XII Andaina contra a violencia de xénero
Negreira manifestou o seu firme compromiso contra a violencia machista participando na XII Andaina contra a violencia de xénero este sábado, 22 de novembro.
Arredor de medio cento de persoas déronse cita no Centro Sociocultural para iniciar desde alí, un percorrido circular ata o Refuxio de Cobas. A camiñada contou coa participación do alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez, a concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, Teresa Duro Leis e a tamén concelleira de Educación e deputada provincial de Política Social, Mar García Vidal, ademais de concelleiras/os, entre os que estaban representantes dos grupos políticos, así como asociacións rurais.
A metade do traxecto, en Cobas, tomaron a palabra a deputada provincial de Política Social, Mar García Vidal; a concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, Teresa Duro Leis; e a representante da Asociación de Mulleres Rurais de Alvite, Paula Pichel Grille.
Ao longo da ruta, a marcha detívose en varias siluetas negras de mulleres que amosaban mensaxes de condena á violencia de xénero e de esperanza, lembrando que sempre existe unha saída para esta situación que sufren tantas mulleres.
Con esta andaina, o Concello de Negreira quere sensibilizar á cidadanía sobre unha realidade que cada ano afecta a centos de fogares, así como mostrar o apoio ás numerosas vítimas de todas as formas de violencia machista.
A marcha concluiu diante da Casa do Concello.