A Corporación Municipal reunida este luns 14 de marzo en sesión ordinaria do Pleno, acordou por unanimidade efectuar as modificacións solicitadas pola Deputación da Coruña entorno ó Plan de Acción Social (PAS) 2015. Tamén refrendou o acordo do agrupamento dos concellos de Negreira e A Baña cara a subvención contemplada pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que os dous concellos compartirán unha actuación de aforro enerxético no alumado público, nas zonas de Covas e San Cibrán.

 

Os tres grupos políticos, por unanimidade, deron luz verde ó Plan de Aforro e Investimento (PAI) 2016, financiado pola Deputación da Coruña e, cuxo importe ascende a 274.468 euros, o cal será empregado íntegramente para amortizar débeda bancaria, polo que aforraránse os xuros do préstamo a liquidar, xa que conta con dous anos de carencia e a devolver nun prazo de dez anos.

O Pleno tamén prestou aprobación a un recoñecemento extraxudicial de créditos por un importe de 779.300 euros. Trátase de facturas por servizos prestados e non recoñecidas ó peche do último exercicio (31 de decembro de 2015), e correspondentes aos anos 2014 e 2015. Este punto foi aprobado únicamente cos votos a favor dos seis concelleiros do Goberno, coa abstención tanto do Partido Popular como de Cidadáns de Negreira.

Na sesión ordinaria do mes de marzo, prestouse aprobación a un total de seis mocións presentadas polo grupo municipal de Cidadáns (C´s), relativas a: Solicitude ante o Sergas, da cobertura do servizo de matrona, amortizado na actualidade, tendo en conta que as usuarios son derivadas cara o municipio da Baña; a creación dun Fondo de Cohesión Social coa porcentaxe do 0,1% que mantívose para este ano no IBI; emprazamento dun futuro Centro de día e Residencia de maiores, no terreo lindante co Centro de Saúde; trasladar o almacén de alimentos de Servizos Sociais para un local máis axeitado que o baixo do Auditorio; acometer unha serie de melloras e adaptabilidade no exterior da Escola Infantil Municipal, e por último, a emisión dun informe bimensual por parte da Intervención municipal para facer un seguimento público da situación económica do Concello.

Proposta Letras Galegas

A Corporación tamén aprobou unha proposta dirixida ó plenario da Real Academia Galega (RAG), de dedicación do Día das Letras Galegas 2017 ó poeta barcalés, Xosé Manuel López Gómez ¨Ardeiro¨.

Asemesmo, deuse lectura e aprobación, a unha declaración institucional dos tres partidos que conforman a Corporación municipal entorno ó proxecto presentado pola Asociación Cultural Afonso Eanes, en relación coa Lei de Memoria Histórica para homenaxear aos represaliados durante a Guerra Civil e maila Ditadura franquista. A voceira do goberno, María Jesús Veiga Hortas, expresou o rexeitamento de calquera acción golpista e, coincidindo coa proposta de Afonso Eanes expresaba o seguinte: «será esta Corporación a que decidirá, cómo, cando e onde, realizar dita homenaxe para todos aqueles que foron perseguidos pola súa ideoloxía relixiosa ou política, e que propiciaron a instauración da democracia».

0
0
0
s2sdefault