procesion-sancristovo-negreira.png

 

A vila de Negreira celebra dende o venres 9 ao domingo 11 de xullo as súas populares festas na honra a San Cristovo que desta volta contarán con tres concertos coma pratos fortes: o venres 9 coa Mekánika Rolling Band; o sábado 10 con Andrea Pousa e Sheila Patricia –ambos no patio do CEIP O Coto-, e o domingo 11 co tradicional concerto a mediodía da Banda de Música Ateneo de Negreira, na praza do Concello.

Os concertos ás 22:00 horas no Patio interior do colexio do Coto son gratuitos, se ben é necesario reservar a entrada con rexistro previo nos seguintes enlaces:


- Mekánika Rolling Band: https://bit.ly/3qNLhtV
- Andrea Pousa e Sheila Patricia: https://bit.ly/3hDUTDC


Con máis de 15 anos de experiencia, a cantante nada en Tomiño inicia en Negreira a súa xira do seu segundo disco “Retorno” que a levará a percorrer este verán Galicia. Neste traballo destaca a canción “Camiñares”, cuxo vídeo promocional foi realizado en diferentes localizacións do Camiño de Santiago, entre elas a paraxe natural de A Ponte Maceira, pertencente á rede de Los Pueblos más bonitos de España.

 

pueblos-mas-bonitos.png

 

O programa das festas de San Cristovo 2021 inclúe aparte das actuacións musicais ao vivo, outras propostas ben interesantes. Na xornada festiva do venres 9 teremos unha dobre cita coa actuación do mago Romarís na planta baixa do Centro Sociocultural, cun aforo máximo de 30 persoas para cada pase (20 e 21 horas), dentro da súa Xira Máxica por distintas parroquias de Negreira. É necesario anotarse para a actuación no número de teléfono: 676 454 879.


Procesión motorizada


Non cabe dúbida que un dos momentos máis esperados das festas é o da procesión motorizada de camións, autobuses e coches engalanados, o sábado despois da misa fixada para as 12.30 horas na capela do Cotón. Nesta ocasión, os profesionais do transporte volven a transitar polas rúas da vila cos seus vehículos no día do seu patrón, cuxa imaxe é transportada por un dos vehículos abrindo a procesión.


E a partir das 20:00 horas do sábado será a charanga Os Celtas e maila agrupación musical Tíralle do aire quenes poñan a nota musical coa animación de rúas.


Para rematar, o domingo dende as 09:00 horas no Campo de fútbol Jesús García Calvo vaise desenvolver a undécima proba da Liga Autonómica de Agility, onde o público poderá comprobar in situ a evolución dos cans cos seus preparadores á hora de superar unha serie de circuitos con probas de habilidade e no menor tempo posible. A entrada é gratuita ata completar o aforo disponible.

 

perretes-negreira.png

powered by social2s