Visita do presidente da Deputación

barcala

Visita do presidente da Deputación

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, realizaron este luns un balance conxunto do impacto do Plan Único (POS+) no noso concello, que na última década permitiu executar 41 obras e investir 9,5 millóns de euros, dentro dun investimento global da Deputación en Negreira que supera os 19,5 millóns de euros.

González Formoso destacou que o Plan Único “é a ferramenta máis eficaz e equitativa de cooperación cos concellos”, engadindo que  “multiplicou por tres os fondos que recibían os concellos e dálle liberdade aos municipios para decidir en que investir, garantindo que cada euro se destine ás necesidades reais da veciñanza”, subraiou.

Un presidente provincial quen salientou que, grazas a este programa, Negreira puido acometer proxectos fundamentais de saneamento, abastecemento de auga, mellora de camiños e espazos públicos como a praza das Brañas, que doutro modo dixo “serían difíciles de financiar con recursos propios”. “Obras como a nova rede de saneamento e a estación de bombeo de augas residuais do lugar de Abeanca, cun investimento de 89.000 euros, son un bo exemplo de como o POS+ mellora a vida cotiá da veciñanza e dota de servizos básicos ás zonas rurais”, afirmou.

González Formoso instou á Xunta a incrementar o Fondo de Cooperación Local para mellorar o financiamento dos municipios con ferramentas transperentes e útiles para os concellos como o POS+.

O alcalde negreirés, Manuel Ángel Leis subliñou que “o Plan Único é unha ferramenta imprescindible para concellos como Negreira, porque permite planificar actuacións de longo prazo e mellorar servizos básicos como o saneamento, o abastecemento ou a mellora de vías municipais. Sen o apoio da Deputación, moitas destas obras non serían posibles”, apuntou. “Esperemos que outras administracións tomen nota desta colaboración e desta forma de reparto obxectivo”, afirmou o rexedor.

Negreira recibiu este ano 1.680.918 euros do POS+2025, uns fondos que se destinan a novas obras, gasto social e servizos básicos para a poboación.

Convenio para Pesadoira

Durante a visita, Formoso e Leis asinaron un convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Negreira para o financiamento das obras de renovación da capa de rodaxe do vial municipal que conecta a estrada provincial DP 0564 co núcleo de Cuíña (Mazaricos), unha vía de 1,5 quilómetros de lonxitude e apenas 5 metros de ancho que presenta un notable deterioro debido ao tráfico pesado que soporta o vial, derivado da actividade agrícola e gandeira da zona.

As obras suporán a renovación integral do firme con mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor, o que mellorará notablemente a seguridade viaria e as condicións de circulación.

O investimento total ascende a 105.703 euros, dos que a Deputación achega o 80 % (84.562 euros) e o Concello de Negreira financiará o 20 % restante con fondos propios.

Visita ao centro ocupacional

Durante a xornada, o presidente provincial, acompañado dos alcaldes de Negreira e A Baña, Manuel Ángel Leis e José Antonio Pereira Gil, respectivamente, así como a deputada de Política Social, María del Mar García Vidal, visitou tamén o centro ocupacional da Fundación para a Protección de persoas con discapacidade intelectual Comarca de Barcala, unha entidade que conta co apoio económico da Deputación da Coruña dentro do programa de subvencións a entidades sociais sen ánimo de lucro.

O centro desenvolve programas de atención, formación e integración social para persoas con discapacidade intelectual da comarca a través de distintos obradoiros que fomentan a súa autonomía, habilidades prelaborais e inclusión na comunidade.

Valentín González recibiu como obsequio unha taza persoalizada co mapa da provincia da Coruña elaborada a man polas persoas que asisten ao centro de día.