DSC 0333

Ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro, o Concello de Negreira organiza un denso programa de actividades para o tempo de lecer, caracterizado polas normas de seguridade e hixiene derivadas da pandemia sanitaria da Covid19. O Verán Cultural foi presentado hoxe en Radio Negreira polo alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez e mailo técnico de Cultura e Deportes, Marcos Pérez, quenes destacaron o "esforzo" do Concello para que a veciñanza de Negreira teña a posibilidade de disfrutar das propostas para o tempo de lecer durante os próximos tres meses.


Coa apertura da piscina municipal do Coto, a partir do mércores día 1 de xullo, dáse o pistoletazo de saída ás actividades do Verán Cultural. Este ano, para o uso da piscina, non haberá os bonos específicos de tempada, mes, tanto individuais como familiares. A entrada única terá un prezo de 0,50 €. Haberá unha limitación de aforo de ata o 75% con medidas de seguridade como o distanciamento social, así como a desinfección de vestiarios e aseos.
Entre as actividades de conciliación está o Campamento "Respira", dos meses de xullo e agosto, no CEIP O Coto, de 8:45 a 14:15 horas, e mailos obradoiros Diververán, de 10:30 a 13:30 horas na entrada ao Centro Sociocultural.


En xullo haberá dúas citas co Cultura a pé de rúa: O venres 3 con "Nono" (clow), ás nove da noite no parque do Coto, e o venres 31 con "Out of blue", un espectáculo aéreo, ás nove, no Coto. En agosto, o venres 7 con "C,est pas possible" (clow), ás nove da noite na praza do Concello.


En canto ás actuacións musicais, salientamos que a primeira cita será co concerto do grupo Broken Peach, o sábado 4 de xullo, ás dez da noite na praza das Brañas, con limitación de aforo. A segunda chega co "Rock na noite", o venres 17 de xullo, coa actuación do grupo Grilo e o grupo local Madame Gillotine, ás dez da noite no parque do Coto. E xa no mes de agosto e como un dos pratos fortes, o sábado 22 teremos a actuación da cantante Guadi Galego e mailas Pandereteiras da Mahía, a partir das oito da tarde na praza das Brañas. E no mes de setembro, o domingo 20 celebrarase o tradicional festival de Bandas de Música.


Entre as novidades figura o "Wakau urban fest", un festival de cultura urbana, durante todo o día, o venres 7 de agosto, no parque do Coto, con exhibicións e actuacións musicais. E varios serán os espectáculos alternativos como "Alegría sobre rodas", o venres 14 de agosto, ás sete da tarde, na praza das Brañas. En xullo, teremos a Festa do Apego, o venres 10 pola tarde no Refuxio de Covas.


No eido deportivo, este verán teremos varias andainas saudables (sábado 1 de agosto e o sábado 12 de setembro); a actividade de barranquismo no Ézaro, o sábado 15 de agosto, así como o III Open de Tenis Concello de Negreira (do 7 ao 13 de setembro), o primeiro Open de Pádel (do 7 ao 13 de setembro), e mailo XIV Día da Bicicleta, o sábado 19 de setembro.


Feira do Románico
Na súa décimo terceira edición, o Concello de Negreira mantén a cita para a primeira fin de semana de setembro (do 4 ao 6), con medidas de seguridade acorde á normativa sanitaria vixente.

DSC 0334

Este mécores 1 de xullo comeza a tempada da piscina municipal ao aire libre do parque do Coto, cuxo horario de apertura é de 10 a 14 horas, e de 16 a 20:30 horas, de luns a domingo. Para o bo uso das instalacións e seguindo as recomendacións sanitarias derivadas da pandemia da Covid19, este verán o aforo estará restrinxido e o custo da entrada é de 1 € sen que exista a posibilidade de retirar abonos.

 

O aforo máximo de entrada ao recinto é de 300 persoas. O aforo máximo do vaso da piscina grande é de 113 persoas, e o do vaso da piscina pequena, de 18 persoas. O aforo máximo nos vestiarios e aseos será de 3 persoas ao mesmo tempo.

 

Unha das principais normas é que será obrigatorio manter as distancias de seguridade en todo o recinto, xa que a colocación das toallas estará marcada con conos no chan. E como medida preventiva, este ano non haberá servizo de préstamo de gorros.

 

Resto de normas
- É obrigatorio o uso de chanclas, evitando o posible contaxio de fungos.
- É obrigatorio ducharse antes de meterse na auga, e recoméndase facelo ao sair da auga para eliminar o cloro.
- É obrigatorio o uso de gorro (de latex, lycra, etc...), pola hixiene dos bañistas e pola limpeza da piscina. Non se prestarán gorros.
- Prohíbese entrar na zona de baño con calzado de rúa, e usar roupa interior por debaixo do bañador.
- Prohíbese correr polo borde da piscina, empurrar e pelexar dentro das instalacións.
- Prohíbese saltar de cabeza ao auga en calquera parte da piscina.
- Prohíbese comer, beber e fumar na zona reservada aos bañistas.
- Prohibido abandonar desperdicios nas instalacións da piscina, debendo empregar as papeleiras destinadas a tal efecto.
- Prohíbese a entrada de animais nas instalacións, agás cans guía.
- No caso de incumprimento das normas aquí expostas, o persoal terá a potestade de expulsar aos infractores das normas.

Deputa

O Servizo de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña vén de convocar aos titulares dos terreos afectados polo proxecto de ampliación e mellora da seguridade vial, na DP 5602 de Negreira a Pontenafonso, ao pago de depósitos previos polo proceso de expropiación, os días 14 e 15 de xullo, en horario de 16:00 a 19:00 horas, na entrada ao Centro Sociocultural, con acceso dende a avenida de Santiago.

 

A ampliación e mellora da estrada provincial cara Pontenafonso, no treito entre o punto quilométrico 6,105 ao 8,63, vai dende Liñaio, en continuación do primeiro treito de seis quilómetros que xa foi ampliado pola Deputación, ata a ponte de Barbazán, na parroquia de Lueiro. Trátase dun dos proxectos máis importantes e demandados longamente pola veciñanza da conca dereita do río Tambre para melloralas comunicacións coa capital do concello e da comarca de Barcala.

 

Lémbrase que é necesario acudir con máscara de protección.

broken peach foto

Este sábado día 4 de xullo terá lugar a primeira actuación musical do Verán Cultural 2020. A partir das 22:00 estará na praza das Brañas o grupo vigués Broken Peach, coñecido polas súas versións de rock, soul, funk, pop, etc.

 

Composto por catro voces femeninas e unha banda musical con guitarrista, baixista e batería, o coro leva once anos amenizando todo tipo de eventos e espectáculos dentro e fora das nosas fronteiras.

 

A súa especialidade é facer súas as cancións que versionan e acompañalas de perfomances, disfraces e interaccións co público. Este concerto será a primeira vez que actúen en directo dende o 7 de marzo, e o formato terá as medidas de seguridade acordes á normativa sanitaria vixente.

 

A meirande parte do público estará sentada en sillas separadas entre si, para garantir a distancia social, e tamén haberá un espazo destinado a estar de pe, procurando sempre que non haxa aglomeracións e apelando á responsabilidade da veciñanza.

IMG-20200707-WA0001.jpg

Os Concellos de Negreira e a Baña, baixo a organización do Servizo de Normalización Lingüística programan dúas actuacións musicais para o peche de actividades deste curso contando coa participación de Cé Orquestra Pantasma e de Uxía Lambona e a Banda Molona no refuxio de Covas, en Negreira.

 

Nesta terceira edición da Festa do apego as actuacións empezarán a partires das 17.30 horas e no caso de choiva trasladarase ao Auditorio do Centro Sociocultural de Negreira.

 

Contase co colaboración da Deputación da Coruña.

IMG_6858.jpg

Unha das citas musicais importantes deste Verán Cultural no concello de Negreira será a celebración de Rock na Noite. O emprazamento dos concertos nesta ocasión será o Parque do Coto, onde a partir das 22:45 estarán actuando os grupos Grilo e Madame Guillotine.

 

No caso de Grilo, trátase dunha formación de rock formado en Compostela por tres integrantes. A súa proposta musical inclúe letras reivindicativas cantadas en galego. Veñen de presentar Dálle Lume, o seu primeiro disco con nove cancións de rock potente.

 

A outra banda que subirá ao escenario é a formación local Madame Guillotine, que nos traen unha proposta de estilo punk coa que levan dous anos facendo temas propios.

 

Para garantir a seguridade dos asistentes e evitar a propagación do COVID-19, a pista polideportiva terá o acceso acoutado e haberá conos no chan delimitando o espazo. Ademais repartírase xel hidroscópico na entrada e recoméndase o uso de mascarilla.

IMG-20200716-WA0001.jpg

O Centro de Información ás Mulleres do Concello de Negreira informa que está aberto o prazo de matrícula do programa Madrugadores, de cara ao vindeiro curso educativo 2020-2021.

 

Trátase dun programa de conciliación da vida familiar e laboral que se leva a cabo no Colexio de Educación Infantil e Primaria O Coto, dende as 7:30 até as 9:45 horas (hora de entrada no colexio).

 

As persoas interesadas en beneficiarse deste servizo poden facela inscrición dende o venres 17 de xullo e até o venres 24 de xullo, no Centro de Información ás Mulleres, na pranta baixa da Casa do Concello, na área de Servizos Sociais, en horario de mañá.

 

Tamén poden chamar aos números 981 88 63 20 ou 662 37 04 48.

foto-PONTE-MACEIRA.jpg

O sábado 1 de agosto Ponte Maceira será distinguida como un dos Pobos máis fermosos de España, nun acto organizado polo Concello de Negreira e a Asociación "Los Pueblos Más bonitos de España".

 

A partir das 22:00 h están programado o acto, no que se despois da intervención das autoridades, realizarase a descuberta do cartel que acredita á pequena localidade de Ponte Maceira, como un dos lugares máis fermosos e singulares de España.

 

Despois terá lugar a actuación do cuarteto de arpas "Lulavai", e o acto pecharase coa tirada de fogos de artificio.

 

Para poder asistir, hai que retirar os convites na Delegación de Cultura e Deportes, xa que por motivos sanitarios haberá prazas limitadas coas medidas de seguridade oportunas.

 

Na actualidade só dous pobos de Galicia obstentan dito galardón Ponte Candelas e Mondoñedo, e convértese na primeira da Provincia de A Coruña.

 

Un enclave máxico

Hai moitas lendas arredor da Ponte, a tradición Xacobea fala de que foi derrubado aplastando entre as súas lousas os soldados do "régulo de Dugium" que perseguían aos discípulos do Apóstolo Santiago, despois de ser liberados da prisión por un anxo. Son moitos os autores que lle otorgan orixe romano, xa que é habitual a atribución dunha base romana a maioría das grandes pontes medievais. O que non é cuestionable é a orixe medieval da estructura actual, que data dos seculos XIII-XIV, debido á necesidade da mitra de comunicar Santiago de Compostela cos portos occidentais.

 

A ponte, chamada Ponte Vella, conta con cinco arcos principais de sillería de seis a dez metros e dous de aliviadeiro, dividindo os municipios de Negreira e Ames. A súa estabilidade, grazas á cimentación da parte dos pilares sobre a rocha nai, fixo que se mantivera en pé o longo dos seus anos de servizo. Foi esceario tanto do incesante paso de pelegríns, como da batalla entre as tropas da mitra Compostelana e as do Conde de Altamira.

 

A aldea de A Ponte Maceira, é un dos conxuntos mellor coidados de todos os Camiños de Santiago. Ademáis da histórica ponte, os antigos muiños a carón do río, os horreos, pombais, a capela de San Brais, a igrexa románica de Santa María de Portor e o Pazo de Baladrón, conforman un dos conxuntos histórico artísticos de maior relevancia de Galicia.

obradoiros emprego

O Concello de Negreira será o promotor do “Programa de Emprego Mocidade 2020” xunto cos Concellos da Baña, Santa Comba e Val do Dubra.

 

Contase coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a realización dun programa dirixido ás persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, con 16 prazas distribuídas nas seguintes área formativas; Fábrica de Albanelería, e Actividades Auxiliares en Viveiros, Xardíns e Centros de Xardinería, con 8 prazas para cada especialidade.

 

Este programa de emprego terá unha duración de 1 ano e a preselección tanto do persoal docente como de participantes farase na Oficina de Emprego Santiago Norte, onde serán preseleccionados aqueles que xa están inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e que  demanden algún dos seguintes servizos; Escolas Taller, Casa de Oficios, Taller de Emprego, e outros programas de emprego formación dual.

 

Quen aínda non estea inscrito poderá facelo dirixíndose a citada oficina, e pedindo cita previa no seguinte link; https://emprego.xunta.es/citaprevia

 

A tramitación da oferta realizarase na maior brevidade posible, xa que a previsión de inicio será a mediados de setembro.

 

Para máis información a cerca deste proceso poden poñerse en contacto coas oficinas de emprego de cada Concello participante.

Concello de Negreira: 881 03 51 50
Concello de Val do Dubra: 981 88 90 00
Concello da Baña: 981 88 67 77
Concello de Santa Comba: 981 88 00 75

 

ardeiro29072020

O poeta noiés Manuel López Rodríguez, gañador do VIII Certame de Poesía "Xosé M. López Ardeiro", recollía o pasado luns no Auditorio da Casa da Cultura de Negreira os 300 exemplares que formaban parte do premio do certame do que resultou gañador co poemario "Desde onde non nace".

 

O acto tivo lugar coa presencia do propio gañador e mailo alcalde Manuel Ángel Leis Míguez así como o secretario xeral de Políticas Culturais, Anxo Manuel Lorenzo Suárez, cuxo departamento colabora coa organización do certame de poesía na súa promoción e coa edición do poemario.

 

O acto foi conducido por Xosé Antonio Ponte Far, membro do xurado, quen tamén fixo a presentación do “IX Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro” que ao igual que en anteriores edicións, será publicado por parte da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, facéndolle entrega dun lote de exemplares ao autor ou autora, ademais dun premio en metálico de 700 euros. Haberá tamén un segundo premio que constará de 300 euros.

 

Os traballos, escritos en lingua galega, deberán ser orixinais e inéditos e cunha extensión mínima de 350 versos e máxima de 700. Cada persoa poderá participar cunha única obra, e para iso deberá presentar unha copia impresa e outra dixital na Delegación de Cultura e Deportes do Concello de Negreira.

 

O prazo para participar xa está aberto e esténdese até o 7 de decembro de 2020. A entrega de premios será o día 18 dese mesmo mes, coincidindo co 13º aniversario do pasamento do poeta de Logrosa, Xosé Manuel López Ardeiro.

 

Cartel IX Certame de Poesia X. Manuel Lopez Ardeiro

Triptico exterior IX Certame de Poesia X. Manuel Lopez Ardeiro

Triptico interior IX Certame de Poesia X. Manuel Lopez Ardeiro