Reactívanse os permisos para queimas agrícolas e forestais

limpeza

A Consellaría do Medio Rural activou desde este mércores 16 de outubro, as comunicación e solicitudes para realizar queimas de restos agrícolas por parte de particulares e, tamén de restos forestais amoreados, tanto desde a web habilitada como a través do número de teléfono 012.

A comunicación debe efectuarse sempre con 2 días de antelación á data na que queira facerse a queima. E como é habitual, no portal web para comunicar as queimas de restos agrícolas os cidadáns deben confirmar que se trata dunha «queima correspondente a palla ou material natural, agrícola, non perigoso, utilizado en explotacións agrícolas ou gandeiras».

A maiores, tamén se retoman as solicitudes de autorización para efectuar queimas de restos forestais amoreados. Neste caso, como vén sendo habitual, fai falta contar con autorización administrativa, dado o maior risco da actuación con lume que queira levarse a cabo.

Desde Medio Rural lembran que tanto as comunicacións como as autorizacións deixarán de ter validez nos días que hai vento e altas temperaturas.