A rúa Fonte do Carme pecharase ao tráfico o luns 17 de agosto por obras

O proxecto de mellora da rúa Fonte do Carme consistente na renovación de colectores subterráneos e a capa de rodadura, obriga a cortar totalmente á circulación de vehículos, a partir do LUNS 17 DE AGOSTO e durante o tempo que duren os traballos. Igualmente, tampouco poderá estacionarse na rúa e a entrada e saída dos garaxes queda restrinxida puntualmente.

A alternativa para o tráfico será continuando pola avenida de Santiago (tramo Casa Barqueiro e farmacia), con xiro obrigatorio á dereita pola rúa do Carme (Casa do Concello), en dirección contraria ó habitual para logo conectar coa rúa Camiño Vello e a rúa de Castelao. 

Vehículos pesados

O tráfico de camións (máis de 3,5 toneladas) polo centro urbano será desviado a través da Variante de Negreira dende a rotonda de acceso na zona de A Barquiña e dende o Campo da Feira. 

PLANO CAMBIOS

 

Cambio parada de bus

Infórmase á veciñanza e visitantes que a parada do transporte de viaxeiros pasará a estar situada provisionalmente e mentres duren as obras, na avenida de Santiago (abaixo de Ferretería Ferreiro), facilitando así, a circulación dos buses de entrada e saída do centro urbano. 

Todos os cambios e desvíos alternativos estarán perfectamente sinalizados. Pregamos a colaboración da veciñanza e desculpen as molestias que uns traballos tan necesarios poidan ocasionar. 

Concerto a dúas bandas

A Banda Ateneo de Negreira protagonizará este sábado un concerto moi especial xunto ao Centre Estudi Musical d'Almàssera, unha agrupación da Comunidade Valenciana que estes días se atopa na vila participando nun intercambio musical coa formación negreiresa.


Baixo o título de "Concerto a dúas bandas", ambas agrupacións compartirán escenario para ofrecer un repertorio conxunto nunha actuación que servirá para estreitar os lazos de amizade e colaboración entre os dous colectivos a través da música.


A cita será o sábado, 1 de agosto, ás 20.00 horas, no Auditorio Afonso Eanes do Cotón.
 

cristobaliño

O Entroido de Verán do Cristobaliño volverá converter Negreira nunha gran festa cun programa de actividades que cada ano incorpora novas propostas e consolida outras xa tradicionais. Organizado pola Asociación Negreira Viva, este evento, xa é unha das citas máis destacadas do verán, reunindo a centos de persoas.


Mañá, sábado 25, a xornada comezará cunha das novidades deste ano: a Sesión Vermú, que contará coa actuación de Los Jinetes del Trópico e coa celebración do Nicravisión Júnior, un espazo no que os máis pequenos demostrarán o seu talento sobre o escenario.


Pola tarde chegará un dos momentos máis agardados coa Festa da Auga, no Campo da Feira, antes de dar paso ao desfile do Cristobaliño no seu tractor ata a Praza do Concello.


A continuación celebrarase unha nova edición do Nicravisión, o xa tradicional concurso de playbacks que premia as mellores actuacións e caracterizacións, antes dunha noite de concertos cun cartel de primeiro nivel.


O escenario do Cristobaliño contará coa actuación de Fuego Lolita, banda gañadora do certame de Novos Valores do Festigal 2026 e na que canta a negreiresa Lara López; dos noieses Monoulious DOP; e do mítico dúo Azúcar Moreno.


O peche da festa correrá a cargo do DJ Bacardit e do xalleiro Lg1do, artista revelación da música urbana galega.


Liñaio celebra a súa Festa da Zorza


Como alternativa para quen busque unha proposta máis tradicional, a parroquia de Liñaio acolle esta fin de semana a Festa da Zorza e os festexos na honra da Virxe das Dores.


O sábado, desde as 20.00 horas, haberá unha degustación de zorza con pan e viño do país, amenizada polo Dúo Explosión e coa actuación da cantante Adriana Vigo.


Xa o domingo celebraranse o día das Dores, coa misa solemne ás 12.30 horas, seguida da tradicional sesión vermú, que nesta edición estará amenizada pola Charanga Santa Compaña.
 

Obras de mellora na Avenida de Feiraco

O Concello de Negreira informa á veciñanza de que, con motivo das obras de mellora do firme na Avenida de Feiraco, os vindeiros mércores 22, xoves 23 e venres 24 permanecerá cortado o acceso ao tráfico de vehículos nesta vía.

Durante estas tres xornadas estará tamén prohibido estacionar en toda a Avenida de Feiraco, polo que se solicita a colaboración da veciñanza para que retire os seus vehículos con suficiente antelación, evitando así incidencias e facilitando o desenvolvemento dos traballos previstos.

As actuacións comezarán coa limpeza integral da vía e, unha vez rematada esta fase, procederase ao aglomerado de toda a rúa, uns traballos necesarios para mellorar o estado do pavimento e reforzar a seguridade e a comodidade da circulación.

O Concello agradece de antemán a comprensión e colaboración de todas as persoas afectadas e pide desculpas polas molestias temporais que estas actuacións poidan ocasionar, lembrando que se trata dunhas obras destinadas a mellorar unha das principais vías no centro  da vila.

Noites en Vela 2026

A Ponte Maceira volverá converterse no sábado 18 de xullo nun escenario único coa celebración dunha nova edición das Noites en Vela, unha cita cultural organizada conxuntamente polos concellos de Ames e Negreira que, desde 2016, pon en valor este enclave patrimonial e paisaxístico situado no Camiño de Fisterra-Muxía.

A partir das 21.00 horas, o público poderá gozar das actuacións do cuarteto Balteira e do grupo de gaitas da Asociación Cultural Follas Novas de Ames. A programación completarase cun espectáculo pirotécnico que servirá de peche á velada.

Os alcaldes de Negreira, Manuel Ángel Leis, e Ames, Blas García, destacaron a importancia desta iniciativa para promocionar un espazo tan emblemático como A Ponte Maceira, declarada Ben de Interese Cultural e integrada na rede dos Pobos Máis Bonitos de España.

Noites en Vela 2026

 

 

 

Convocatoria de pleno ordinario

O Concello de Negreira informa de que o vindeiro luns 13 de xullo de 2026, ás 21:00 horas, terá lugar na Casa do Concello a sesión ordinaria do Pleno da Corporación Municipal, co obxectivo de tratar os asuntos que se detallan na seguinte orde do día:

Orde do día:

  1. Primeiro. Dar conta dos Decretos de Alcaldía emitidos desde o último Pleno Ordinario: Decreto nº 181/2026 ao Decreto nº 283/2026, ambos inclusive.
  2. Segundo. Ratificación do Decreto de Alcaldía nº 214/2026, do 21/05/2026, relativo á aprobación do proxecto "Aglomerado en Pesadoira". (Expediente Núm. 2026/G003/000222).
  3. Terceiro. Ratificación do Decreto de Alcaldía nº 216/2026, do 21/05/2026, relativo á aprobación do proxecto "Aglomerado en Gonte". (Expediente Núm. 2026/G003/000221).
  4. Cuarto. Ratificación do Decreto de Alcaldía nº 268/2026, do 17/06/2026, relativo á aprobación do proxecto "Rede de saneamento nos núcleos de Cancelo e Triáns en Cobas. Negreira". (Expediente Núm. 2026/G003/000277).
  5. Quinto. Ratificación do Decreto de Alcaldía nº 269/2026, do 19/06/2026, relativo á aprobación do proxecto "Aglomerado Pedra Mámoa". (Expediente Núm. 2026/G003/000278).
  6. Sexto. Ratificación do Convenio de colaboración subscrito entre os concellos de Negreira, A Baña, Santa Comba e Val do Dubra para a xestión de servizos e obras compartidos ao abeiro da convocatoria de subvencións para Obradoiros Duais de Emprego 2026. (Expediente Núm. 2026/A005/000002).
  7. Sétimo. Modificación da Ordenanza municipal reguladora do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Negreira. (Expediente Núm. 2026/G014/000002).
  8. Oitavo. Modificación da Ordenanza reguladora da Taxa pola prestación do Servizo público de Axuda no Fogar. (Expediente Núm. 2026/G016/000001).
  9. Noveno. Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do BNG en relación co Centro de Saúde de Negreira.
  10. Décimo. Proposta de acordo que formula o Grupo Municipal do BNG en relación co CEIP Plurilingüe O Coto.
  11. Décimo primeiro. Rogos e preguntas.
O Concello de Negreira continúa desenvolvendo a programación do Verán Cultural, cunha ampla oferta de actividades culturais, de lecer e de conciliación que se estenderá ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro.

O Concello de Negreira continúa desenvolvendo a programación do Verán Cultural, cunha ampla oferta de actividades culturais, de lecer e de conciliación que se estenderá ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro.

A programación, que arrancou no mes de xuño con citas xa consolidadas como o Festival Internacional de Folclore "Vila de Negreira", os concertos do Nicrafolk ou a Feira do Románico, afronta agora unha nova etapa cun calendario pensado para todos os públicos.

Entre as actividades de maior demanda destaca o Diververán, destinado a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos. Os obradoiros de manualidades e pintura desenvólvense de luns a venres en horario de mañá na Casa da Cultura, distribuídos en diferentes quendas durante os meses de xullo e agosto, favorecendo a conciliación das familias durante o período estival.

O espazo público volverá converterse nun dos grandes protagonistas grazas ao ciclo Cultura a Pé de Rúa, que levará espectáculos de teatro, circo e música a distintos puntos da vila. O Parque do Coto acollerá propostas como Carman, Dr. Flaming ou a actuación da formación Royal. Ademais, a Praza do Concello será o escenario, o 25 de xullo, dunha nova edición do Cristobaliño, unha iniciativa da Asociación Negreira Viva que conta coa colaboración do Concello. A programación continuará o 13 de agosto coa representación de Hoxe si!, da compañía De Sempre Arriba.

A creación contemporánea tamén terá un papel destacado coa chegada do Delas Fest, o festival feminista de arte urbana e contextual, que se celebrará entre o 27 de xullo e o 2 de agosto, achegando intervencións artísticas e propostas culturais de vangarda ao municipio.

Xa na recta final do verán celebraranse os tradicionais Campamentos de Verán, que nesta edición terán lugar no Albergue Xuvenil de Espiñeira, en Boiro, entre o 26 de agosto e o 4 de setembro.

A actividade cultural continuará durante o mes de setembro cunha programación variada. O venres 18, o Auditorio Afonso Eanes do Cotón acollerá a representación da obra As formas do amor, dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios. O sábado 19 celebrarase unha nova edición do Nicrarock no Parque do Coto, coa actuación de D'Crooners e Pepe Piña. O domingo 20 terá lugar na Praza do Concello o tradicional Festival de Bandas, coa participación da Banda Municipal Ateneo de Negreira e da Banda de Música de Lousame. A programación completarase o venres 25 coa proxección de Rondallas, dentro do ciclo de cine no Auditorio Afonso Eanes do Cotón.

Ademais, nunha data aínda por confirmar, celebraráse unha nova edición do Encontro As Tres Negreiras, unha cita de confraternidade que reunirá aos municipios de Negreira, A Estrada e Santa Comba e que incluirá conferencias e actuacións musicais.

CAMPAÑA POLO CONSUMO RESPONSABLE DA AUGA

O impacto do cambio climático en Galicia xa non é unha ameaza futura, senón unha realidade urxente. Basta con mirar o estado dos ríos, encoros e acuíferos para comprobar como as ondas de calor adiantadas, as secas máis longas do habitual e a irregularidade das precipitacións están a poñer en risco un recurso que sempre demos por garantido. Ante este escenario, Espina & Delfín e o Concello de Negreira poñen en marcha, un ano máis, a súa campaña de consumo responsable da auga, baixo o lema «A auga non é infinita. Consúmea con cabeza».


Espina & Delfín, empresa concesionaria do servizo municipal de abastecemento de auga, traballa en estreita colaboración co Goberno local nesta iniciativa. Así, combinaranse materiais informativos e canles de comunicación dixital para que a mensaxe de aforro chegue á veciñanza coa maior proximidade posible.


En 2025, o volume de auga consumida pola veciñanza do Concello de Negreira situouse en 1.210.291 m³, o que supón unha media mensual de 100.857 m³. Se analizamos a evolución ao longo dese ano, o pico de consumo rexistrouse en plena tempada estival: no mes de agosto acadouse o valor máximo, con 120.057 m³. Pola contra, febreiro foi o mes con menor demanda, cun total de 77.851 m³. Esta diferenza implica que durante o mes de agosto o consumo de auga foi un 35 % superior ao do resto do ano.


A campaña pon o foco en que ningunha acción individual é pequena cando se trata de aforrar e protexer o ciclo integral da auga. Por iso, máis alá da teoría, apóstase por trasladar pautas moi sinxelas e fáciles de aplicar no día a día. No fogar, pecha a billa mentres enxaboas os pratos ou lavas os dentes; escolle a ducha fronte ao baño e procura que non se prolongue máis do necesario; utiliza a lavadora e o lavalouzas sempre con carga completa. Tamén é importante revisar as instalacións domésticas e instalar aforradores de caudal para evitar os litros que se perden polo goteo.


Encher a piscina, lavar o coche ou regar o xardín son hábitos frecuentes nesta época, pero convén facelos con responsabilidade: evitar as horas de máis calor, aproveitar mellor cada litro e reducir os usos que non sexan necesarios. E, se marchamos de vacacións e a vivenda queda baleira, deberiamos pechar a chave de paso para evitar fugas e sobresaltos mentres non hai ninguén que poida detectalos. Porque coidar a auga tamén depende desas pequenas decisións que, sumadas, axudan a protexer un recurso cada vez máis valioso e vulnerable.


Sobre Espina & Delfín


Espina & Delfín é unha compañía especializada na xestión integral do ciclo da auga, con presenza en numerosos municipios de Galicia. A súa actividade abrangue a operación de estacións de tratamento de auga potable (ETAP), instalacións de depuración de augas residuais e outras infraestruturas vinculadas ao abastecemento, cun firme compromiso coa sustentabilidade, a innovación e o servizo á cidadanía.
 

NOVOS CURSOS CELGA E LAG

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia convoca, con carácter gratuíto, os cursos de linguaxe administrativa galega (LAG) de nivel medio e superior, en modalidade en liña, así como os cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), que se impartirán durante o curso 2026/27 nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.


Os cursos de LAG impartiranse entre setembro e decembro (primeiro cuadrimestre) e entre xaneiro e abril (segundo cuadrimestre). Pola súa parte, os cursos preparatorios para os certificados Celga celebraranse entre setembro e decembro no primeiro cuadrimestre e entre xaneiro e maio no segundo.


O prazo de presentación de solicitudes para os cursos do primeiro cuadrimestre permanecerá aberto do 29 de xuño ao 10 de xullo de 2026. Para os cursos do segundo cuadrimestre, o prazo será do 2 ao 13 de novembro de 2026.


As persoas interesadas poden consultar toda a información sobre a convocatoria e o procedemento de inscrición no Portal da Lingua Galega.
 

Medio Rural regula o uso de maquinaría con risco alto de incendio

A Consellaría do Medio Rural publicou este luns 29 de xuño, unha nova orde para regular o uso de maquinaria no período de alto risco de incendio que obriga a contar cunha serie de medidas de prevención para realizar traballos entre as 12:00 e as 18:00 horas do día.

No Diario Oficial de Galicia (DOG), infórmase da Orde do 23 de xuño de 2026 pola que se regula a utilización de maquinaria durante a época de perigo alto, nos supostos de índice de risco de incendio forestal moi alto ou extremo. Aplícase durante o período considerado de alto risco -do 1 de xullo ao 30 de setembro- e os días en que o índice de risco diario de incendio sexa elevado. 

A nova normativa permite realizar actividades de carácter preventivo, silvícola ou agrícola con maquinaria en terreos forestais e as súas zonas de influencia eses días, pero cumprindo cunha serie de indicacións entre as 12:00 e as 18:00 horas.

Nesa franxa horaria, é obrigatorio contar cunha persoa que poida exercer de observador para que dea aviso aos servizos de emerxencia se detecta un posible conato.

Tamén será necesario dispoñer dun depósito de auga de polo menos 400 litros, un extintor de espuma con base de auga de polo menos 6 quilos, dous batelumes e unha mochila extintora de polo menos 15 litros.

Medio Rural regula o uso de maquinaría con risco alto de incendio