DSC_0663.jpg

O escritor e poeta, Francisco Javier Fernández Dávila, de Panxón, no concello pontevedrés de Nigrán, co poemario: Palabras mortas, baixo o pseudónimo Améndoa periférica, resultou gañador do duodécimo Certame de Poesía Xosé M. López “Ardeiro”, convocado polo Concello de Negreira e coa colaboración da Dirección Xeral de Políticas Culturais, da Xunta de Galicia.

 

O resultado do xurado foi por maioría e segundo detallou a súa secretaria, María Rey, o xurado valorou: “Unha proposta na que desde unha tradición perfectamente integrada e asumida, se ofrece unha visión orixinal e coherente, que recolle o testemuño persoal e asumindo a voz dunha colectividade de hoxe en día», afirmou.

 

FOTO 1.jpg

 

Para Francisco Fernández Davila é un premio moi especial, dixo. “Gústame especialmente este certame porque é froito do amor. Pode ser cursi falar de amor, pero é a verdade”, segundo sinalou o gañador, quen tivo palabras para o outro finalista e animóuno a seguir tentándoo porque él xa estivo na mesma situación hai tres anos cando foi finalista do premio.

 

Este premio está dotado de 2.500 € en metálico que entrega o Concello e, o gañador recibirá 300 exemplares da edición do poemario que publicará a Xunta de Galicia. O gañador xa ten no seu haber numerosos premios: o de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, en 2017 e o XVII Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos, do Concello de Noia, coa novela Alana, no ano 2018, entre outros.

 

O outro finalista foi Francisco Vila Díaz, de Monforte de Lemos, coa obra: Estanque de tormentas, presentada baixo o pseudónimo Perséfone. Obtén un premio en metálico de 500 euros. Francisco Vila explicou que a súa obra trata da “dualidade” no proceso creativo entre vida e morte porque dixo “eu coido que todos os nosos actos son en realidade creativos e con cada un deles nos achegámos un pouquiño á morte”, subraiou.

 

FOTO 2.jpg

No acto celebrado este 20 de Nadal no auditorio Afonso Eanes do Cotón, na véspera do dezaséis cabodano do poeta de Logrosa, participaron o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo Suárez, quen sinalou que o certame “honra á persoa que leva ese nome e apelidos e ademais, permite darlle recoñecemento á creación e poesía en lingua galega”. Congratulouse o director xeral da “gran cantidade de traballos que se están a presentar aos diferentes certames en Galicia, porque a situación literaria en Galicia favorecue moito a creación, e estimulou moito aos creadores a presentarse aos premios”.

 

Pola súa banda, o alcalde Manuel Ángel Leis Míguez, salientou que o Concello de Negreira vai tentar coas demais administración, que Xosé Manuel López Gómez “Ardeiro”, sexa tido en conta para dedicarlle o Día das Letras Galegas, tal e como expresou antes no seu desexo, Francisco Fernández Davila.

 

Encargouse de amenizar o acto, a cantante Judith Cundíns. O xurado do certame estivo composto por: José Antonio Ponte Far, como presidente; María Rey, como secretaria; e os escritores e críticos literarios Xulio López Valcárcel; María López Sández e Diana Varela.

 

powered by social2s