containers

 

A Mancomunidade de Concellos do Tambre, formada polos concellos de Negreira e A Baña, comunica que, por motivos de forza maior, na presente semana non se efectuará a recollida de residuos sólidos orgánicos na meirande parte das parroquias de ambos municipios.


O servizo prestaráse nos principais núcleos como a vila de Negreira e San Vicenzo, así como nalgunhas zonas próximas ás capitais municipais, debido a que o servizo só dispón dun vehículo para a recollida e atoparse de baixa dous operarios, polo que resulta difícil chegar a todos os núcleos de Negreira e A Baña.


Comunícase que a previsión é que o servizo poida restablecerse con normalidade a partir da vindeira semana.


Desculpen as molestias.

Foto principal

 

O deputado de Promoción Económica na Deputación da Coruña, Blas García, acompañado do alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, visitou este xoves dúas obras realizadas por asociacións veciñais con financiamento da Deputación, a través das liñas de subvencións de Promoción Económica.


Coa directiva da Asociación de Veciños O Teleclub de Liñaio, o deputado e o alcalde supervisaron as obras de rehabilitación do muro do adro parroquial de San Martiño, onde contan cun dos locais dos que dispón a entidade, a escola unitaria de Liñaio, fundada por emigrantes da parroquia en Cuba en 1919.

 

FOTO 2

 

Trátase dun antigo muro de mampostería situado no entorno da casa reitoral que se atopaba en mal estado de conservación e que agora loce completamente renovado grazas a un investimento de 35.000 euros, cofinanciado ao 80% pola Deputación.


Blas García e Manuel Ángel Leis destacaron a notable mellora que experimentou a imaxe do entorno, que continuará sendo mellorado este ano cunha nova subvención de 16.000 euros para a recuperación do hórreo existente na mesma zona, que forma parte do conxunto patrimonial coa igrexa e o cruceiro e que, segundo explicaron os veciños, configura un núcleo de referencia para os lugareños.


Melloras no local social de Xallas


Coa Asociación de Veciños de San Pedro de Xallas, tamén visitaron as obras de mantemento e cambio da cuberta do seu local social, xa que a anterior databa de 1998 e presentaba mal estado e desprendementos.


A cuberta do local foi substituída por unha nova de tella do país. Tamén se procedeu á limpeza a presión, reparación de gretas e pintado da fachada do local da entidade veciñal, que conta con case un centenar de socios e socias.


As melloras supuxeron un investimento de 16.764 euros, dos que a Deputación da Coruña achegou 12.740.

composteiro

Proxecto cofinanciadas polo Fondo Europeo relativo ao mecanismo de Transformación e Resiliencia da UE no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola UE NExt GenerationEU.

graficas europa

O Concello de Negreira a través do programa “Medramos reciclando”, vén de poñer en marcha un proxecto de compostaxe doméstica para toda a veciñanza, a través do cal, preténdese repartir 130 composteiros domésticos entre a cidadanía interesada, totalmente de balde, co obxectivo de xestionar os restos de comida xerados no noso fogar o convertelos nun ben moi prezado denominado compost.


O goberno local recoméndalle a veciñanza de Negreira que depositen os restos orgánicos xerados no seu fogar nos composteiros domésticos e que só depositen no colector verde a fracción resto. Deste xeito, axudaremos a mellorar a xestión de residuos do concello no seu conxunto. Este programa supón un investimento económico de 15.000 euros.


Por qué se debe compostar os restos orgánicos?


Algo máis da metade dos residuos que xeramos no fogar, arredor dun 60 por cento, están compostos por restos de comida e restos vexetais de poda e de horta. Toda esta materia orgánica pode ser reciclada por nós mesmos/as sen saír de casa e cun mínimo esforzo e tempo pola nosa parte e cos numerosos beneficios dende o punto de vista ambiental, social e económico que isto conleva.


Se o residuo non sae da casa xa non será necesario recollelo nin transportalo ata o punto de xestión, almacenalo e finalmente reciclalo. Aforramos emisións de CO2 do transporte e tratamento e o propio custo de xestionalo. Por outro lado, o produto final que obtemos é un fertilizante natural de excelente calidade con propiedades que melloran o solo e evitando a compra e uso doutros produtos químicos.


Os residuos orgánicos poden ser un grave problema medioambiental se non se xestionan correctamente. A súa descomposición sen control produce lixiviados (líquidos cunha alta concentración de materia orgánica) que contaminan solos, ríos e acuíferos e emiten gases de efecto invernadoiro como metano e dióxido de carbono.


Qué materiais podo compostar?


Pódense botar restos da cociña como froitas e verduras, carne e peixe, pan, legumes e cereais, ovos e cunchas de moluscos, froitos secos, pousos de café e infusións, panos e papel de cociña sen tinturas. Tamén se poden botar restos do xardín e horta como follas, flores, raíces e restos das colleitas, herba e palla, restos de poda triturados, cinza e serraduras de madeira sen aditivos, papel e cartón.

 

Baixo o slogan: “Negreira recicla. Medramos reciclando”, este programa pretende concienciar á poboación da importancia de xestionar os restos orgánicos para valorizar e obter un fertilizante natural de calidade.

 

Se queres participar podes facelo chamando ao número de teléfono: 981 885 250 ou mandando un correo ao seguinte enderezo: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

caminomuxia

 

A Asociación de concellos do Camiño de Fisterra e Muxía, na que Negreira ocupa a vicepresidencia, promoveu unha serie de actividades para promocionar o único roteiro oficial cara A Costa da Morte. A primeira, vai ser un ciclo de conferencias no Museo do Pobo Galego que comeza este venres 4 con Manuel Castiñeiras, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, ás sete da tarde. Por este ciclo pasarán expertos da talla de Antón Pombo, Manuel Vilar ou Francesca Riccio. O resultado das conferencias será unha exposición itinerante que pasará durante o mes de decembro polos concellos integradores da entidade: Ames; Negreira; Dumbría; Cee; Corcubión e Fisterra.


Entre os meses de novembro e decembro, desenvolverase un programa formativo dirixido ao sector hostaleiro e turístico dos concellos que integran a entidade (un curso de calidade e outro de inglés), e estáse estudando outra iniciativa orientada á creación de experiencias turísticas.


O curso de inglés vaise celebrar en Negreira. Dun total de 20 horas de duración, vai selos días: 9, 16, 23 e 30 de novembro, e mailo día 1 de decembro. O outro curso celebrarase en Dumbría, e é de calidade para establecementos turísticos, tamén de 20 horas. Os días: 10, 15 e 24 de novembro, e mailo 14 e 15 de decembro.


Trátase de formación gratuíta e con prazas limitadas, debéndose anotar o persoal interesado antes do venres, día 4 de novembro en: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., ou no número de teléfono: 620 399 515.


A asociación celebrará unha xornada de internacionalización dirixida a peregrinos de outras nacionalidades aloxados en Santiago, ademáis de convidar a turoperadores a unha xornada de familiarización sobre o Camiño de Fisterra e Muxía.

ImagenDOG

Mediante a resolución da Axencia Galega de Infraestructuras, do 20 de outubro de 2022, aprobáronse provisionalmente o Plan de acción contra a contaminación acústica da Rede autonómica de estradas de Galicia e as zonas de servidume acústica dos grandes eixes viarios que se relacionan no seguinte anuncio do Diario Oficial de Galicia (DOG).

https://bit.ly/3fTpdxe

Á zona de Negreira aféctalle a estrada AC-544: Bertamiráns norte (AG-56) - Negreira (AC-447), dende o punto quilométrico 1,13 ao 8,04.

Por isto, e de conformidade co disposto na Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, sométense ao trámite de información pública o Plan de acción contra a contaminación acústica na Rede autonómica de estradas de Galicia.

O prazo de información pública é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia (o mércores, 9 de novembro de 2022).

Foto Carreira

Con motivo da XLI Carreira Internacional “A Clásica” de Negreira, un dos maiores eventos deportivos do outono en Galicia, este domingo día 13 de novembro; infórmase á cidadanía e visitantes das principais rúas afectadas polo paso das carreiras, así como as zonas onde quedará prohibido estacionar dende a tarde do sábado.

A recomendación principal é non intentar acceder con coches ao centro urbano o domingo, a partir das 09:30 horas. Se o fan, eviten as zonas afectadas para non sufrir longas esperas. Para os residentes no centro de Negreira, a recomendación é non usar o coche e se precisan desprazarse por traballo e outras razóns, fágano antes das 09:30 horas.

A qué horas?

O circuito homologado de 5.000 metros para as carreiras de adultos 5K e 10K permanecerá pechado ao tráfico entre as 10:00 e as 13:00 horas.

Zonas afectadas

Con saída da rúa de Castelao, continúa polo instituto Xulián Magariños, parte alta de Rosalía de Castro, avenida das Brañas, rotonda de Ceilán –só un carril-, Pedra Mámoa, Cobas, parque empresarial, avenida de Barcala, rúa da Cachurra, rúa do Carme e chegada de novo a rúa de Castelao.

Rúas cortadas

Totalmente cortadas estarán a rúa do Carme, a rúa de Castelao e maila contorna do instituto Xulián Magariños.

Prohibido aparcar

Dende a tarde do sábado non se poderá estacionar na rúa de Castelao, rúa do Carme, a marxe esquerda da rúa da Cachurra e a contorna do IES Xulián Magariños.

Entradas a Negreira

Estarán afectadas polas carreiras 5K e 10K, a partir das 09:45 horas, a entrada dende A Baña e a Variante –rotonda de Ceilán-, a través da avenida das Brañas, e maila avenida de Barcala dende a intersección do parque empresarial de Cobas.

Totalmente libres ao tráfico permanecerán as entradas polas estradas provinciais do Marco do Cornado, Pontenafonso e Urdilde –zona do campo da feira-, e maila avenida de Santiago. Neste caso, estará prohibido o xiro á dereita de subida pola rúa Fonte do Carme, desde a rotonda da fonte das vacas, polo que recoméndase aos condutores non intentar acceder ao centro urbano por esa zona.

Percorrido.jpg

C2.JPG

A Corporación Municipal de Negreira, en sesión ordinaria, reúne este luns día 14 de novembro, ás 20:00 horas no Salón de Plenos, conforme á seguinte Orde do día:

1º.- Aprobación, se procede, da acta da sesión ordinaria de data 9 de maio de 2022.

2º.- Dar conta dos Decretos de Alcaldía emitidos dende o último Pleno Ordinario: do nº 241/2022 ó nº 271/2022, ambos inclusive.

3º.- Aprobación provisional, se procede, da modificación das tarifas dos servizos municipais de abastecemento de auga potable e depuración de augas residuais.

4º.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE para respaldar a adopción de determinadas medidas co fin de paliar ou frenar a inflación e así axudar as familias máis vulnerables.

5º.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE para a recuperación da liña de axudas para as oficinas municipais de información ao consumidor.

6º.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do Partido Popular en relación á mellora do parque do Coto.

7º.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do Partido Popular en relación ás obras a incluir no POS + 2023

8º.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do Partido Popular para a adquisición de determinados inmobles.

9º.- Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do Partido Popular instando o acondicionamento da estancia sita no Campo da Feira empregada polo persoal do servizo de limpeza.

10º.- Rogos e Preguntas.

Datos adxuntos:

portada 41 carreira internacional negreira

 

Gran acollida de participación a que tivo a 41ª Carreira Internacional «A Clásica» de Negreira, un evento deportivo de alto nivel na súa carreira de 10.000 metros que centrou a atención do numeroso público presente e os espectadores que seguiron a retransmisión deportiva pola Televisión de Galicia, que ofreceu íntegra a proba da 10K.

Como era de agardar, o dominio africano foi total para definir o pódium. O keniano Peter Kariuki baixou dos 30 minutos cun tempo de 29 minutos e 19 segundos, gañando a proba e levándose un premio económico de 900 euros; seguido a 13 segundos polo seu compatriota Nehemiah Kipyegu, quen obtivo un premio de 500 euros. Ambos viñan de ser primeiro e segundo, no recente Cross Internacional de Zaragoza, ademáis de vencer na 10K de Calatayud.

Os marroquíes, Youssef Ben Hadi e Mohamed El Tahaoui, foron terceiro e cuarto, respectivamente, cun premio de 300 e 200 euros. E Alejandro Fernández –último gañador en 2019-, foi quinto (100€) e o primeiro galego en meta cun tempo de 32:57 por diante de Amador Pena, sexto. Para eles sería os premios económicos de 200 e 100 euros como mellores galegos, e Rubén Liñares sería terceiro.

A continuación chegaría a primeira atleta feminina, Joselyn Daniely Brea, no sétimo posto da xeral cun tempo de 34:23 e que levouse un premio de 900 euros. A súa irmán Edymar Daniely Brea foi segunda (500€), ocupando o posto 16 na xeral, e Sandra Mosquera, a terceira muller no posto 31 e cun premio económico de 300 euros, ao que lle sumou o de primeira galega (200€), seguida por Inés Pampín (100€), e Rocío Alvite, terceira galega e premio de 50€.

En canto á participación local, salientar que Jorge Crespo Arias e Luís Calvo, quenes entraron xuntos en meta, foron os primeiros nos postos décimo e undécimo, respectivamente. Terceiro foi Abelardo Soler. E no cadro feminino, subraiar que Alba Pérez Nieto, do Atletismo Negreira, no posto 166 foi a primeira en cruzar a liña de meta, seguida de Marta Losada (posto 262), e de María José Suárez, no posto 332 da xeral. Os tres primeiros locais obtiveron premios de 100, 50 e 40 euros, respectivamente.

Carreira 5K

O vencedor foi Daniel Álvarez que mantivo un reñido pulso co xoven Abel Vila, entrando os dous case que á par. O gañador fixo un tempo de 16 minutos e 53 segundos, sacándolle dous segundos ao seu rival. Terceiro foi Lucas Pena, a vinte segundos. E no cadro feminino, a vencedora foi Carolina Mastawesha (19.01), e segunda foi Esther Pedrosa, mentres que terceira quedou a Sub16 Daniela Rama.

No apartado local, o vencedor masculino foi Carlos Martínez Mayo, que foi oitavo cun tempo de 18:06 e Ramón Pérez, segundo, con 19:02, ambos do Atletismo Negreira. Terceiro foi Alae Elissaoui con 10:14.

Por último, no apartado feminino, salientar que a gañadora no apartado local foi Irma Oroña, posto 70 da xeral, seguida de Alba Forján (cuarta Sub16 na xeral e primeira local), e Raquel Castillo, que foi terceira sénior na xeral.

Finalmente, na terceira carreira de infantís e alevíns, destacamos o primeiro posto de Jun Sieira, do Club Atletismo Negreira, quen se impuso con total superioridade ao resto de participantes e entro usó n aliña de meta. A primeira feminina foi Paula Fernández. En benxamíns, Xoel Lires e Aitana García, foron os vencedores.

Clubes

O Atletismo Sar foi primeiro, con 302 puntos; seguido do Compostela Atletismo, con 1.510 puntos. A terceira praza foi para Ginásio Clube de Bragança, con 1.705 puntos. O premio para o centro educativo máis numeroso foi para o CEIP O Coto.

Durante a cerimonia de entrega de premios rendeuse unha pequena homenaxe ao presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, quen deixa o cargo logo de dezaséis anos e que será sustituido por Iván Sanmartín, ata agora, delegado da FGA en Santiago, que onte participo una 5K. O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, fíxolle entrega dunha placa de agradecemento a Isidoro Hornillos.

RESULTADOS

https://eventos.emesports.es/inscripcion/xli-carreira-popular-de-negreira/clasificaciones/

 

deputacion da coruña

Loita contra violencia de xenero 2

 

A presente convocatoria ten por obxecto a concesión dos premios do XII Concurso de relatos curtos e carteis gráficos “Loita contra a violencia de Xénero”, organizado polo Concello de Negreira a través do Centro de Información á Muller (CIM), co fin de sensibilizar á poboación sobre desta lacra social.

Bases de participación

.Poderán participar tódalas persoas menores de 18 anos.    

                                                      

2ª.Os traballos presentados deberán ser entregados no Centro de Información á Muller no Concello de Negreira, nun sobre pechado. Deberá constar un número de teléfono de contacto e en ningún caso deberá aparecer o nome da persoa participante. A identificación da persoa levarase a cabo mediante o uso dun pseudónimo.

3ª.O concurso constará de tres modalidades: relato curto ,cartel gráfico e curtametraxes. A temática a que deben axustarse os traballos é a Loita contra a Violencia de Xénero en tódalas súas manifestacións: física, psicolóxica, sexual, económica, estrutural… así como os efectos e consecuencias da mesma en tódalas persoas que a sofren.

4ª.Os traballos presentaranse en galego ou castelán. No caso dos relatos terán como extensión máxima 5 folios (DIN-A4).

 

.Tódolos traballos que se presenten deberán ser orixinais, inéditos e non presentados en anteriores concursos neste ou noutro concello. De non ser así, quedarán inmediatamente excluídos do concurso.

6ª.Os criterios de valoración para elixir ós traballos premiados serán os seguintes: contido e tratamento do tema, orixinalidade, expresión e presentación en xeral.

7ª. O prazo para a presentación dos traballos é do 16 ó 24 de novembro.

8ª.Os traballos orixinais quedarán en poder do CIM de Negreira que se reserva o dereito para a súa publicación, exposición, doazón ou calquera outro uso posterior, sempre sen ánimo de lucro.

9ª.Entre tódolos traballos recibidos un xurado independente seleccionará os gañadores de cada modalidade e concederá os seguintes agasallos :

            -Premio ó mellor relato curto: vale regalo por importe de 100 Euros a utilizar nunha tenda da vila.

            -Premio ó mellor cartel gráfico: vale regalo por importe de 100 Euros a utilizar nunha tenda da vila.

 

-Premio ó mellor curtametraxe: vale regalo por importe de 100 Euros a utilizar nunha tenda da vila.

 

10ª. A entrega de premios levarase a cabo de maneira individual en data a concretar entre a organización e as persoas premiadas.

11ª.Os traballos gañadores poderán divulgarse a través dos medios de comunicación locais.

12ª.As persoas participantes serán as únicas responsables do contido respectando as esixencias legais de dereitos, de autoría ou plaxio, segundo as leis vixentes.

13ª.Tódolos participantes están obrigados a cumprir estas bases. Calquera outra circunstancia non prevista nas mesmas, será resolta polo xurado e as súas decisións serán inapelables.

un nadal sen diferenzas agasalla co voluntariado

 

O Concello de Negreira, a través do Servizo de Voluntariado, lanza a súa campaña anual de Reis para que ningún nen@ de Negreira quede este Nadal sen o seu agasallo por tan importante celebración para as crianzas.

Queres axudar aos Reis Magos?

Pois é moi sinxelo. No mes de decembro recibirás na túa conta de correo electrónico, unha carta na que un neno ou nena de Negreira pedirá varios agasallos, dos cales, as persoas participantes mercarán só un, de valor igual ou inferior a 30 €, e así, poder facel feliz o día de Reis.

Infórmate da campaña no número de teléfono: 664 074 674, ou no seguinte enderezo electrónico: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

Grazas de antemán pola vosa colaboración.