonso e Pesadoira, será desviado á altura do Campo dá Feira por Vilachán de Abaixo cara o centro.

Autobuses

Todos aqueles autobuses que transporten a membros das comparsas participantes, poderán deixalos viaxeiros na zona do Campo dá Feira, para logo estacionar na área habitual para este tipo de vehículos na zona escolar de Negreira.

ciklon.jpg

 

O Entroido cumpriu coa súa tradicional cita de Negreira, axudado polo bo tempo e unha concorrencia de xente que será difícil de esquecer. Unha vintena de comparsas e carrozas, ao que hai que engadirlle catorce grupos medianos e, quince disfraces individuais e por parellas, conformaron o desfile máis numeroso da historia do concurso barcalés. Tanto, que durou prácticamente seis horas, xa que a tódolos grupos e comparsas foilles permitido actuacións que non fixeron máis que prolongar no tempo o desfile.

 

Agradecemento especial aos voluntarios de Protección Civil de Negreira, Mazaricos, Santa Comba e Val do Dubra, e mailo traballo dos axentes da Policía Local para garanter a seguridade e o nomral desenvolvemento do desfile, a sabendas de que son inevitables os cortes de tráfico. Con todo, tentouse garanter a ciruclación por boa parte do centro de Negreira, aínda interrumpindo o desfile en zonas como a confluencia da rúa de Castelao coa rúa do Carme.

Dende o Concello de Negreira expresouse o máis sentido pésame e as condolencias á familia e compañeiros da comparsa de Os Subterráneos de Meicende, polo repentino pasamento durante o desfile do pasado sábado, de Pedro Dopico Sánchez, de 73 anos de idade, integrante da comparsa Tardes de primavera, logo de sufrir un infarto do que non puido recuperarse tras ser atendido primeiramente na rúa e logo no Punto de Atención Continuada.

  • Resultados finais

-Modalidade de disfraces individuais e por parellas  

1º premio (150 euros) – Reloxo de cuco (Negreira)

2º premio (100 euros) – O anano de Mazinguer Z (Arzúa)

3º premio (50 euros) – O leitiño polo que vale (Arzúa)

Modalidade de grupos pequenos

1º premio (200 euros) – The Fantastic Clows (Teo)

2º premio (150 euros) – Os Xenerais de Entroido (Ordes)

3º premio (100 euros) – Caixas de música (Paderne)

-Modalidade de carrozas

1º premio (1.000 euros) – Comparsa Ciklón (Tomiño)

2º premio (600 euros) – Tardes de primavera (Arteixo)

3º premio (300 euros) – Fantasías musicais (Vilagarcía)

4º premio (150 euros) – Lañas west

1º accésit (100 euros) - As Brincadeiras, ríome de Río (Muros)

2º accésit (100 euros) - Aerolíneas Low Cost-Mía (Ordes)

-Modalidade de comparsas

1º premio (1.000 euros) – A Rueirada: unha lenda rusa (Muros)

2º premio (600 euros) – Comparsa Ciklón (Tomiño)

3º premio (300 euros) – Fantasía outonal (Santiago)

4º premio (150 euros) – O Rei León (Ordes)

Accésit (100 euros) – Fantasía Liñalieníxena (Negreira)

Accésit (100 euros) – Buxantes calidade (Dumbría)

O premio Juan Varela Areoso, á mellor copla e dotado de 100 euros correspondeu a: Patos de Barcala, de Os Carnavaleiros de Barcala.

O departamento municipal de Servizos Sociais informa da apertura do prazo para solicitar a participación na convocatoria de 607 prazas para as estadías e tratamento termal dentro do programa de Benestar en balnearios 2016 segundo a Orde do 10 de febreiro que publicou o Diario Oficial de Galicia número 77 do 16/02/2016.

Os establecementos termais nos que se ofertan prazas son os que a continuación se relacionan:

- Balneario de Acuña - Caldas de Reis (Pontevedra)
- Balneario de Arnoia (Ourense)
- Balneario de Augas Santas - Ferreira de Pantón (Lugo)
- Balneario de Baños de Brea - Vila de Cruces (Pontevedra)
- Balneario de Baños de Molgas (Ourense)
- Balneario de Caldelas de Tui - Tui (Pontevedra)
- Gran Balneario de O Carballiño (Ourense)
- Balneario de Carballo (A Coruña)
- Termas de Cuntis (Pontevedra)
- Balneario de Laias - Cenlle (Ourense)
- Balneario de Lobios - Lobios (Ourense)
- Balneario do Río Pambre - Palas de Rei (Lugo)
- Balneario Termas Romanas - Lugo 
- Balneario de Guitiriz (Lugo)
- Balneario A Toxa (O Grove -Pontevedra)
En cada solicitude só se poderá relacionar un máximo de 3 destinos por orde de prioridade.

-Persoas beneficiarias

Para beneficiarse deste programa haberá que reunir os seguintes requisitos:
a. Ser maior de 60 anos, ou de 55 e reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.
b. Estar empadroado e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
c. Valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa, agás no caso de fillos/as ou persoas tuteladas que acudan en calidade de acompañantes.
d. Non padecer enfermidade infecto-contaxiosa, en fase activa, nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que poidan alterar a normal convivencia durante o transcurso da quenda.
e. Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.
A persoa solicitante poderá ir acompañada do seu ou da súa cónxuxe ou persoa con análoga relación de convivencia, sempre que cumpra os requisitos citados anteriormente, excepto o sinalado na letra a).
Tamén poderán participar os/as fillos/as ou persoas tuteladas polas persoas solicitantes que teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando o poidan facer sen necesidade de apoio de terceira persoa e se poidan desprazar con autonomía, compartan o cuarto coas persoas proxenitoras e cumpran os requisitos citados anteriormente, excepto o da letra a). Neste suposto, terán que cubrir os seus datos na epígrafe correspondente da solicitude presentada polas persoas proxenitoras ou titoras.
As persoas solicitantes deberán cumprir os requisitos na data en que remate da data de presentación.

-Servizos incluídos

As quendas teñen una duración de 10 días (nove noites) cada unha, realizaranse en réxime de pensión completa e comprenderán desde as doce horas do día de chegada ata as doce horas do día de saída.
O desenvolvemento destas quendas terá lugar durante o período comprendido entre o mes de xuño e outubro de 2016.
Nos prezos inclúen os seguintes servizos:
a. Aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres de uso compartido.
b. Tratamentos termais, coas indicacións terapéuticas que figuran para cada balneario no anexo III, que comprenderán: 
o Recoñecemento médico, ao ingresar no balneario, para a prescrición do tratamento.
o Tratamento termal básico que, en cada caso, prescriba o persoal médico do balneario.
o Seguimento médico do tratamento.
c. Programa de actividades de animación sociocultural que se leve a cabo no establecemento hoteleiro ou termal.
d. Póliza colectiva de seguro turístico.
As persoas beneficiarias que estean interesadas en aloxarse en cuarto individual, no caso de que houbese dispoñibilidade, teranse que facer cargo da diferenza do custo que supoña, e as que precisen dalgún tipo de apoio ou dieta especial terano que indicar no momento de presentar a solicitude e acreditalo ao incorporarase á quenda.
A participación nas excursións ou actividades con custo adicional que organice o establecemento termal ou hoteleiro deberano facer as persoas beneficiarias polos seus propios medios e ao seu cargo, así como o desprazamento desde o domicilio ata o establecemento termal e o de regreso, sen prexuízo de que se poidan acoller ás facilidades para o transporte que ofertase o balneario, se for o caso.

-Documentación

Solicitude, na que se cubrirán todos os datos requiridos, tanto da persoa solicitante como de quen a acompañe (cónxuxe, acompañante, fillo/a, tutelado/a).
Cada solicitude, no caso de  non dar autorización expresa á Consellería de Política Social para acceder aos datos persoais que figuran nos ficheiros pertencentes á dita Consellería ou a outras Administracións Públicas, estará acompañada de:
• Copia compulsada do documento nacional de identidade (DNI), ou ben do pasaporte ou do número de identificación do estranxeiro (NIE), segundo proceda.
• Certificado de empadroamento, emitido polo concello correspondente que acredite a residencia nun municipio da comunidade autónoma no momento de presentar a solicitude.
• Copia da declaración do imposto da renda das persoas físicas correspondente ao último período en que se presente a solicitude, certificado de toda clase de pensións percibidas pola persoa solicitante e acompañante, se fora o caso, ou declaración xurada de non percibilas.
• Certificado do grao de discapacidade do/a fillo/a ou tutelado/a pola persoa solicitante, no caso de non ser expedido na nosa Comunidade Autónoma.
Prazo presentación de solicitudes
O prazo é de 20 días naturais dende o día seguinte á publicación da orde no DOG. Ata o 7 de marzo de 2016.

-Lugar de presentación

• Preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es/, para o que é preciso o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
• En soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
• Por correo postal mediante envío certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Máis información Servizos Sociais do Concello de Negreira.

diarosalia.jpg

Hoxe celebrámolo Día de Rosalía de Castro, conmemorando os 179 anos do seu nacemento (Santiago 1837- Padrón 1885), sendo a autora das letras galegas modernas e unha das figuras indispensables do panorama literario do século XIX.

 

No día no que se cumpren 179 anos do seu nacemento, distintos actos celebrados dentro e fóra de Galicia, e tamén en Internet, homenaxean a súa figura por parte de institucións públicas, asociacións e sobre todo, dende os centros de ensino.

En Negreira, un grupo de cinco alumnos de 1º e 3º da ESO do IES Xulián Magariños leron esta mañá en Radio Negreira, poemas de Rosalía nunha lembranza da súa extensa obra, nunha actividade promovida polo Departamento de Normalización Lingüística e coordinada pola profesora, Nuria Araúxo.

A continuación detallamos os alumnos participantes e os poemas lidos:

Laura López – San Antonio Bendito

Lucía Fuentes – Nasín cando as prantas nasen

Leticia Cunqueiro – Unha vez tiven un cravo

Antía Barca – Negra sombra

Eduardo Vieiro – Silencio

Dende Radio Negreira, o noso agradecemento a todos eles e a súa profesora Nuria Araúxo, por esta iniciativa en lembranza do 24 de febreiro, o Día de Rosalía.

Deixámosvos o audio da súa intervención hoxe no programa «O Faladoiro». PLAY

fillas_bravas.jpg

O Concello de Negreira presenta os actos co gallo do Día da Muller Traballadora (8 de marzo), os cales van ter lugar o venres 11 coa obra teatral ¨As fillas bravas¨, de Chévere, ás 21:00 horas e, mailo sábado 12 de marzo ás 20:00 horas co concerto do grupo Queicoa e maila presentación da Escola municipal de gaita, no Auditorio municipal. As entradas para ¨As fillas bravas¨, pódense retirar na Delegación de Cultura (primeiro andar Casa da Cultura), en horario de mañá. O prezo é de 2 euros.

 

As fillas bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos.

Perspectiva de xénero

En escena: Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar. Dramaturxia e dirección: Xron. Escrita por Manuel Cortés é unha producción Chévere e coa que segue a explorar as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero, dando continuidade a traballos que cuestionaron a rixidez dos xéneros (Testosterona), que reivindicaron as voces silenciadas dunha forza de traballo feminina que segue levantando imperios económicos na era da globalización (Citizen), que promoveron unha lectura crítica dos valores machistas que transmiten as cancións románticas (I’ll be watching you). Nesa liña de traballo, ¨As fillas bravas¨ veñen para reafirmar modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados.

As fillas bravas é tamén un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflexados nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que se fixo un traballo de procura, escolma e adaptación de textos de transmisión oral publicados desde a segunda metade do século XIX.

As fillas bravas é un espectáculo para todos os públicos, pero xa temos comprobado que ofrece un aproveitamento lúdico e pedagóxico especialmente axeitado para dous segmentos de público moi interesantes á hora de crear e formar novos espectadores: Rapazas e rapaces de entre 14 e 18 anos, e maiores de 65 anos.

Músicas

As músicas usadas no espectáculo están inspiradas en cantos tradicionais recollidos en diferentes lugares de Galicia. Entre eles, "Pandeiretada" gravada no primeiro disco de Radio Cos e "Danza de Cerdeira", gravada no primeiro disco de Leilía.