Historia Contemporánea

Turismo Historia

Nos anos da Guerra de Independencia española fronte a Francia napoleónica (1808-1814), os habitantes de Negreira, xunto cos de Padrón, Santiago, Noia e outras poboacións formaron un rexemento que se distinguiu polas súas batidas contras os mariscais Ney e Soult.

Negreira tampouco foi allea a revolución liberal galega do 1846, xa que o alcalde, Domingo Maceira, foi convidado por algúns membros do movemento insurreccional a unirse a ela, mais finalmente, este optou por seguir sendo fiel ó poder constituído.

Un dos peores anos que se viviron en Negreira foi o de 1853 debido a fame. O Ano da Fame estivo motivado polas grandes treboadas e persistentes chuvias que produciron abundantes asolagamentos e a perda das colleitas da poboación campesiña pobre, que constituía a súa case total base económica. Gastáronse os aforros, vendeuse o gando e hipotecáronse terras e vivendas, incrementándose os especuladores que así puideron enriquecerse facilmente. A rapina fixo acto de presenza e todo isto obrigaría o goberno local a tomar unha serie de medidas como a creación dos grupos de vixilancia nocturna, ou as rebaixas nas contribucións e as cargas fiscais, e a busca de grans para as sementeiras.

Coa sublevación do xeral Prim en 1868, Roque Ferreiro ten a ocasión de recuperar o poder momentaneamente, destituíndo en masa a corporación municipal e a outros funcionarios, mais este movemento non chegou a consolidarse, e ós vinte días a normalidade retornou o consistorio nicrariense.

Un acontecemento de especial importancia viviuse en 1906, cando o 17 de febreiro, reinando en España Afonso XIII, se promulga un Real Decreto polo que se lle concede a Negreira a categoría de “Vila” dun xeito oficial, pola súa importancia agrícola, aumento da poboación e constante adhesión á Monarquía Constitucional.

Nestas datas, e herdado do século XIX, a vila de Negreira configurábase en centro dous bandos políticos agrupados arredor dunhas familias liberais (Caamaño) e conservadoras (Fabeiro). Pero as calas na situación en torno ó 1920 permiten extraer a conclusión que se deran unha serie de recomposicións nos grupos dominantes, que mesmamente chegarían a perder o carácter de bando nos anos trinta, froito dunha nova articulación social e do novo marco político. Foron cando menos dezasete as agrupacións políticas que solicitaban adhesións naquela sociedade negreiresa.