Obras de mellora na Avenida de Feiraco
O Concello de Negreira informa á veciñanza de que, con motivo das obras de mellora do firme na Avenida de Feiraco, os vindeiros mércores 22, xoves 23 e venres 24 permanecerá cortado o acceso ao tráfico de vehículos nesta vía.
Durante estas tres xornadas estará tamén prohibido estacionar en toda a Avenida de Feiraco, polo que se solicita a colaboración da veciñanza para que retire os seus vehículos con suficiente antelación, evitando así incidencias e facilitando o desenvolvemento dos traballos previstos.
As actuacións comezarán coa limpeza integral da vía e, unha vez rematada esta fase, procederase ao aglomerado de toda a rúa, uns traballos necesarios para mellorar o estado do pavimento e reforzar a seguridade e a comodidade da circulación.
O Concello agradece de antemán a comprensión e colaboración de todas as persoas afectadas e pide desculpas polas molestias temporais que estas actuacións poidan ocasionar, lembrando que se trata dunhas obras destinadas a mellorar unha das principais vías no centro da vila.