O Concello de Negreira é precursor, entre os municipios das súas características, en poñer en marcha unha iniciativa como son unhas xornadas formativas en materia de igualdade dirixidas a todo o seu persoal. Os obradoiros celebraranse os días 21, 22 e 28 de febreiro, e con eles, o goberno municipal pretende dotar aos seus empregados e empregadas, de coñecementos básicos sobre xénero e igualdade nunha acción que se integra no proceso de avaliación do III Plan de Igualdade de Oportunidades e a elaboración do IV Plan do municipio.

 

Conseguir a igualdade real e efectiva na sociedade actual require non só do compromiso dos poderes públicos, senón tamén das persoas, da cidadanía; neste caso concreto, da implicación e compromiso de traballadores e traballadoras do Concello, porque coa igualdade gañan todas as mulleres e homes de Negreira.

 

 

Dirixida ao persoal técnico e político

Un total de 125 persoas asisten a estas sesións formativas que teñen lugar os días 21, 22 (ás 8:30 horas) e 28 de febreiro (ás 16:00h), na Casa da Cultura. Asistirán aos talleres o persoal técnico, de administración, obras, limpeza, axuda a domicilio, escola infantil, escola de música, policía local, radio, e alumnado e profesorado do Obradoiro de emprego, así como as persoasque forman parte do equipo de goberno.

 

Configuraranse ata seis grupos diferentes para asistir ao que será unha primeira aproximación ao significado do principio da igualdade entre mulleres e homes e á toma de conciencia da existencia de desigualdade e discriminación.

 

Esta formación constitúe o inicio dun camiño cara a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes do concello de Negreira, a través dun proceso formativo que pretende cambiar prácticas profesionais a partir da toma de conciencia dos estereotipos e condicionantes de xénero que imperan na sociedade e na práctica profesional diaria.

 

En relación con isto cómpre destacar a próxima elaboración do IV plan de igualdade entre mulleres e homes do Concello de Negreira, unha vez finalice o actual proceso de avaliación do anterior plan.

powered by social2s