lidiaparada.jpgA catro veces consecutivas campioa de España absoluta de lanzamento de xavelina, a atleta Lidia Parada Santos, natural da Pobra do Caramiñal, asiste este venres 1 de febreiro á VIII Gala do Deporte ¨Concello de Negreira¨ como madriña deste importante evento social que reúne aos mellores deportistas de Negreira.

 

Lidia Parada compite pola Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, onde adestra con Abelardo Moure. Representou a España no Campionato do Mundo Xuvenil de Bressanone, no ano 2009, en Italia, onde rematou na decimo oitava posición; na Ximnasiada Mundial (2010), en Doha, no oitavo posto; no Campionato do Mundo Xúnior de Barcelona de 2012, onde terminou na décima cuarta posición e, no Campionato de Europa Sub 23 de Tampere (2013), onde concluíu no undécimo posto. Na mesma categoría, foi quinta no Campionato do Mediterráneo, en Marsella, no ano 2014.

 

En 2015 conseguiu o resultado máis importante da súa carreira deportiva, clasificándose na sexta posición no Campionato de Europa Sub 23 celebrado en Tallin (Estonia). A súa estrea coa Selección Española Absoluta produciuse nos Campionatos Iberoamericanos de Atletismo, celebrados na cidade brasileira de Sao Paulo no ano 2014. Finalizou na quinta posición.

 

En marzo de 2014 clasificouse na quinta posición na Copa de Europa de Lanzamentos de Inverno, en Leiria (Portugal), na proba de xavelina Sub 23, sendo ata o momento, o seu mellor resultado a nivel internacional. É campioa de España absoluta nos anos 2015, 2016, 2017 e 2018. A súa mellor marca persoal é de 61,25 metros, acadada en Xetafe (Madrid), no Campionato de España de Atletismo 2018, sendo a segunda mellor marca absoluta en España de todos os tempos.

 

Con esta distancia gañou un billete para o Europeo de Berlín 2018 coa 13ª mellor marca europea do ano. Alí, quedou 14ª, lonxe da súa mellor marca.

 

Actualmente, estase a preparar para o Mundial de Atletismo de Doha 2019 e para as Olimpiadas de Tokio 2020, onde o atletismo español ten posta moitas esperanzas nesta xoven e prometedora deportista da Pobra do Caramiñal.

0
0
0
s2sdefault