curso_prot_civil.jpg

Durante tres fins de semana consecutivas do mes de abril, Negreira acolle un curso sobre incendios forestais e urbáns dirixido a agrupacións de voluntarios de Protección Civil. Desenvolverase os días 7/8; 14/15 e 21/22 de abril, sendo impartidos en módulos teórico-prácticos por persoal cualificado na Casa da Cultura, e no parque empresarial de Cobas.

 

Coa colaboración do Concello de Negreira e maila Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Negreira, trátase dun curso descentralizado, promovido e financiado pola Academia Galega de Seguridade (AGAS), Emerxencias 112 Galicia e maila Asociación Provincial de Voluntarios de Protección Civil.

logo_deputacion.jpg

O Concello de Negreira informa que está aberto o prazo para a presentación de solicitudes para optar ás axudas que concede a Deputación da Coruña dentro do seu programa de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2018.

 

Os beneficiarios poderán ser:

 

Entidades de natureza cultural

Entidades de natureza veciñal (asociacións de veciños)

Entidades de natureza socioeducativa

Entidades de natureza social e/o asistencial

 

O prazo para a solicitude de dita convocatoria rematará o vindeiro 27 de abril do presente ano, ás 14:00 horas.

 

Para máis información e asesoramento, os interesados poden dirixirse á Axencia de Desenvolvemento Local, na primeira pranta da Casa do Concello.

prog_dep.jpg

A Primavera Deportiva-Cultural, é unha programación composta 26 actividades de deporte, teatro ou música, da que sobresae o Ciclo de Teatro 2018 con nove representacións repartidas entre os meses de abril, maio e xuño, todas elas no Auditorio do Centro Sociocultural, e nas que as entradas serán de balde, agás para as obras: Os Coleccionistas (20 de abril), e A culpa é do sistema (30 de abril), que teñen un prezo de 10 euros.

 

En abril destacan citas como a Xuntanza de gaiteiros (sábado 21), ás 20:30 horas co Liceo de Noia, a Escola de Gaita de Negreira e maila Escola de Ames; ou a Clausura das Escolas Deportivas (sábado 28), ás 16:00 horas no Pavillón de Pedra Mámoa.

 

Maio comezará coa presentación do libro ¨Catro décadas de fútbol do Negreira Veteranos¨, o venres 4 ás nove da noite no Auditorio, mentres que o sábado 5 celebrarase o Encontro dos maiores, e o sábado 12 a sexta edición da Copa Akai Ryu, destacando a presenza da Selección Española de Kárate, ou o acto de entrega dos Premios de Contos e Pintura Infantil (o martes 15); ou o XXI Torneo Intermunicipal de Fútbol Sala e mailo Concerto das Letras Galegas, da Banda Ateneo, ambos o sábado 19 de maio. O último domingo de maio celebrase o XXVI Día da Muiñeira, ás seis do serán na praza do Concello.

 

E para rematar, nas vésperas do verán, teremos un mes de xuño moi deportivo que comezará o sábado 2 coa Gala de Ximnasia Rítmica e maila final do Torneo Intercentros; o sábado 9 co III Triatlón Solidario e do 25 ó 27 co Campus de porteiros da SD Negreira. Entre medias, o domingo 3 actuará a cantante Tania Fuegho no Auditorio.

 

Consulta aquí toda a información:

 

· 

· Programación Primavera

· Cartel Ciclo de Teatro 2018

logo_clubdebate.png

Este luns día 9 de abril, o Salón de Plenos do Concello de Teo acolle a fase eliminatoria do Club de Debate, coa participación de 18 alumnos de Terceiro e Cuarto da ESO, así como de 1º de Bacharelato pertencentes ao IES Xulián Magariños, acompañados pola profesora María Blanco Crespo, nunha actividade que financia o Concello de Negreira.

 

Haberá outros tres equipos do IES de Cacheiras e de Ferrol nunha xornada que comezará ás 9:15 horas, coa recepción oficial a tódolos participantes. O primeiro debate comezará ás 10:00 horas, e cada debate terá unha duración máxima de 36 minutos.

En total haberá nove debates en horario de mañá e tarde, xa que cada equipo terá que defender unha vez a postura a favor e outra a postura en contra sobre o tema: A mocidade tamén ten actitudes e comportamentos machistas.

 

Deste xeito, non se valora a defensa dunha postura concreta, senón a maneira en que se afronta o debate, os recursos oratorios que se empregan e a capacidade de argumentar fronte ás formulacións do equipo adversario.

 

 

O Club de Debate é un torneo que pretende formar o alumnado en habilidades comunicativas e oratoria, ademais de favorecer a utilización do galego oral en contextos formais e informais. Constitúe tamén unha oportunidade para compartir unha xornada lúdica e de aprendizaxe Este torneo, que pretende formar o alumnado en habilidades comunicativas e oratoria e favorecer o uso do galego oral en contextos formais e informais, é tamén unha oportunidade para compartir unha xornada lúdica e de aprendizaxe.

 

O xurado desta edición estará composto por Nel Vidal Barral, normalizador lingüístico; Xosé Luís Santos Cabanas, escritor; Xosé Manuel Pazo Blanco, representante da CENL de Ferrolterra; Olalla Liñares García, xornalista, e Luz Zas, profesora de Lingüística na USC.

ximnastas1.jpg

Negreira acadou catro medallas de ouro na segunda xornada do I Torneo Inter Escolas de ximnasia rítmica, celebrado onte domingo no pavillón Paco Paz da cidade de Ourense. Tralo éxito da primeira xornada o pasado 18 de marzo no Carballiño, as xóvenes ximnastas da Escola Municipal de Ximnasia Rítmica que dirixe María Fernández, refrendaban en Ourense o seu gran traballo de preparación con sendos ouros en equipos: Alevín e Infantil, así como en categoría individual onde Sara Verde fíxose co ouro en alevín, e Xiana García, en infantil.  

 

ximnastas2.jpg

 

Este I Torneo Inter Escolas de ximnasia rítmica está organizado polos  clubes Marusia de Ourense, e Rítmica Compostela, e consta de catro fases, tres das cales se desenvolven na provincia de Ourense (O Carballiño-Ourense e Ribadavia), sendo o pavillón de Pedra Mámoa, en Negreira, o que acolla a gran final o sábado 2 de xuño pola tarde. A terceira fase será o 13 de maio en Ribadavia.

 

Está reservado a ximnastas de nivel escolar B, é dicir, ximnastas que como máximo adestren tres horas á semana. Non poderán participar nel ximnastas que competisen no 2017 no Campionato de Galicia Escolar ou no Campionato Provincial Escolar 2018.

pelvico.jpg

María del Carmen Souto Fraga, fisioterapeuta especialista en uroxinecoloxía e obstetricia, da clínica Fisiocenter, en Santiago, impartirá unha charla-taller acerca do solo pélvico, este sábado 14 de abril, ás 20:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura. Baixo o título: Descubre o teu solo pélvico, a fisioterapeuta abordará cuestións de interese como a recuperación postparto, a incontinencia urinaria, as disfuncións, ou as terapias preventivas, entre outras.

 

O solo pélvico é o gran descoñecido para moitas mulleres, que, aínda que oíron falar del, non saben ata que punto unha disfunción do mesmo pode influír na súa calidade de vida nin que actividades poden danalo. Entre os primeiros síntomas indicativos dunha disfunción do mesmo, figura como o máis común: a incontinencia urinaria. Así podemos entender o solo pélvico como un conxunto de músculos e ligamentos que pechan a parte máis inferior da cavidad abdominal.

 

debate100418.jpg

O IES Xulián Magariños de Negreira acadou onte a clasificación de dous dos seus tres equipos para a Fase Final do Club de Debate, a celebrarse o vindeiro 5 de maio na cidade de Ferrol. Fixérono tras superar na Fase de Zona celebrada no salón de plenos da Casa do Concello de Teo, aos equipos dos institutos Leixa e Canido, de Ferrol, e aos tres do IES de Cacheiras, de Teo.

 

A temática escollida foi: A mocidade tamén ten actitudes e comportamentos machistas. O IES Xulián Magariños acadaba como xa fixo o pasado curso, a clasificación de dous equipos para a gran final, se ben desta volta, presentaba tres equipos. Finalmente, foron o Equipo 1 (459,80 puntos) e o Equipo 2 (423,80 puntos), os que tentarán revalidar para Negreira e por terceiro ano consecutivo, o título de campións galegos do Club de Debate.

 

debate_equipo1.jpg

A decisión final do xurado fíxose agardar, e non foi ata aproximadamente as nove da noite cando coñecíase o desenlace da valoración do xurado, e pola cal, o IES Xulián Magariños pasa á gran final onde agardaban dous equipos do instituto de Ames, un do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, de Dodro, e mailo IES Luís Seoane, de Pontevedra, ca serán os seis equipos da final.

 

debate_equipo2.jpg

Os tres equipos do Xulián Magariños estiveron coordenados pola profesora, María Blanco, contando co apoio de alumnos de Segundo de Bacharelato. Na final de Ferrol, o tema a debater será: As tecnoloxías da información propician o emprego do galego ou non?

 

O Club de Debate é unha iniciativa dos Servizos de Normalización Lingüística co apoio dos concellos, entre eles, o de Negreira, de aí, a nosa noraboa a todo alumnado, profesorado e pais e nais que apoiaron coa súa presenza esta xornada chea de emocións.

 

radon120418.jpg

O gas radón é unha radiación natural. Procede principalmente do chan, e en menor medida por contaminación de materiais de construción ou da auga. Hai estudos que constatan que o 9 % dos cancros de pulmón en Galicia relaciónanse directamente con esa radiación natural. Negreira e A Baña, son dos dos municipios con alto risco.

 

Por todo isto, o Concello de Negreira está a instalar hoxe unha serie de medidores en cinco edificios públicos: a Casa do Concello; a Casa da Cultura; o Centro Sociocultural; a Escola Infantil e mailo CEIP O Coto. Durante un periodo de tres meses mediarán o nivel de incidencia do gas radón en distintas dependencias onde se concentra esta radiación natural, dentro dunha primeira fase. Logo, exáminase a incidencia do gas e se os niveis son elevados pásase a unha segunda fase cunha medición máis exhaustiva, así como á aplicación de solucións como a ventilación das zonas onde se detecte unha cantidade máis elevada de gas radón.

 

Este traballo corresponde á empresa Control y Estudio (CYE), que radicada en Narón, é pioneira en Galicia e das poucas a nivel nacional, especializada en ofrecer solucións a este problema. Faino en colaboración co Laboratorio de Radón de Galicia, situado no Comprexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

maiores180418.jpg

Desde este mércores 18 e até o luns 30 de abril, a veciñanza de Negreira que teña máis de 60 anos cumpridos pode retirar no departamento municipal de Servizos Sociais, os convites para asistir ó vixésimo terceiro Encontro dos maiores que se vai celebrar o sábado 5 de maio, no recinto do Campo dá feira.

 

A xornada comezará cunha misa ás 13:30 horas na capela do Pazo do Cotón, seguida da actuación da Banda Municipal de Negreira, e do xantar popular dos participantes a partir das 14.30 horas. E a sobremesa será amenizada por un dúo musical.

 

O Concello informa que haberá un servizo de autobuses polas distintas parroquias, a partir das 12:00 horas.

 

Máis información: 981 885 250 - 638 275 891.

coleccionistas3.jpg

Marcos Pereiro, Oswaldo Digón e Santi Romay, reinterpretan a historia da arte en Coleccionistas, a comedia que poderemos ver este venres 20 de abril, ás 21 horas no Ciclo de Teatro que desenvólvese no Auditorio do Centro Sociocultural. Este novo espectáculo de comedia cargado de sorpresas ven de estrearse a pasada fin de semana na Illa de Arousa, polo que a cita deste venres en Negreira será a segunda da xira.

 

Os espectadores asistirán en cada función ás máis orixinais reinterpretacións dalgunhas das obras de arte máis coñecidas. Pereiro, Digón e Romay encargaranse de describir con todo luxo de detalles a historia, o anecdotario ou o proceso de creación de cada un dos cadros, cando non a vida do artista.

 

Comedia e arte mestúranse nun espectáculo irrepetible que conta ademais coa música en directo do mestre Cristian Leggiero, que acompaña o relato de cada unha das obras seleccionadas polo público.

 

Oswaldo Digón dirixe este novo espectáculo no que participa Ainé Producións, e que tamén terá unha vertente solidaria, xa que o público participará realmente nesa poxa, achegando a súa oferta para levar un dos cadros ao saír do teatro. O importe recadado será destinado a unha entidade social sen ánimo de lucro de cada municipio no que actúen.